«Fixeches o poder da muller igual ao do home». As mulleres no antigo Exipto

Sala exposición Hijas del Nilo
Sala exposición Hijas del Nilo

Cada vez son máis frecuentes as revisións historiográficas e iconográficas dos roles das mulleres ao longo do pasado da humanidade. Xaora! Agora en Madrid pódese visitar unha extensa exposición –Hijas del Nilo- que mira de valorar a situación social das mulleres no Exipto faraónico. Mentres se construían as pirámides, rexía o patriarcado? Perante aqueles milenios, mulleres e homes foron iguais? Naquelas sociedades agrarias, as mulleres tiñan os mesmos dereitos ca os homes?

 

 

Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto

Os roles do rei e mais da raíña eran diferentes. Así, as bágoas de lamento de Isis fixeron nacer o río Nilo, e foi ela a que criou a Horus para que vingara o seu pai (Osiris) enfrontándose ao seu tío Set. Sen Isis, unha muller, non existiría Exipto. O papel da muller era ser os ollos do deus sol, a muller do rei vivo e a nai do rei vindeiro. (Zahi Hawass, exiptólogo, no catálogo de Hijas del Nilo, 2022).

Molinera. Reino Antiguo (2686-2181 a. C.)
Molinera. Reino Antiguo (2686-2181 a. C.)

O grupo empresarial EULEN vén de inaugurar en Madrid unha exposición senlleira, diferente; e mesmo necesaria. A ver cando se fan outras similares sobre as sociedades gregas, asirias ou romanas da antigüidade. Non se pode obviar que as mulleres nas sociedades occidentais actuais van ganando visibilidade. Xaora! E, de retruque, medra o interese polo coñecemento da vida das mulleres en épocas pasadas.

A mostra Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto é extensa e abasta diversas fasquías da vida e das realidades nas que se desenvolvían as mulleres, a metade da poboación do dilatado Exipto faraónico. Tratar de concentrar nuns centos de pezas (de moi alto interese, por certo) a vida das mulleres ao longo de milleiros de historia é complicado, e simplificador. Por tanto, o que se pode ver e ler nas salas do Palacio de las Alhajas de Madrid é unha posible lectura dese pasado histórico.

O punto de partida de Hijas del Nilo -primeira constatación ben sorprendente- é que as mulleres tiñan unha situación legal igual á dos homes, Tiñan os mesmos dereitos: herdaban, tiñan propiedades, divorciábanse, … Esta realidade xurídica tiña que sorprender moito a viaxeiros de outras sociedades ao chegar a Exipto. Poñamos por caso o grego Herodoto -considerado o pai da historia- que visitou Exipto alá polo ano 450 a.n.e. e que deixou unha famosa frase para a eternidade: Exipto é un don do Nilo. Unha definición ben acertada. ¿Por que outras sociedades que estiveron en contacto directo (perante séculos) co antigo Exipto non optaron por ter esa igualdade xurídica que observaban nas beiras do río Nilo? Moi ao contrario, en todas as contornas imperou o patriarcado.

Con todo, como é de esperar, a pretendida igualdade teórica, xurídica, logo non se daba totalmente na vida diaria. E menos aínda en todas as estruturas sociais. As mulleres de mellores posicións sociais tiñan moitas máis opcións de disfrutar deses dereitos. Nacho Ares, un dos comisarios da atractiva exposición, en correo ao que subscribe esta crónica, explicita: La igualdad de derechos era legal, por ley, pero como se explica en los paneles de la exposición tampoco hay que idealizarla. Una mujer de la parte llana de la sociedad, la inmensa mayoría, en una economía de subsistencia, su última preocupación era ir a la escuela, aunque podía ir. Los documentos que conservamos son de mujeres nobles. De agricultoras o ganaderas, artesanas, etc. no tenemos nada. Asemade, o exiptólogo Zahi Hawass -xa foi Ministro de Antigüidades- no texto que elaborou para o catálogo da exposición escribe ben claro: O papel da muller era ser os ollos do deus sol, a muller do rei vivo e a nai do rei vindeiro. Refírese á muller do faraón; máis abaixo na escala social, a realidade cotiá debeu ser peor.

Aínda así, nun himno de loa a Isis, recollido no papiro de Oxirrinco XI pódese ler: Fixeches o poder da muller igual ao do home. A deusa Isis acabou por ser a deusa feminina (xunto con Hathor) por excelencia.

A exposición que agora se pode ver en Madrid, Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto, é unha contribución a presentar ás sociedades actuais pasados centrados na parte social que ata o de agora non fora protagonista das revisións históricas do pasado. A Antigüidade foi -evidentemente- complexa; os seus milleiros de avatares humanos van máis aló dos machismos que rezuman a guerra de Troia e mais as aventuras de Odiseo. Houbo moitas Penélopes! E Hipatias, e Kiniskas. Das exipcias singulares falarase no seguinte apartado.

Egyptian faience16,5 cm (6 1/2 in.)
Egyptian faience
16,5 cm (6 1/2 in.)

Na actualidade son moitos e moi variados os foros onde se procura facer novas lecturas sobre os roles das mulleres nos tempos antigos (e noutras etapas da historia tamén). Estes meses, como exemplo, o Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida programa bastantes obras onde o protagonismo corresponde a mulleres. No ano 2018, en Caixaforum púidose ver a mostra Agon! A Competición na Antiga Grecia. Nesa ampla presentación de pezas provintes do British Museum, falábase das competicións que cada catro anos se celebraban en Olimpia en honor aos deuses olímpicos. E aí tamén se mentou que as mulleres (ao marxe de Kiniska, que competiu e gañou cos homes) celebraban os seus propios xogos deportivos. Agora que nas sociedades europeas semella que se vén de descubrir que as mulleres tamén xogan ao fútbol, non está de máis saber que acontecía hai milleiros de anos.

Na exposición da que se está a falar nestas liñas hai materiais moi interesantes; materiais que foxen do tópico da imaxe faraónica e/ou divina. Por exemplo, son abundantes as esculturas (grandes e pequenas)  de mulleres preñadas, de mulleres (e mesmo deusas) aleitando, de mulleres espidas. Todas esa estatuaria vén indicar a importancia que se lle daba na vida cotiá á fecundidade. Naquelas sociedades onde as taxas de mortalidade infantil (como as xerais) eran moi altas e reducida a esperanza de vida, que unha parella teña fillos é primordial en todos os sentidos. Segundo se di no comentario que os comisarios (na páxina 108 do catálogo) fan a unha figura feminina espida, se nunha familia non chegaban os fillos, non se consideraba tal feito como un castigo divino, nin como calquera maldición, entendíase que era provocado por algunha enfermidade e, como tal, tratábase.

 

Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto. Deusas e faraonas.

Outras esposas reais trataron de ter, e tiveron, un papel significativo na gobernanza de Exipto, como Nefertiti, sempre acompañando a Akenatón (…) ou a muller de Ramses II, Nefertari, (…) Pero ningunha delas logrou marcar unha fita na historia política, económica, artística, cultural e relixiosa do antigo Exipto como o fixo Hatshepsut. (Esther Pons Mellado, comisaria, no catálogo de Hijas del Nilo, 2022).  

Isis en posición de duelo. (330 a. C.)
Isis en posición de duelo. (330 a. C.)

Como é de esperar nunha mostra de máis de 300 obxectos e tan ben traballada, Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto, estrutúrase en catro grandes bloques de contido. O segundo está dedicado ás mulleres da realeza e o terceiro ás deusas. Ao final da mesma hai outro capítulo máis dedicado á exiptoloxía como parte do atractivo que as sociedades do Exipto faraónico provocaron e provocan en Occidente.

No segundo capítulo, Mujeres reales, quérese obviar que as mulleres dos faraóns, en moitos casos, tiveron papeis moi relevantes, xa como rexentes, xa como apoio decidido aos seus homes. Os faraóns podían ter catro mulleres. A principal -adoitaba ser a primeira- era a máis relevante e poderosa, máis aínda se tiña a sorte de ser a nai do primoxénito masculino (futuro faraón). En concreto, nese segundo bloque de contidos da exposición fálase de catro mulleres das que se sabe que tiveron moito poder. Son Hatshepsut, Nefertari, Nefertiti e mais Cleopatra. Nos interesantes textos do catálogo por suposto cítanse máis mulleres da realeza. E das catro referenciadas, á que os comisarios e especialistas lle atribúen máis poder, e incluso innovacións nos xeitos de exercer o poder, é a Hatshepsut. Á morte do seu home, Tutmosis II, Hatshepsut quedou como responsable do seu fillo, futuro Tutmosis III. Pero, de contado, foi asumindo todo o mando dos dous reinos e acabou por ser faraona de pleno dereito. Para iso soubo manobrar ben cos sacerdocios e mais cos funcionarios; levou a cabo campañas militares (cousa nunca vista), e por suposto acabou por executar un ambicioso programa de edificacións megalómanas entre as que cómpre citar o seu propio templo en Deir el-Bahari. E todo iso hai 3500 anos!

Fronte ao valor que como testemuñas do que di o papiro de Oxirrinco (Fixeches o poder da muller igual ao do home) teñen as biografías de mulleres decisivas na gobernación de Exipto, cómpre lembrar que a lingua exipcia non permitía a existencia da palabra “faraona”. É dicir non consentía que o poder fose feminino. E Hatshepsut, por exemplo, aparece denominada como faraón. O que xa se dixo: a igualdade é xurídica, e non en todos os casos. Tampouco as fillas -aínda sendo as primoxénitas- eran as raíñas de Exipto; a liña sucesoria era vía masculina:  O papel da muller era ser os ollos do deus sol, a muller do rei vivo e a nai do rei vindeiro.

Algo diso (das liñas masculinas de transmisión de cargos e propiedades) está reflectido na Biblia, no libro Éxodo. Con todas as cautelas sobre a veracidade do mesmo, o amentado libro vai citando, unha por unhas, as pragas que o deus dos xudeus manda contra Exipto por non consentir o faraón que ese pobo poida marchar á procura da súa terra. A derradeira das 10 pragas é, nin máis nin menos, que a morte dos primoxénitos, entre eles o herdeiro da coroa faraónica. Primoxénitos, en masculino.

Respecto do panteón exipcio, dúas deusas foron as principais responsables de protexer ás mulleres. E na exposición Hijas del Nilo así aparecen, como as que favorecen a fertilidade e, mesmo, hai figuras das propias deusas aleitando fillos. A primeira das dúas deusas é Hathor, a deusa nai. Hathor pasa por ser a nai de Horus e mais de Ra e, por extensión, dos faraóns e de toda a poboación de Exipto. Por iso, con frecuencia vese representada con forma de vaca, o que remarca o seu simbolismo materno; e tamén con corpo de muller que vai tocada na cabeza cos cornos de vaca e mais co disco solar (por algo é nai de Ra).

A outra gran deusa favorecedora da vida das mulleres foi Isis, a muller de Osiris. É ben sabido o mito destes dous deuses, e de como Isis acaba recuperando o corpo de Osiris, o seu home, e volvéndoo á vida. Como di o texto citado do gran exiptólogo Zahi Hawass, Isis -coas súas bágoas á procura do corpo do seu home- fixo nacer o Nilo. Co tempo (o Exipto faraónico é moi dilatado cronoloxicamente) o culto a esta deusa, Isis, irá medrando e rematará por pasar ao imperio Romano, onde terá moita presenza.

Entre tantos materiais que alberga Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto, están unhas copias do chamado papiro erótico de Turín. Este papiro así chamado está cheo de posicións sexuais moi explícitas entre unha muller e un home. As figuras van facendo o acto sexual en moi diversas posturas e, arredor das figuras, van aparecendo outros elementos que informan do alto contido sexual do papiro. Por exemplo, a carón da cabeza das mulleres é habitual que se vexa a flor de loto, cun claro simbolismo sexual. A flor de loto representaba a fertilidade, pero tamén se sabe que, esnifada, proporcionaba efectos psicotrópicos, o que parece indicar que tamén se relaciona a esta flor con festas e outros rituais sexuais. Que vén sendo, ou que significado se lle pode atribuír a tal mostrario de accións sexuais? O citado papiro atopouse preto do poboado dos obreiros de Deir-el-Medina, no Val dos Reis. A súa utilidade era para favorecer a fertilidade? Ou tiña un significado máis lúdico e mesmo cómico?

Se se afirma que as pezas de escultura románica de alto contido erótico e sexual que se ven en igrexas ce outros edificios altomedievais, eran situadas ben á vista coa finalidade de fomentar a fertilidade, como revulsivo da alta mortalidade infantil, por que en Exipto non podían ter ese mesmo valor? Ou hai que procurarlle significado máis na liña das estampas shunga xaponesas? Esas estampas shunga tiveron como donos tanto a homes como a mulleres da época Edo (ss.XVIII e XIX).

 

Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto. Exiptoloxía.

O matrimonio precoz debeu ser desexable no Antigo Exipto, e o seu obxectivo era formar unha familia. Ter descendencia era moi importante, sobre todo porque os fillos tiñan que se encargar de facer os rituais funerarios dos seus pais. Nun texto ptolemaico coñecido como as “instrucións de Ankhsheshonq”, un home aconsella ao seu fillo que escolla para a súa filla un pretendente sabio,  non un pretendente rico. (Zahi Hawass, exiptólogo, no catálogo de Hijas del Nilo, 2022).

Dos brazaletes. Oro, cornalina y lapislazuli. (1570-1293 a. C.)
Dos brazaletes. Oro, cornalina y lapislazuli. (1570-1293 a. C.)

No que resta do ano 2022, e no Palacio de las Alhajas de Madrid, está á disposición do público a mostra que se comenta nestas liñas: Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto. Como xa se dixo o grupo EULEN presenta máis de 300 obras (esculturas, pinturas murais, alfaias, moedas, instrumentos musicais, …) co gallo de poder defender a tese que dá sentido á exposición: Fixeches o poder da muller igual ao do home. Son pezas chegadas de moi diversas institucións, sitas en moitos estados de Europa: Alemaña, Portugal, Bélxica, Italia, Dinamarca, Grecia, entre outros; e por suposto de España. Esta mostra ten ademais a oportunidade de coincidir co II centenario do desciframento do contido da Pedra de Rosetta, así como co I centenario do achado da transcendental tumba de Tutankhamon, por Howard Carter, patrocinado por Lord Carnarvon. Para procurar ofrecer unha panorámica rica do que puido ser a vida nos tempos do Exipto faraónico, están nesta antolóxica vasos canopos para vísceras de mortos, baixorrelevos de deusas e mulleres, utensilios domésticos así como de uso cosmético, colares, sarcófagos, amuletos, … E sorprende e impacta a visión dunhas esculturas relativamente sinxelas, pero efectivas: mulleres en actitude de do. Son figuras femininas de madeira, axeonlladas, vestidas con sinxeleza e policromas; que levan a man dereita diante da face, como tapando a visión diante da inevitable morte.

Hijas del Nilo está comisariada por  Esther Pons Mellado, conservadora-xefa do Departamento de Antigüidades exipcias e Oriente Próximo (Museo Arqueológico Nacional). Co-directora da Misión Arqueolóxica de Oxirrinco (Exipto), os seus artigos sobre Exipto e os seus achados en Oxirrinco foron publicados en numerosas revistas científicas. O outro comisario é Nacho Ares, exiptólogo, divulgador e comunicador. Ten publicado novelas sobre o antigo Exipto, e numerosos libros sobre cultura exipcia. Os seus artigos van aparecendo en revistas internacionais, e foi director da Revista de Arqueología.

Ataud de Shepenun. (1069-525 a. C.)
Ataud de Shepenun. (1069-525 a. C.)

Ao final da exposición Hijas del Nilo hai un apartado dedicado á exiptoloxía, esa ciencia nada do atractivo tan forte que espertou e esperta o Exipto faraónico. Desde a expedición de Napoleón no ano 1798 a Exipto, para enfrontarse ás tropas británicas de Wellington, pasando polo feliz achado, en 1922, da tumba intacta do faraón Tutankhamon (un faraón sen importancia, pero hoxe o máis coñecido grazas a esa sepultura), a cultura exipcia esperta admiración. Na exposición vense desde un frasco de perfume actual ata pinturas do máis exóticas. O gusto por eses xeitos de vida  afastados e facilmente idealizados leva á publicación de infinidade de novelas, así como as súas secuelas no cinema (Cleopatra, -Mankiewicz, 1963- ou Faraón -Kawalerowicz, 1966, …).

A Fundación LaCaixa -esa institución abonada aos saldos dos grandes museos europeos- trouxo un fato de pezas do antigo Exipto (Animals i Faraons. El regne animal en l’antic Egipte) onde se mostraban, entre moitas outras pezas, momias de animais sagrados ben conservados (gatos de Bastet, crocodilos de Sobek, ibis, etc). O mundo faraónico é inacabable.

Así mesmo, e relacionado coa exiptoloxía e a paixón polas terras do Nilo, e tamén coas repercusións que aquela cultura exerce sobre a occidental hogano, é doado comentar o que aconteceu cunha peza atopada nunha escavación arqueolóxica en Exipto, pretendidamente, un instrumento musical.

No ano 1870 Giuseppe Verdi aceptou o encargo de facer unha ópera de tema exipcio (cómpre lembrar que por aquelas datas abríase o Canal de Suez). O tema escollido por Verdi foi proposto polo exiptólogo Auguste Mariette. A ópera acábase estreando co nome de Aida. Para mellorar a ambientación da obra no mundo do Exipto Antigo, Verdi pediulle asesoramento a Mariette para procurar ser fiel ao mundo musical antigo, polo que o arqueólogo foi responsable en parte da ambientación, vestiario e mesmo da historia que dá lugar á peza musical. Mariette mostroulle a Verdi unha trompeta que se atopara nunha escavación e que era de época ptolemaica. Verdi logrou que se construísen instrumentos seguindo aquel modelo e que tales trompetas tivesen so e aparecesen nas representacións da ópera. Tales trompetas –longas e finas– foron logo usadas en posteriores producións, mormente no cine, xa que calquera peplum que se prece ha ter as súas trompetas gloriosas e sonoras. E os instrumentos antigos que se puxeron de moda por mor da iniciativa de Verdi, seguiron funcionando ata 1970; cen anos. Nese ano (1970) estudos máis científicos sobre a peza exipcia que Mariette lle mostrara a Verdi como trompeta, demostraron que a o trebello metálico era parte do pé dun altar. Nada tiña que ver coa música.

  • EXPOSICIÓN: Hijas del Nilo. Mujer y Sociedad en el Antiguo Egipto
  • Palacio de las Alhajas, Madrid
  • ata o 31 de decembro de 2022.