Homenaje a J. A. Durán: Leccións dun mestre

Galicia. Realidade económica e conflito socialPara min, José Antonio Durán está unido de xeito indisoluble a aquela obra espléndida Galicia. Realidade económica e conflito social (1978) que el concibiu, negociou e coordinou, e pola que tanto loitou. Parecerá inxusto, por reducionista, como homenaxe a un autor prolífico con tanta obra propia de referencia inescusable no campo da historia social, pero esta aventura foi a que o vinculou para sempre coa miña biografía e cos meus afectos.

Desde o momento en que recibiu a encarga, no inicio da primavera do 77, a actividade foi frenética. Coa paixón, entrega e eficacia que el poñía adoito nestes asuntos, nun tempo récord reuniu vinte e nove autores de solvencia indiscutible para daren cadansúa visión da realidade de Galicia, desde as diferentes especialidades, con espírito crítico e coa autoridade científica que dá o coñecemento directo dos temas e o manexo de información de primeira man. O ramallete era absolutamente diverso, tanto polas características atanguentes á idade, ideoloxía e compromiso político dos convocados, coma polo abano de disciplinas e ámbitos sociais concernidos (socioloxía, economía, historia, agronomía, arquitectura, xeografía, literatura, xornalismo, enxeñería, sociolingüística, pedagoxía, ecoloxía…; igrexa, artes, comunicación, política, industria, pesca, montes, ordenación do territorio, asociacionismo, conflitividade social…). Iso si, baixo a batuta de José Antonio Durán toda esa panoplia de instrumentos heteroxéneos soaba como a orquestra máis compenetrada e afinada. Niso era un mestre.

Foron meses intensos, en contacto permanente con Durán, directo en Pontevedra, Santiago ou Rianxo, cando el estaba en Galicia, por teléfono ou carta cando volvía a Madrid. A miña función, xunto con Paco (Francisco Fernández Rei), era revisar lingua e estilo, en galego e en español, ademais de traducir todos os textos, que os autores redactaban no idioma da súa escolla. O traballo foi inxente, tanto pola dimensión desta obra coral (757 pp. na versión galega) coma polas dificultades derivadas do baixo nivel de definición da variedade estándar do galego moderno, daquela en plena fase de elaboración (a primeira edición das NOMIG, que recollen a norma oficial, é de outubro de 1982), cunha carencia xeneralizada de repertorios terminolóxicos para as máis variadas materias. Puxémonos á nosa tarefa coa mesma paixón e entrega que o noso director poñía nas súas e o cumprimento da encarga, afrontado o enorme reto, foi realmente enriquecedor, en todos os planos. Debo dicir, en honra de José Antonio Durán, que en todo momento el foi quen de gobernar con determinación o barco, coa seguridade do mellor proeiro, sen por iso considerar a ningún de nós como tripulación subordinada; dito doutro xeito, no meu recordo, el depositaba a súa confianza en cada un de nós e na nosa profesionalidade (lingüistas, debuxantes, autores, fotógrafos, etc.), sen ningún mandato superior ou imposición, cada un co seu rol, todos igualmente esenciais, nun trato entre pares. Unha habilidade na que tamén foi un mestre.

Cumpridas todas as esixencias, na primavera do ano seguinte o libro entrou no prelo, deixándonos a todos coa satisfacción dunha obra redonda da que nos sentiamos lexitimamente orgullosos e co capital dunha excelente relación persoal, labrada nos afectos e tamén nas complicidades. Pero, finalmente, non puido ser: o libro impreso, con edición separada das versións galega e española, precioso ata na cuberta de Luís Seoane, foi secuestrado polos promotores, o Banco de Bilbao, que impediu a súa difusión ata hoxe. En calquera momento da historia, incluso enfeitado de innovación e modernidade, pode xurdir quen cre poder frear o coñecemento mutilando ou matando un libro.  Pero aí estaba José Antonio Durán que, no duro proceso de negociación, defendeu a integridade da obra sen pregarse a ningunha das ofertas de deturpación, e que salvou para nós e para a posterioridade algúns  exemplares deste retrato de Galicia realizado a fins da  transición, cando soñabamos que tantas cousas serían posibles. Beizón, José Antonio, por tantas leccións.

 

HOMENAJE A JOSÉ ANTONIO DURÁN:

  1. Pablo Durán
  2. Mª de los Ángeles Tilve Jar
  3. Javier Munáiz
  4. Miguel Anxo Seixas Seoane
  5. Rafael Chacón Calvar
  6. Justo Beramendi
  7. Luís Cochón
  8. Rosario Álvarez