Xardíns, creacións entre a Natureza e o Paraíso

Marià Fortuny. El Botànic. 1870
Marià Fortuny. El Botànic. 1870

O hábito de deseñar e construír xardíns chega ata hoxe desde a antigüidade. En calquera xeografía houbo e hai ese desexo? Que move aos humanos a crear eses espazos a medio camiño entre a natureza e as representacións culturais?, a pretensión de emular espazos edénicos? Ser xardineiro vén sendo un camiño de perfección? Na galería Artur Ramon hai unha achega a eses mundos paralelos.

 

 

 

 

 

La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art. Galería Artur Ramon

El jardín es el lugar donde se consuma la reunificación de la naturaleza y la cultura, la pérdida de esa unidad original es la pérdida del jardín o paraíso (…) Salir del jardín es entrar en el tiempo, empezar a caminar en el plano de la historia. Y a lo largo de la historia hemos ido plantando jardines, eco y promesa del jardín donde no existía la muerte y que quisiéramos reconstruír. (José Ángel Valente. Elogio del calígrafo, 2002).  

Tamburini, Melancolia. 1905
Tamburini, Melancolia. 1905

Sempre houbo xardíns? En todos os continentes? Poida que o poeta Valente acerte ao definir destes xeitos a eses espazos (privados ou públicos) nos que os humanos pretenden reproducir a Natureza de maneira controlada, domesticada. Segundo Valente e moita máis xente, o xardín -así en singular- que cadaquén pode deseñar e construír a partires de múltiples propostas vén sendo a resposta á pretensión de reproducir o paraíso, o edén. Son moitas as culturas que falan de que “antes”, nos comezos, a humanidade viviu nun lugar idílico onde todo era perfecto, a abundancia total e non se sabía que era a dor. Nas sociedades condicionadas pola omnipresenza das esencias xudeu-cristiás, a referencia fundacional é o Edén de onde foron botados Eva e mais Adán.

Por tras desas alusións bíblicas e/ou mitolóxicas, non haberá un desexo de regresar ao útero materno?, a ese lugar inocente, onde todo é perfecto, sen dores, sen preocupacións?

En calquera manifestación artística e cultural son abundantes as creacións onde se alude aos xardíns, aos edéns. Por exemplo, a mediados do século XIX o escritor Emile Zola -para denunciar as malas prácticas dos curas e demais membros da igrexa católica escribe nada máis e nada menos que a novela La Faute de l’abbé Mouret, un romance no que o cura namórase dunha fegresa e acaban consumando a súa relación carnal nun recuncho dun bosque, un lugar de difícil acceso que para eles vén sendo o seu paraíso particular.

Por citar outro caso, Ridley Scott (1992) dirixiu o filme Conquest of Paradise, unha reflexión histórica sobre a chegada de Colón e compañía ao continente americano. As novas terras nas que as comunidades semellaban non teren maldade e a natureza facía prever que alí se atopaba o tan estrañado Edén (para axudar, a banda sonora é do acado de finar Vangelis).

Abundantes son tamén as simboloxías que se atribúen a un xardín. Como confección humana feita con intelixencia e esmero, o xardín asóciase -en calquera latitude e cultura- coa pretensión de recuperar estadios pretéritos de felicidade, edénicos. Por iso o xardín vén sendo un espazo que se move entre o profano (a disposición de plantas e flores, os parterres, as fontes) e o sacro (os obxectivos últimos da elaboración). O Edén, o xardín das Hespérides, … sempre lugares onde mora a beleza, a fertilidade (fontes), o benestar. Os famosos xardíns colgantes de Babilonia tiñan 7 niveis, igual ca pisos tiñan os zigurats (templos); é dicir eses míticos xardíns participaban da divindade. Os xardíns taoístas só os poden elaborar os sacerdotes. Xardíns, entre a Natureza e o Paraíso, entre a poética e a mística: I és que’ls jardins són el paisatge posat en vers, (…) són versos vius, versos amb saba i amb aroma, como deixou escrito Santiago Rusiñol.

Agora, nos meses centrais de 2022, a reputada galería de arte Artur Ramon presenta nas súas salas a mostra La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art, precisamente unha fermosa camiñada por creacións pictóricas e debuxos, pezas escultóricas e domésticas, nas que o xardín (e mesmo a lembranza do Edén) é o protagonista. O comisario desta exposición é Ignacio Somovilla, unha persoa que desde hai anos especialízase nas reflexións sobre o mundo dos xardíns. É, por exemplo, o director do ciclo de cine e xardín, Paradís perdut, que, desde hai nove anos, ten lugar na Filmoteca de Catalunya. Precisamente Artur Ramon programa estes meses esta mostra para que coincida coas proxeccións que Somovilla xa acadou para presentar na Filmoteca. Os xardíns como lugares máxicos, refuxios dos avatares das existencias cotiás; xardíns elaborados coas madeiras que artellan os soños. Ignacio Somovilla é unha persoa coherente. Como a súa paixón son os xardíns, confecciona e publica o libro El Jardín Escondido, no que brinda unha mítica viaxe polos xardíns de Barcelona. Viaxar? Por suposto!: é dono da axencia de viaxes Bomazo (ben coñecido xardín italiano), que -como se pode apreciar no seu portal web- oferta percorridos por xardíns de calquera lugar xeográfico.

Xa entrando en materia, e facendo referencia a ese paraíso que desapareceu, dese paraíso que (como di Valente) é anterior e contrario ao Tempo e á Historia), Somovilla escolleu para a mostra La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art dúas obras de Luís Marsans. Unha delas o pintor titulouna El Paradís. É unha pintura na que sorprende o que nela se ve levando ese título dado polo autor. Sorprende e non sorprende tanto. Na pintura vese unha porta de ferro pechada que dá acceso a un recinto con muros moi altos; a porta deixa ver dentro algunhas árbores e vexetación varia. Pero, a creación está elaborada de xeito que o pintor (e por tanto quen observa) está fóra do paraíso. Aquí o paraíso é a promesa, é a antítese do que hai fóra: muros anódinos e un enreixado metálico. Acada, xa que logo, a condición de paraíso perdido (ou prometido). Que hai, que sabe Marsans que se atopa por tras dese muros?, quizais uns xardíns míticos, unha amada?

A beleza cativa. No mundo das exposicións de arte este é un título recorrente. O ano pasado, por estas datas, no KBr Barcelona Photo Center da Fundación Mapfre presentouse unha escolma de magníficos daguerrotipos, baixo o título de La Mirada captiva. Interesantísima mostra dos primeiros pasos da fotografía. E hai máis anos (2015), o MNAC trouxo pezas do Museo del Prado a Montjuïc, co reclamo de La Belleza Cautiva. Alí, entre obras do Bosco, Anguissola, Goya ou Fortuny, por citar algunhas autorías, púidose ver un dos dous cadros que Velazquez pintou cando estivo en Roma: Vista de los jardines de la Villa Medici, unha pintura fantástica e que vén moi a conto para a exposición da que se está a falar nestas liñas. Roma a grande urbe do Barroco tamén tiña os seus xardíns, as súas réplicas do Edén?

 

Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art. Fortuny, Piranesi, Santilari. Bordados.

Of Mans First Disobedience, and the Fruit / Of that Forbidden Tree, whose mortal tast / Brought Death into the World, and all our woe, / With loss of Eden, till one greater Man / Restore us, and regain the blissful Seat, / Sing Heav’nly Muse, (…) I thence / Invoke thy aid to my adventrous Song, / That with no middle flight intends to soar / That with no middle flight intends to soar / Above th’ Aonian Mount, while it pursues / Things unattempted yet in Prose or Rhime. (J. Milton, Paradise Lost, book I, 1667).

Les Funàmbules. Reloj con automatas, 1840
Les Funàmbules. Reloj con automatas, 1840

Repasando as creacións literarias que aluden a esa lembranza mítica dos lugares perdidos, das maneiras de vida idílicas que xa non están, un referente fundamental é a obra do escritor inglés John Milton, Paradise Lost, un poema de milleiros de versos. Como se deduce do título desta obra do século XVII -e principal da literatura en lingua inglesa-, nela domina a tristeza por ter a humanidade que abandonar aquel lugar tan perfecto, fóra das dimensións que limitan absolutamente a vida de todos os seres deste planeta: o Tempo e o Espazo. Moi diferente é a magna novela East of Eden, do autor norteamericano John Steinbeck (1952) e da que logo se fixo un filme homónimo que alcanzou sona mundial. Neste caso Steinbeck ficciona a vida de dúas familias de California e os problemas polos que pasan: a presencia do mal na humanidade. Ese mal é consecuencia de ter abandonado o Edén?

Que se coce noutras latitudes? Ben coñecidos son (agora tamén en Europa) os xardíns xaponeses, tan traballados, tan ben deseñados. Neses xardíns orientais cada elemento é un símbolo: a flor de cerdeira, a fertilidade, o estanque, a vida, as pedras, as montañas, … Será tamén para eles a remembranza doutras realidades perdidas? ¿E que finalidade ten no budismo zen a monotonía mesmo creativa de angazar o seu karesansui, ese diminuto espazo inzado de areas e algunha pedra? Cando meditan e deixan fluír o diminuto angazo polas areas, outorgando á situación de dúas pedras o cambio radical da estrutura do mundo; cando son quen de proxectar todo o seu esmero e a intención das mínimas accións, que logran? O nirvana é o paraíso atopado?

Entre as numerosas e diversas pezas que agora é doado contemplar en La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art hai unha vista do fantasioso artista Giambattista Piranesi, un gravado titulado Vedute delle cascatelle a Tivoli (1769). En Tivoli instalou a súa extraordinaria villa o emperador Adriano que sempre foi referencia obrigada do clasicismo; unha villa de características míticas; para as persoas ricas do norte de Europa que facían a Gran Tour era cita obrigada. Piranesi antes de instalarse en Roma estivo en Venecia. Na cidade dos canais había tempo que se elaboraban ‘protopostais’ para viaxeiros, e onde o máis coñecido vedutista, Canaletto, aínda traballa na arte de vender ben a súa cidade a base de falsificar perspectivas e espazos urbanos. O mesmo fará Piranesi en Roma: dilatar fonduras, reducir o tamaño das persoas, claroscuros moi forzados; e tamén con Tivoli. Como exemplo da esaxeración destes artistas, conta Goethe que cando chegou a Roma (que coñecía polas veduta de Piranesi) levou unha decepción: era moito máis cativa do que imaxinara vendo os gravados. Hai dous anos a mesma galería de arte programou unha fantástica mostra: Giambattista Piranesi-Humberto Rivas. Gravats i fotografies, xogos co tempo, xogos entre gravados e fotografías aludindo a paisaxes urbanos.

Mudando de tempos e de xeitos de traballar, tamén Somovilla escolmou dous deseños de Pere Santilari, xemelgo de Josep, que traballando xuntos son quen de superar calquera virtuosismo de séculos pasados. Os debuxos representan unhas orquídeas, sinxelamente; pero eses traballos con variados lapis Faber Castell alcanzan a soberbia. En Artur Ramon xa se programaron diversas exposicións dos irmáns Santilari, entre elas aquela marabilla titulada 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari, ou tamén Ficcions. Josep Santilari, Pere Santilari i les natures mortes del Segle d’Or. Semella imposible alcanzar con lapis o virtuosismo de que é capaz Pere. Pere Santilari é un monxe budista? Acaso na súa perfección hai un vieiro para superar Tempo e Espazo?, para remitir ao estado edénico?

Cómpre citar tamén outro deseño, gravado, do autor da Batalla de Tetuán, presentada oficialmente polo MNAC no ano 2013. Neste caso trátase dun gravado denominado El Botánic, unha pequena alfaia. A tentación que naceu por Europa de carrexar especies vexetais de calquera sitio do mundo e crear os coñecidos como xardíns botánicos tiña unha finalidade científica, loxicamente; pero, había algunha outra pretensión? Xuntar tanta variedade botánica era un culto á Natureza?, ou había agochada nesas coleccións e deseños a ilusión oculta de recrear o Edén?

Fronte a pinturas e esculturas alegóricas ao concepto xardín e edén, Artur Ramon ofrece tamén outras pezas moi interesantes. Entre elas unha tela bordada, coa representación do Paraíso, de fabricación flamenca e datada no século XVII. Nunha extensión de case 6 m2 as/os creadores desa espléndida obra van representando todo tipo de animais, fontes, arborados que se consideraban vivían en harmonía no Edén.

Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art. Rusiñol, Meifren, Casas.

Fatto avea di la` mane e di qua sera / tal foce, e quasi tutto era la` bianco/  quello emisperio, e l’altra parte nera, / quando Beatrice in sul sinistro fianco / vidi rivolta e riguardar nel sole: / aquila si` non li s’affisse unquanco. / E si` come secondo raggio suole / uscir del primo e risalire in suso, / pur come pelegrin che tornar vuole, / cosi` de l’atto suo, per li occhi infuso / ne l’imagine mia, il mio si fece, / e fissi li occhi al sole oltre nostr’uso. / Molto e` licito la`, che qui non lece / a le nostre virtu`, merce’ del loco / fatto per proprio de l’umana spece. / Io nol soffersi molto, ne’ si` poco, / ch’io nol vedessi sfavillar dintorno, / com’ferro che bogliente esce del foco (Dante Alligheri. Divina Commedia, Paradiso, 1314).

Miralles. Dama al parc, 1894
Miralles. Dama al parc, 1894

Tampouco se libra das referencias ao paraíso (aínda que neste caso aluda á beatífica estancia eterna) unha das obras literarias máis senlleiras da literatura europea: a Divina Commedia, de Alligheri. Guiado pola súa musa, Beatrice, Dante fai un percorrido polos ceos, entrevendo aos benaventurados.

Na Europa medieval, en pleno feudalismo e de sociedades agrarias, con natureza exuberante á que había que dominar e controlar, as pinturas -xa sacras, xa profanas- non incluían a natureza nas escenas representadas. O peso da tradición bizantina (fondos dourados ou planos) non incluía a vexetación nin a zooloxía como motivo a representar. Non é casualidade (o azar é pouco azaroso) que nos tempos e lugares onde Dante deixaba por escrito que camiñaba polo seu particular edén, un pintor chamado Giotto di Bondone tiña que enfrontarse ao reto de elaborar os frescos de Assisi con escenas da vida de Francesco, o fundador da orde dos franciscanos. Como ía pintar a Francesco con fondos dourados? O santo de Assisi había ir acompañado dos seus “irmáns”: árbores, animais; da Natureza que tanto amara. E deste xeito, pouco a pouco comezou a aparecer a paisaxe (a natureza) na pintura europea. O romanticismo é quen máis insiste no tema.

Subirachs. Plànol del Labirint, 1940

Agora na mostra La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art está presente unha peza de Santiago Rusiñol, El Tajo, I (1898), pintura ao óleo digna de figurar no seu libro Jardines de España. No ano 2017, o Museu del Modernisme fixo o esforzo de presentar as pinturas que Rusiñol confeccionara -xardín a xardín- pola xeografía española. Tamén o dono de Cau Ferrat mira os xardíns con engado romántico, tal e como di no prólogo do seu libro: I és que’ls jardins són el paisatge posat en vers, i els versos escrits en plantes van escassejant por tot arreu, es que’ls jardins són versos vius, versos amb saba i amb aroma. Pouco despois (1900) escribe a obra teatral El Jardí Abandonat. Nela Rusiñol presenta o conflito entre o artista e a sociedade, entre a poesía e mais a prosa, entre a espiritualidade e o materialismo. El Jardí Abandonat é a obra máis claramente simbolista de Rusiñol, na que o xardín representa o mundo ideal, o edén inmaterial, eterno.

O elenco de artistas presentes en La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art é moi importante. Hai pinturas de Nonell, de Meifren, de Casas, entre outros. E tamén hai variedade de formatos representativos e de temas. Unha peza ben sorprendente é Les Funàmbules, un reloxo de mesa con música e autómatas que teñen ata 14 movementos diferentes. O fondo da escena é un xardín.

Para rematar o paseo polas salas de Artur Ramon cabe citar a presenza da peza de Subirats, Plànol del Laberint. Os labirintos son metáforas sobre as dificultades dos humanos por achegarse ao paraíso prometido? No cento do labirinto hai un edén? En moitas culturas amósase a forma labiríntica. Os mandalas, son labirintos efémeros? Hai milleiros de anos as xentes que habitaban Galicia deixaron nas pedras (petróglifos) constancia da valía dos labirintos: Labirinto de Mogor, por exemplo. Que se lles agochaba a aquelas persoas nesas estruturas circulares, nas que é difícil entrar, e das que custa saír. Por outra parte, acaba de coñecerse a noticia de que na provincia de Galicia vén de inaugurarse o Labirinto de Breoghan, un labirinto levantado a partir da plantación de 4.000 árbores, e con formas curvas que lembran os trazos das culturas celtas.

A exposición La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art é unha atractiva oferta cultural; quizais un bo lugar no que perderse e facerse preguntas.

Subirachs. Plànol del Labirint, 1940Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN: La bellesa captiva. Passejant pels jardins d’Artur Ramon Art
  • Galería Artur Ramon
  • ata o 22 de xullo de 2022.