Que vén sendo unha máscara? Unha careta para agochar identidades?, un aditamento que permite aflorar o verdadeiro ego? Pódese opinar que tal artificio para tapar a face pasa por ser un elemento que refuxia a quen a porta nun anonimato liberador. Anonimato procurado por timideces, anonimato pretendido para ter a capacidade de executar accións que, doutro xeito, nunca se farían. Máscara, os dominios do oculto. O CCCB presenta agora unha ampla mostra que titula La màscara no menteix mai. Tan rotunda afirmación é certa?
La màscara no menteix mai. Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB)
Les màscares serveixen per comunicar-nos amb el que és invisible, però també posseeixen un component subversiu i clandestí. Darrere la màscara, a l’empara del que no es veu, la nostra identitat queda en secret i som capaços de fer realitat els desitjos més prohibits amb una certa seguretat. La màscara no és passat, com tampoc no menteix. (Servando Rocha, comisario).
A mostra que agora presenta o CCCB, La màscara no menteix mai, unha extensa exhibición de máscaras (xunto con máis materiais) e dos seus empregos ao longo do último século e medio, está comisariada por Jordi Costa, responsable de exposicións do CCCB, e mais polo escritor e activista Servando Rocha. É máis, a exposición baséase no estudo/libro de Rocha: Algunas cosas oscuras y peligrosas. El libro de la mascara y los enmascarados, publicado pola editorial La Felguera, que o propio Rocha creou.
O escritor e activista cultural Servando Rocha é coñecido polos seus traballos sobre movementos contraculturais, xa en música, xa con matices culturais máis amplos. Séntese atraído polos submundos, polas subculturas, o que non é evidente, que non se manifesta con claridade. No comezo deste libro que se cita aquí, Rocha introduce a modo de reflexión xenérica de todo o volume, as seguintes verbas que Nietzche escribiu en “Así falaba Zaratustra”: Eu amo a aqueles que só saben vivir para desaparecer. Porque eses son os que pasan ao outro lado. A querenza polo que está máis aló do mundo aparente, a atracción irresistible do agochado.
A mostra La màscara no menteix mai, por tanto, é debedora do seu argallador. Ten as súas contribucións e as súas teimas. Aqueles temas e tendencias sociais que se produciron desde mediados século XIX ata agora e que son atractivos ao investigador, están presentes; e aqueles outros que non lle interesan tanto non aparecen. Nas verbas de presentación da exposición o propio CCCB manifesta que se trata de ofrecer a visitantes una màscara dessacralitzada, que s’infiltra dins del paisatge polític com a instrument al servei de perversos exercicis de poder o com a eina per a la construcció identitària en l’activisme polític i les lluites socials. É dicir, o emprego “político” da careta en sentido amplo. As democracias occidentais teñen unha especificidade que tende a tensionar as sociedades: as inacabables convocatorias electorais. Tal característica ten o efecto -discutible de ser sempre positivo- de que as persoas que se dedican profesionalmente á política van sempre (ou nun alto porcentaxe de tempo) con máscaras, manifestando aquilo que non pensan e que saben que, logo, non farán. A máscara minte, ou non minte?
Para dar unha visión extensa no tempo e mais nas diversas xeografías, en La màscara no menteix mai é doado atopar moitas e diversas máscaras; pero tamén abundan outros materiais moi válidos: vídeos, anacos de filmes (The Masque of the Red Death, de Corman, por exemplo), documentos, carteis, traxes antigases e doutros grupos.
La màscara no menteix mai. Significados contraditorios.
O que desexo é a liberdade de ir polas rúas soa, entrar e saír, sentarme nas Tulleries, e especialmente o pracer de mirar as tendas de arte, entrar nas igrexas e museos, camiñar polas rúas de noite. Iso é o que quero; e sen esta liberdade non se poder ser unha verdadeira artista (…) Todo iso é o que me fai rinchar os dentes cando penso que son unha muller. Cun vestido burgués e unha perruca, estarei tan fea que serei libre coma un home! (Marie Bashkirtseff, Diario, 1879).
O parágrafo anterior escrito pola artista Marie Bashkurtseff semella non ir oportunamente neste lugar, nunha crónica sobre unha exposición dedicada ás máscaras e as súas funcións sociais. Semella. Pero esa pintora, que morreu aos 25 anos, que de tan feminista que era (nos anos 80 do século XIX) tivo tempo de escribir nela e de financiar a revista feminista La Citoyenne, o que está proclamando é que vai procurar unha máscara (vestido burgués e unha boa perruca) que lle permita saír á rúa e pasar desapercibida, poder camiñar por onde queira, de día e de noite; como pode facer un home. Canto sufrimento! Canta desigualdade!
O mundo da máscara é atractivo, rico, inabarcable. O título desta exposición é pura provocación: La màscara no menteix mai. Non minte, ou minte sempre? A máscara foi empregada polos humanos ao longo dos milenios con finalidades e mensaxes opostos, contraditorios. A máscara foi usada para a achega ao sagrado, pero tamén tivo e ten moitos usos totalmente profanos. Moitos criminais taparon identidades por tras dunha careta, así como (na exposición é evidente) é signo identificador de tantas e tantos xusticeiros! A máscara mostra, e tamén oculta. A máscara, comunicación e segredo. As máscaras empregadas no teatro (desde Grecia clásica, polo menos) evidencian personaxes: comicidade, dramatismo; como tamén o fai a forte maquillaxe de que fan gala os actores no teatro clásico xaponés, o kabuki, onde, por máis sinais, só podían actuar homes (que tamén facían as personaxes femininas). A maquillaxe -logo- é un xeito de máscara facial? E a cirurxía estética?, esa obsesión por mudar a fasquía persoal, non vén sendo un ritual de ocultación?, ou o que se procura, máis ben, é pór a flote a “alma” da persoa?
Nestes días a actriz Emma Thompson, á que xa deron premios de todo tipo, e levou aos teatros e salas de cinema centos de roles ben diferentes, está a promover nestes meses o seu último filme: Good Luck to You, Leo Grande, a historia dunha muller de máis de 60 anos que decide a esa idade explorar a súa intimidade sexual. Nas entrevistas vén de afirmar que agora, neste filme, enfróntase ao papel máis difícil da súa carreira profesional: nun intre da rodaxe, a actriz ten que mirarse a un espello totalmente espida. E dixo que non o pode resistir: mirarse a si propia no espello; verse sen máscara. Que lle acontece? Non atura a realidade da súa verdadeira identidade? Fuxir dese autorretrato no espello é o que se procura con maquillaxes, con tatuaxes, con cirurxías?
Agora nas salas do CCCB atópanse achegas ben interesantes a movementos de calquera lugar do mundo, pasados e presentes. Por exemplo ao Ku Klus Klan, por exemplo á figura de Fantômas e o seu emprego polos surrealistas. Que pode haber máis caro ao surrealismo -ás emanacións do subconsciente- que unha máscara? Máscaras eran para Tanguy, Miró e compañía os seus cadavre exquis, as súas escrituras automáticas; alí saía o que non se manifestaba no discurso lóxico e consciente habitual. O relato cronolóxico segue cos enmascarados loitadores mexicanos e outras utilizacións de caretas na actualidade como a aparición da máscara de Anonymous ata a utilización polas rúas do planeta das mascarllas perante a presente Pandemia do virus Covid-19.
Pola contra bótanse en falta cousas a tratar sobre tema tan atractivo, desde mediados do século XIX, para non ir máis lonxe. Quizais as propias dimensións da mostra aconsella non estenderse máis. Bótase a faltar, por exemplo, a riqueza temática das caretas dos entroidos en calquera lugar deste península, e fóra dela. (Ben é certo que, ao comezo de La màscara no menteix mai, hai referencias ás caretas de carnavais alemáns e mais austríacos). Xa só en Galicia a enumeración é ben extensa. Acaso o Entroido (Carnaval) non é político? A inversión de roles sexuais, as duras críticas que sempre se dedicaron aos poderes políticos, non son política? Tampouco se referencia esa outra traxedia política: a obrigación por parte do patriarcado de moitos estados e interpretacións relixiosas a que as mulleres deses lugares vaian absolutamente tapadas. O burka, por exemplo, como manifestación extrema dun uso político determinado.
Paralelamente -como se unha orquestra tocase acordes de coordinación, na Fundación Foto Colectania tamén hai unha mostra de fotografías que brindan unha visión ben similar: Face Control. O emprego de caretas, de telas que agochen as faces, de pinturas sobre a pel que mudan a habitual aparencia.
La màscara no menteix mai. Ku Klux Klan, surrealismos.
O mistério das coisas, onde está ele?
Onde está ele que non aparece
Pelo menos a mostrar-nos que é mistério?
Que sabe o rio disso e que sabe a árbore?
E eu, que não sou mais do que eles, que sei disso?
(Fernando Pessoa. O Guardador de Rebanhos, 1911-12)
A organización Ku Klux Klan -nome complicado que seica procede da palabra grega kuklux, que significa círculo- nace nos estados do sur de EEUU despois da súa derrota na Guerra de Secesión e con características políticas bastante claras. Tivo varias etapas, momentos de moita actividade así como outras nas que foi prohibido e practicamente desaparecido. O primeiro KKK, do século XIX e radicado fundamentalmente en Tennessee, baseou as súas aparicións en tradicións anteriores, europeas algunhas delas. Inspiráronse nas lendas nórdicas e centroeuropeas dos exércitos furiosos. Trátase de xinetes que viaxan polo ceo, guiados pola vesania e a furia (zombis medievais?). Deste xeito, as primeiras aparicións públicas dos membros do Klan (como eles se autochamaban) procuran presentarse como se fosen demos iracundos dispostos a arrasar con todo. Neses tempos a indumentaria dos compoñentes do Klan era diversa e bastante folclórica. Eles mesmos dicían: temos que amosarnos como monstros para executar monstruosidades.
No segundo período do Klan o máximo responsable da dirección e das accións de tal organización foi William Joseph Simmons. Segundo se expresa na exposición La màscara no menteix mai este dirixente (comezos do século XX) chegou a ter unha fábrica na que se elaboraban os uniformes -obrigatorios- dos membros do Klan; o que lle reportaba importantes beneficios. Sempre acontece: sempre se mestura a “pureza de certos ideais” co aproveitamento económico. Ocultarse para rituais racistas, si, pero uniformados e formais. Servando Rocha meteu no apartado dedicado ao Klan moita información e materiais diversos empregados pola mesma organización racista.
Quizais sexa doado establecer un paralelismo entre o que aconteceu co nacemento e expansión desta organización racista e supremacista branca e o que está a acontecer agora mesmo nos EEUU, e noutros lugares dese e doutros continentes. Segundo escribe a historiadora Elaine Frantz Parsons en Midnight Rangers: Costume and Performance in the Reconstruction-Era Ku Klux Klan, 2005, cando se desarticulou o Klan (como os seus membros lle chamaban) resultou que dentro había grupos antinegros, granxeiros pobres, bandas guerrilleiras, políticos demócratas desprazados, destiladores ilegais de whisky, mocidade aburrida, sádica, violadores, (…) ladrons comúns, … Nos EEUU, mormente des que Trump foi presidente, hai accións nas que se sabe que se aglutinan diversidades sociais como as que aquí especifica a historiadora (asalto ao Capitolio, movementos antivacinas, …). Feitos similares son observables neste país coa amalgama social que responde ás convocatorias do grupo político Vox.
Tamén a comezos do século XX fai a súa aparición, en Francia, o personaxe Fantômas. Trátase dunha creación literaria que logo chegará ao cine e tamén aos cómics, facéndose moi popular. Fantômas é un ladrón, un asocial, un sociópata, que logra aquelas cousas que as persoas normais non conseguen. Un alterego. E iso é precisamente o que tanto atraerá desa figura aos surrealistas. Este personaxe racha as convencións sociais, fai o contrario do que se espera. Foi moi aplaudido polo rachador movemento Dadá por moitos artistas e escritores do surrealismo. O Fantômas tamén está amplamente representado na mostra que agora se comenta. Relacionado co surrealismo e as máscaras hai na mostra de Rocha referencias fotográficas ao trio Carrington, Varo e Horna, as que se chamaron As Tres Bruxas da Arte, tres mulleres surrealistas que fuxindo dos fascismos levaron os seus exilios á Ciudad de México. E alí a fotógrafa Kati Horna retratou ás dúas grandes pintoras surrealistas coas máscaras que crearon para sendas obras de teatro que estrearon alí. A obra de teatro na que traballaba por aqueles días Leonor Carrington chámase Opus sinistrus, unha invitación a visualizar a face oculta da lúa, da vida, dos sentimentos? Carrington chegou a México despois de pasar moitas penalidades; algunha en España: viaxou á España franquista (1940) para tratar de liberar ao seu compañeiro Max Ernst (detido pola policía franquista), e o que conseguiu foi acabar recluída nun hospital psiquiátrico en Santander.
La màscara no menteix mai. Luchadores mexicanos, Anonymous, Pandemia.
La nit és la porta a la verdadera vida, aquella vida plena on l’impossible regna i la mort no imposa la seva llei. És l’imperi dels somnis enigmàtics, insondables però també tendenciosos i perillosos perquè atempten contra la nostra lògica de pensament. Però, per sobre tot, els somnis representen desitjos. (Albert Serra, cineasta, 2017).
A noite como cancela a outros mundos. A noite, portela ao subconsciente. O escuro como máscara, os soños transportadores dos máis recónditos desexos?
En México hai unha fonda tradición de loita libre onde os participantes sempre o fan portando unha máscara. Unha máscara identitaria, que mormente dá nome ao combatente. A máscara é moi importante, non a poden sacar, a non ser que sexa vencido e o contrincante lla arranque. Son loitadores, pero tamén son, ao seu xeito, xusticeiros, persoas que loitan por promesas, por decisións que non poden traizoar. A Servando Rocha débelle atraer moito ese mundo, submundo, dos loitadores enmascarados, pois en La màscara no menteix mai están representados por unha moi extensa e multicolor sección.
Ben coñecido por libros e mais por filmes é o personaxe de ficción El Zorro (aquel que rubricaba na pel dos seus inimigos vencidos cunha Z), creado en 1919 por Johnston McCulley. Foi dos primeiros heroes. As súas aventuras rondan a cidade de Los Ángeles (California) nos tempos que aquelas terras eran mexicanas. É un xusticeiro atractivo, loitador, alter ego de don Diego de la Vega, aristócrata, que sempre leva posto un amplo anteface que lle oculta (desvela?) a identidade. Na España franquista, en 1943 veu a luz unha copia deste personaxe de lenda: El Coyote, creado por José Mallorquí desde Barcelona. El Coyote, outro xusticeiro moi similar que, curiosamente, tamén actuaba nas contornas da cidade de Los Ángeles e tamén se mostraba/agochaba por tras dun anteface. Naquel marasmo gris de posguerra ese personaxe sacou do prelo moitas novelas, e tamén un tebeo homónimo.
Todo leva a opinar que estes seres identificados con cánidos son precursores dos actuais loitadores mexicanos. E cómpre non esquecer que -na mesma tradición e dialéctica de persoas que deciden dedicar as súas vidas a exercer a xustiza alí onde non a hai- o último dos enmascarados político-guerrileiros mexicanos, o Subcomendante Marcos, vai no mesmo paquete. Perante anos este dirixente do Ejército Zapatista de Liberación Nacional (radicado na rexión de Chiapas, sur de México) -logo coñecido como Subcomandante Galeano- mostrou ao mundo o seu pasamontañas e a súa cachimba, así como os seus escritos e o manexo de medios de comunicación.
No século XXI -novo milenio- a máscara non deixou de usarse. En moitas das protestas sociais fixo aparición a careta de Anonymous, un ricto que parece tirado do personaxe de ficción Joker, inimigo do superheroe Batman. Asimesmo as feministas e loitadoras rusas Pussy Riot tamén se mostran sempre coas súas caretas policromas e moi variadas. Son un grupo musical de hard rock que nas súas actuacións poñen en escenas acccións políticas de provocación sobre a defensa das liberdades, do feminismo, dos dereitos LGTBI ou a represión contra as manifestacións artísticas en Rusia.
Para acabar, só referenciar que La màscara no menteix mai remata coa exhibición de fotografías e outros elementos que explicitan a existencia da pandemia polo Covid-19. Unha das que destaca é aquela en que uns xinetes chinos cabalgan a nevada estepa do norte de China- con máscaras cirúrxicas- para levar as vacinas a poboacións afastadas. A derradeira peza presentada é unha inmensa máscara cirúrxica azul que (con toda a ironía) é presentada como se se tratase dunha hamaca tropical.
Agora que chega o Entroido, o CCCB brinda a oportunidade de reflexionar polo dereito e mais polo revés sobre as funcións da máscara: o seu mostrar e o seu agochar.
- EXPOSICIÓN: La màscara no menteix mai
- Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB)
- ata o primeiro de maio de 2022
Los caballos del Coronavirus