ARREDOR DE SI de Otero Pedrayo. De novela a historia

A novela e os seus co-textos

Arredor de siArredor de si apareceu na colección Lar, da editorial Nós de Ánxel  Casal, en 1930. Era unha edición pobre,  feita con restos de papel que sobraron da impresión do xornal El momento, un vespertino efémero, tamén propiedade de Casal. Non tivo, ademais, moita sorte, pois ata 1970, no mereceu unha reedición, nin sequera nas editoriais do exilio. Chegouse a dicir que a pouca difusión da novela debíase a certas dificultades de lectura, á dispersa ordenación dos materiais narrativos e mesmo ao exceso de didactismo e erudición. Contén citas ou referencias de máis de 80 ensaístas, historiadores, filósofos ou literatos, tanto antigos coma actuais, dos que se presupón que o posible lector debe ter algún coñecemento. Por se faltase algo, a todo isto hai que engadirlle unha Guerra Civil,  a dictadura de Franco e a expulsión de Otero como catedrático do Instituto de Ourense. Franco Grande, en Os anos escuros,  de 2004, afirma que, alá polos anos cincuenta, cando el era estudante en Santiago e Otero catedrático na Universidade, a sona de Otero era grande e non paraba de medrar. As súas dotes de orador, sempre conectado cun público desexoso de escoitalo, axudaban a conformar e a agrandar a figura dun futuro Patriarca das Letras Galegas. Mais, fronte a isto, dábase o paradoxo de ser un novelista pouco lido.  Franco Grande di que por aquela época as librerías  de vello de Compostela estaban cheas de exemplares de Fra Vernero que ninguén compraba. Arredor de sí non foi, pois, unha novela popular. E talvez non  fosen outras as pretensións do autor ao  escribir unha novela  para escollidos ou iniciados.

Xa en 1927 publicara Otero na mesma editorial Escrito na néboa, na que aparece un Adrián Solobio, esta vez escrito con b,  case homónimo ao Adrián Solovio de Arredor de si. O título interésanos polo que ten de simbólico, polo que ten de definidor de ambos personaxes, se é que non son o mesmo. A néboa é a néboa existencial, metáfora que se repetirá ao longo do texto.

Ramón Villares en Fuga e retorno de Adrián Solovio, discurso  de ingreso na RAG (2006),  afirma que Arredor de sí é unha novela a destempo, xa que o seus tempos propios eran os de finais do XIX ou comezos do XX. Se así fose, coincidiría con certas novelas importantes publicadas en castelán no momento e de tema parecido, o da peripecia dun personaxe que busca construirse a si mesmo desde a autenticidade, que pugna por saír da néboa que rodea a súa vida. En 1902 publica Pío Baroja Camino de perfección e Azorín La Voluntad, novela que é citada por Adrián Solovio en Arredor de si.  Máis tarde, en 1914, publica Unamuno outra nívola de título non menos simbólico: Niebla. Pode haber coincidencias en canto ao tema e formas narrativas de construír o personaxe nunha  novela de aprendizaxe, como en todas, mais a obra de Otero é posterior non só pola obvia evidencia das datas senón pola corrente de pensamento na que se inscribe. Arredor de si  supón a existencia dun movemento político que empezara coas Irmandades da fala, do seu órgano de expresión, A Nosa Terra,  da revista Nós, ou da creación do Seminario de Estudios Galegos e que culminarán coa creación do Partido Galeguista dos anos trinta polo que Otero, andando o tempo, será deputado.  Neste sentido a novela foi saudada como texto representativo e modélico. Villar Ponte afirma que é unha  novela gallega magistral (El Pueblo Gallego 20-VIII-1930). Vicente Risco no artigo titulado Nós,os  inadaptados publicado no número 115 de Nós, en 1933,  di que a novela é clave para comprender todo do proceso que experimentaron os galeguistas, en especial os do grupo ourensán. Un mozo de 24 anos, Carballo Calero, publica no número 131 de Nós de 1934 unha recensión de Arredor de sí que se resume no mesmo título:  A xeneración de Risco, tal era a representatividade da novela

Arredor de si como texto fundacional

Florentino López Cuevillas

Dez anos antes da publicación da novela de Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, no número 1 da revista Nós, de 30-X-1920, escribiu un artigo titulado Os nosos tempos. É o texto que exemplifica o momento da ruptura co seu inmediato pasado deste grupo ourensán formado por Risco, Otero, Noguerol e Cuevillas, todos moi influenciados por Antón Losada Diéguez, catedrático de Filosofía no Instituto de Ourense (1917-1919). Atrás queda a revista teosófica La Centuria, escrita en castelán, e o comezo da nova xeira. Son feitos clave na toma desta decisión sucesos como o estalido da Primeira Guerra Nundial , o establecemento  dunha nova orde política e o triunfo da Revolución Rusa. Estes sucesos esfarelan  o seu pequeno mundo provinciano  e obrígaos a tomar postura. No texto de Cuevillas xa se fala dos «pobos de España», dunha nova «orde xurídica e política do Estado español». E fálase tamén da desgaleguización de Galicia e da perda  do idioma galego. Lingua, léxico e temas son todo unha novidade se temos en conta a producción literaria anterior deste grupo.

Outro texto capital é  Nós, os inadaptados de Vicente Risco, publicado coma xa dixemos na revista Nós,  en 1933. Foi logo recollido en libro e publicado xunto con outros traballos en 1961 co título de Leria. Nel Risco reflexiona sobre o xurdimento do grupo que se autotitula Nós: Cando un do meu tempo dicía  nós , se non refería endexamais aos da súa xeración, nen aos da súa clás; referíasse de cote a un pequeno agrupamento identificado no pensar ou no facer, a unha escola, a unha capela, a un cenáculo -o noso tempo  foi o dos cenáculos literarios e artísticos. Risco fala dun grupo escollido, dun grupo minoritario, é dicir, dunha elite. Ese

Nós nunca poderá referirse a todos. En principio fai referencia «aos malcontentos, os difícis de gusto, os desprecisativos, os disgustados de todo, os que andan a precura de cousas lonxanas e requintadas, os anosmais por supernormais.

Non é estraño que o pronome persoal nós ou o posesivo noso / nosa apareza con tanta frecuencia en textos deste grupo. Así temos  a revista Nós, artigos como  Os nosos tempos (Cuevillas), Nós, os inadaptados (Risco), a outra revista A Nosa Terra, a xeración Nós … A construcción de ese Nós colectivo, de esa elite,  será un problema e unha meta, desde o principio. No mesmo Leria de 1961 Risco  fala de que: Algunha vez latricando cos amigos, teño dito que se volvera a dirixir unha revista, non se había de chamar Nós, senón eu, e así ninguén quedaba «comprometido»…nin eu.  Con todo, ese tránsito de nós ao eu e ao revés, de eu o nós non é tan doado como quería Risco. Nós e eu son palabras da mesma clase mais teñen, ás veces,  comportamentos diferentes. Eu é a instancia inmediata, intuitivamente dada; nós precisa de máis traballo para construirse. Supón a existencia dun colectivo que se recoñeza como tal. Sabemos que nós é un plural e ademais primeira persoa, mais non é o plural de eu, que é un  singular e tamén primeira persoa. Nós non é a suma de un eu, máis un eu, máis un eu… da mesma forma que casas é plural de casa. No discurso eu é o único que fala. Se alguén fala é eu. Nós non fala, senón que un eu fala e outros concordan. Polo tanto ese nós é sempre unha componenda, mesmo nos casos máis simples. Por iso leva dentro a obriga de un pacto enhtre  eu e outros, sexa quen sexa eu. De aí que tamén se fale de pacto político, no sentido máis amplo e etimolóxico da palabra, cado se fala de nós.

Temos así que en Arredor de si ese si marca en principio un singular, máis  pódese cambiar por un nós se nos queremos referir a un grupo. Sería entón un Arredor de nós, no que os problemas individuais vólvense colectivos. Hai unha tradución inglesa da novela feita por Katheleen March en 1995. O título que lle puxo foi The world around us, no que pon us (nós) en vez de self (). Sería un título que reflectiría as andanzas e peripecias dun grupo de iguais, no que  Adrián Solovio sería un exemplo. Non moi contenta, en 2007 a autora cambiou  o título polo moito máis indefinido, ¿nebuloso? de Circling.

Arredor de si novela de aprendizaxe. Os espazos de fuga e retorno

Adóitase dicir que Arredor de sí é unha bildungsroman, unha novela de educación ou aprendixaxe. Villares no seu traballo xa citado Fuga e retorno de Adrián Solovio agrega un subtítulo moi expresivo: Sobre a educación sentimental de un intelectual galeguista.  É verdade que Arredor  de sí contén os elementos propios que caracterizan este tipo de novelas como son o relato dos anos de juventude, os camiños, de perfección ou de  desvío, percorridos, as viaxes (fugas e retornos) ou peregrinacións xa non só polo espazo físico senón tamén nas profundidades, maiores ou menores, do seu mundo espiritual. Con frecuencia son relatos da peripecia de un só personaxe central fortemente caracterizado que sofre transformacións biográficas importantes. Parten dunha situación primaria e xuvenil, chea de dúbidas, envolta nesa néboa existencial xa citada. Este tipo de personaxes pertence ao grupo dos inadaptados, dos malcontentos coa súa vida e co seu medio social, mesmo inimigos da súa propia contemporaneidade.

En Arredor de si son espazos de fuga a viaxe e estancia en Madrid, co motivo de preparar unha oposicións a cátedras,  e as viaxes por terras españolas, por Toledo, por Burgos. Nestes espazos percibe, e cada vez con máis intensidade, unha certa discordancia entre o que ve e o que sente. Nalgún momento recoñece as dificultades de sentirse acollido nas terras de Castela. Un íntimo desacougo impide esa relación.  Amplía a súa viaxe por Europa, por París, Berlín, Amsterdam e outras cidades, en compañía de Frolinda, a súa amante. O desacougo persoal persígueo tamén nestes espazos e sente que: Endexamais serás un europeo, un home moderno. A ruptura coa súa amante marca a fin da viaxe por Europa. Ábrense outros espazos que constituirán os espazos do retorno.

Na última noite en Amberes, nun paseo polo peirao, sente, en palabras do narrador,  as voces dun coro estrano, nunha lingua nunca ouvida, esgrevia e ruda mais tamén estranosamente doce e lonxana como si fora unha lingua bañada no orixen humano e mitolóxico de algo que vivía na ialma de Adrián. Eran mariñeiros galeses e no seu cantar coidaba percibire Solovio a eterna mocedade da onda choutando na costa, un delirio de luar, un locir de lar étnico. No momento, lembrou, que o cantar galés recordáballe o celtismo dalgúns escritores galegos que o emocionaban de mozo, no seu bachalerato.  O paseo polo peirao antuerpiense remata coa  voz doutro coro, pero esta vez en galego que canta na negrura da noite o «Santo Cristo de Fisterra». Desde outro barco invisible outro coro responde con «Lanchiña que vas en vela».  A tensión emocional non pode ser máis alta:  Adrián rompe a chorar. O narrador describe así o momento: ¿Que lle acontecía ao intelixente europeo? Sintiu Adrián os ollos queimados por bágoas de neno e anulada toda capacidade refreusiva. Ao deitarse aquilas bágoas tiñan un sabor de perdón. E ditoso afundíase no sono. Comeza o verdadeiro regreso. As primeiras revelacións xa foron dadas.  Volve só e por mar, por ese Atlántico que abre Galicia a Europa. Neste retorno definitivo á terra xa non é preciso cruzar os vellos campos de Castela.
Chega á Coruña e apenas se detén nela. Desde tempo atrás consideraba que A Coruña era un pequeno Madrid. Pasa por Carral e ve o monumento aos mártires de 1846. Lembra vagamente que houbo alí o inicio dunha revolución galega. Só ten referencias dela polas lembranzas do seu tío, o sacerdote don Bernaldo. Promete indagar sobre o feito.

Compostela, cidade na que, estrañamente, nunca estivera vai ser toda ela a outra gran revelación. Unha epifanía completa. Entrou na cidade nun coche con chofer e segundo conta pasou por Casas  Reales, a Praza do Pan, a Azabachería, a Praza do Hospital, a Rúa Nova, para saír á carreteira de Ourense. Tal foi a grandísima e imponente fermosura  de todo aquilo que ve e que ignoraba que sentiu: Un vértigo grave, de grandeza infinda e ao mesmo tempo familiar. Dúas  revelacións nun único momento. Por unha parte a visión nocturna de Compostela como esa conxunción de pedra, monumento e relixión e pola outra esa sensación de familiariedade  coma si xa estivese dalgunha maneira no seu interior desde sempre. Esa familiariade xa fora sentida canto escoitou  a canción galesa no peirao de Amberes. Descoñecía o sentido das palabras máis entendía a música e o seu sentimento. Éralle familiar desde a orixe. Ese misterio é toda unha pregunta: ¿Que cousa enorme, solene, vibradoira de serea eternidá enche a noite?

A última revelación neste camiño de retorno é a chegada á casa grande da aldea. É o punto final do retorno, a fin de todas as fugas. Adrián renuncia á oposición a  cátedra de Filosofía, renuncia á cidade e renuncia mesmo á modernidade. Fala coa nai, que se alegra de que o fillo desande o mesmo camiño que ela desandou e deixe a cidade tal como ela fixo. A mesma traxectoria fixera antes  o seu tio, o sacerdote don Bernaldo, que escollera tamén a súa casa e a súa aldea fronte a outros destinos curialescos. E non só recupera a Terra, senón tamén a lingua, a que el tanto desprezara.  Idioma e terra son dúas das formas de autencidade. Outra era a relixión,  o cristianismo. O seu tío Bernaldo fora o exemplo. ¿Que forma máis dina e cristiana, que produitos  máis seguros?

E o sorprendente e  que, unha vez que tomou  decisión  tan importante, dase conta de que non está só no intento. Hai outros que coinciden con el nesa intención política de autentificar e dignificar a fala, as tradicións, a Terra. Hai outros con el nesa tarefa de construír un nós, un acordo entre nós que nos defina: Foise dando conta de non ser il soilo na Galicia: unha falanxe dispersa na aparencia, unánime na arela, traballaba  en diferentes Terras da Galicia.

A paisaxe e o territorio

A invención do concepto de paisaxe engade unha variable estética na percepción do territorio. A Terra, con maiúscula inicial, resólvese en distintos territorios dada a súa estrutura e dispoisción. O traballo humano sobre ese territorio determina unha paisaxe. Nese sentido a paisaxe é a forma, o significante, en que se mostra o territorio.  Para Adrián Solovio é tan forte esta determinación que, ante a contemplación da cidade de Toledo, na que, a pesar do mudexarismo dominante, sobresae a impronta da terra castelá, che a dicir: Non hai estilos. Hai terras.  A paisaxe é o estilo da terra. Mesmo os tipos humanos veñen determinados pola terra e as súas paisaxes. Este sentimento, pois nesta construción todo se torna sentimento, fai que todo se torne símbolo, e por veces, símbolos redundantes. Terra, territorio, paisaxes, homes e mulleres… todos son referentes do mesmo. Na novela hai tamén personaxes recorrentes, que redundan na mesma idea.  O tío Bernaldo, a súa irmá, a velliña, a súa nai, todos eles se reclaman da Terra. Cando Adrián regresa, pasa a se inserir nesta tradición de xentes ligadas á Terra. Mesmo mapa e territorio confúndese no símbolo. No leito de morte don Bernaldo pídelle ao sobriño,  Adrián, que lle achegue o mapa de Fontán.  O vello vai percorrendo nel distintos lugares de Galicia que coñece. O mapa de Fontán permite unha visión unitaria e completa de Galicia. É dicir, o mapa permite entender a singularidade de Galicia.

Hai, pois, dous procesos que finalmente se fundirán nun. Por unha parte as fugas e retornos de Adrián Solovío mais tamén as fugas e retornos de Galicia. Ambos dous sofren o mesmo proceso e necesitan de semellantes remedios. Volver ao seu centro, reauntentificar o seu ámbito, recuperar a lingua e o territorio. Eses son os procesos paralelos.

Arredor de si, novela exemplar

Ramón Otero Pedrayo

Arredor de si tamén pode verse coma unha novela exemplar, no sentido de mostración dun exemplum, esquema ou modelo exemplarizante. A resolución do conflito biográfico que arrastra Adrián é, salvando as distancias para xuntalas ao final,  un conflito semellante ao que arrastra Galicia.  Un conflicto no que están en xogo as personalidades, tanto do individuo (Adrián) coma do colectivo (Galicia). O mesmo xogo das voces, que non polifonía, que se moven ao longo da novela está construído para mellor representar ese dobre proceso.

O relato organízase desde a perspectiva dun narrador omnisciente en 3ª persoa. Dada a escasa peripecia da novela, a parte discursiva, e polo tanto  ideolóxica, ocupa unha extensión considerable á costa da estricta narración. O  narrador é o encargado de levarnos da man e desvelarnos ese entramado de ansias  e dúbidas que Adrián leva dentro. Ás veces dalle paso a voz do protagonista xa sexa pola frecuencia do estilo indirecto libre ou mesmo polo uso de comillas para reproducir citas textuais do discurso de Adrián Solovio. Non é nada distinto o que di o narrador do que di o protagonista. Ata tal punto chega este intercambio de voces que en moitas ocasións no saberiamos distinguir cal é a parte de un e cal a do outro.  Son distintos personaxes coa mesma voz, que moi ben podería ser unha de primeira, a do protagonista.

Os outros personaxes apenas teñen voz nin consistencia de personaxes no fío narrativo. A nai ou o tío Bernaldo son figuras de apoio de Adrián, aqueles dos que se reclama a tradición, a terra e a paisaxe. O irmán Xacobe e Frolinda, a amante de Adrián, son o contrapunto, a diferencia e os negadores da tradición. Son os que na novela representan a vida das cidades e a modernidade. A inautenticidade fronte á terra e a aldea.

Obviamente, o autor, Otero Pedrayo, é o responsable de montar este xogo de voces, que tanto teñen que ver coa súa vida, aínda que non podamos dicir que a novela sexa unha autobiografía. Mais o proceso de reconversión que sofre Adrián é moi parecido ao que sofreu Otero Pedrayo. Por iso os seus pensamento son coincidentes. Otero tamén andou tempo arredor de si ata que atopou o seu centro e conseguiu saír da nebulosa. Non é nada disparatado dicir que tanto as reflexións e os pensamentos do narrador como os do protagonista (figuras de ficción) son moi parecidos aos do autor (figura real). Nesta repetición descansa a mostración de todo o discurso ideolóxico, a doutrina do relato. Mais, ¿que pasa co lector que é a figura esquecida ata o de agora? Xa dixemos que non foi no seu tempo unha novela popular, que era unha novela para escollidos e iniciados, para lectores mozos, que tivesen unha certa cultura e unha clara preocupación polos asuntos de Galicia. Tratábase de atraer ao galeguismo a unha parte da mocidade galega. Neste sentido a novela escollía, e escolle, os seus lectores. No momento da lectura, o lector reproduce en si mesmo as reflexións, as dúbidas, as andanzas e as peripecias de Adrián Solovio. Tamén o lector anda arredor de si na procura dun centro. Velaí como, nun xogo que a literatura permite, autor, narrador, protagonista e lector participan do mesmo proceso. Por veces son intercambiables. Non se fai catequese porque non hai proselitismo. Faise pedagoxía (nacionalista). Trátase dunha lección, nos dous sentidos da palabra, xa como lectura, xa coma ensinanza.

E o xogo continúa, mesmo chega ata nós, os lectores actuais. Tiveron que pasar 40 anos desde a primeira edición de Casal ata segunda de Galaxia, de 1970. A esta sucedéronlle varias máis e con éxito. Son os anos do último franquismo e da primeira democracia. Son os anos da implantación do galego como materia no ensino medio. A novela foi lectura recomendada ou obrigada en moitas aulas. Arredor de si, cumpría de forma plena a súa vocación aleccionadora tantos anos despois.

Para punto final, copiamos o último parágrafo no que a novela transcende á literatura e quere ser política Parecen palabras do narrador mais son máis propias do autor: Eiqui remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir de Adrián Solovio. A súa vida desde agora identifícase ca vida de Galicia; xa non é novela, nin esperiencia psicolóxica. Xa é historia. Pois Galicia tamén comeza a ser outravolta historia desde que adeprendeu os camiños pra atopar a súa concencia e deixou de andar, como unha cega, arredor de sí.

 Rafael Chacón Calvar

Nota: Este traballo foi publicado  nos Cadernos Ramón Piñeiro, número XLII de 1920