Rosario de Velasco, pintora figurativa e ilustradora

Velasco. Gitanos, 1924
Velasco. Gitanos, 1924

O Museo Thyssen dedica unha retrospectiva aos traballos artísticos de Velasco nas décadas dos 20 a 40 do pasado século, traballos que foran quedando no esquecemento co paso do tempos; circunstancia que lles acontece ás producións de demasiadas mulleres. Ao mesmo tempo, ese museo presenta outra mostra dedicada á Memoria Colonial. Tratarase no fondo da mesma idea? Pódese dicir que recuperar as producións artísticas de tantas mulleres artistas esquecidas é un xeito de “descolonización patriarcal”?

 

Rosario de Velasco. Museo Thyssen, Madrid.

Volver con la frente marchita
Las nieves del tiempo platearon mi sien
Sentir que es un soplo la vida
Que veinte años no es nada
Que febril la mirada, errante en las sombras
Velasco. Adán y Eva, 1932
Velasco. Adán y Eva, 1932

Este verán, de calores tan ameazadores, o Museo Thyssen ten a ben programar nas súas salas do Paseo del Prado unha exposición antolóxica dedicada á pintora Rosario de Velasco, unha artista ben coñecida (e recoñecida) neste país nos anos 20 e 30. Unha muller coetánea e compañeira de mulleres e homes da xeración do 27. Agora nas salas desta institución museística é doado contemplar (por exemplo) as ilustracións que Velasco elaborou para o libro de relatos infantís Cuentos para Soñar, de Rosa María León. Outro tanto fixo para a publicación Cuentos a mis nietos, da polifacética Carmen Karr (feminista, escritora, música, …), editado en 1932. A mostra que recolle un número moi importante de obras (pinturas e mais ilustracións) está organizada polo Thyssen xunto co Museo de Bellas Artes de Valencia. Poder xuntar tantas pezas nunha mesma exhibición sobre unha artista que pasou décadas no ostracismo (como tantas outras), foi un duro traballo, e contouse para este fin mesmo coas redes sociais. En todas esas tarefas de procura estiveron á cabeza os comisarios: Miguel Lusarreta e mais Toya Viudes de Velasco, sobriña neta da artista, o que demostra o interese da propia familia en atopar e revalorizar os traballos da pintora. Con eses empeños puidéronse xuntar máis de trinta pinturas e unha ampla selección de ilustracións.

Velasco. Lavanderas. 1934
Velasco. Lavanderas. 1934
Rosario de Velasco (Madrid, 1904 – Barcelona, 1991) foi una muller con grandes inquietudes culturais. Nosanos de xuventude tivo a compañía (e mesmo amizade) de mulleres como María Teresa León ou a grande pintora surrealista Maruxa Mallo, así como de Concha Espina e a deportista Lilí Álvarez, á que retratou no ano 1938 e coa que compartía interese e afección por varias actividades deportivas.

Segundo contan agora os descendentes da artista, para pintar sempre escoitaba música. Xa fose música clásica (como Mozart) ou pezas máis do seu tempo como fados, boleros, tangos e outros máis. Quizais lle agradase escoitar o tango Volver, composto por Carlos Gardel e mais o poeta Alfredo Le Pera en 1934, e que tan ben interpreta Estrella Morente no filme almodovariano Volver. Así, Volver serve tamén como referencia a que a súa visibilidade, a súa presenza artística regresa pola porta grande.

Como dato importante respecto da súa carreira artística, vale o dato de que no ano 1935 a súa pintura Gitanos foi seleccionada para participar na Carnegie International, unha mostra internacional montada polo Carnegie Museum of Art de Pittsburgh. Gitanos compartiu espazos con pezas de Georgia O’Keeffe, Edwuard Hopper, Dalí ou Picasso. Esa mesma obra -dunha factoría magnífica- tamén serve para valorar esta exposición do Thyssen: estivo moitos anos en lugar descoñecido e, os traballos para esta mostra, permitiron dar con ela e tela agora en Madrid.

 

Rosario de Velasco. Quattrocento, Volta á orde.

Contan que mirei para tras por curiosidade. / Pero, máis aló da curiosidade, puiden ter outros motivos. / Mirei para tras doída pola miña escudela de prata. / Por descoido, ao atarme unha sandalia. / Para deixar de ver a caluga xusticeira / do meu home, Lot. / Pola súbita convicción de que se morría / el nin se detería. / Por desobediencia propia de mansos / da persecución. (W. Szymborska, A muller de Lot, 1997).

Velasco. Pajaro Azul (ilustración), 1927
Velasco. Pajaro Azul (ilustración), 1927

A poeta polaca Szymborska dedica un revelador poema a unha muller: A Muller de Lot. Esta muller, que consta na Biblia nos episodios de Sodoma e Gomorra (que rematou a súa vida de xeito tráxico), non ten nome! É tanto o desprezo cara ela que nin se lle dá nome. Negarlle a mínima identidade é condenala á non existencia. Algo similar aconteceulle (e acontece aínda) a moitas mulleres que, pese os seus méritos na disciplina que sexa, permanecían no absoluto esquecemento. Mulleres que foron desprezadas ao longo do extenso dominio do patriarcado.

Rosario de Velasco (1904-1991) tivo unha boa formación pictórica e, desde os anos 20, comeza a súa carreira artística. Sempre sentiu atracción especial pola pintura figurativa, e en especial por artistas do Quattrocento italiano. Na súa obra Lavanderas, por exemplo, hai toda unha homenaxe a pintores como dese século XV. As árbores que conforman o fondo da pintura logo fan pensar nos fondos de moitas das pinturas de Botticelli, así como a rotundidade escultórica das figuras femininas lembran os corpos de Mategna. Como moitos outros artistas daqueles anos, moitas das creacións de Velasco pódense inscribir no que deu en chamar “Retorno á Orde”, algo así como un movemento que pretendeu ignorar as vangardas e tornar á reivindicación da arte clásica, figurativa. Un dos artistas que encabezou este movemento foi o revolucionario Pablo Picasso; e por iso algunha das pinturas de Velasco recordan as obras de Sunyer, por exemplo, ou mesmo algunhas de Maruxa Mallo.

As creacións de Rosario de Velasco “desapareceron” perante décadas. Hai persoas que afirman que o esquecemento, neste caso concreto, pódese deber á súa coñecida militancia falanxista. Quizais se sumaron as dúas cousas: ser muller e tamén ser falanxista. De todos xeitos, cómprew recoñecer que homes creadores de recoñecida militancia falanxista como Álvaro Cunqueiro ou Josep Plà levan décadas contando con recoñecementos públicos e notorios. Por tanto, non é desacertado concluír que, no caso de Rosario de Velasco,m pesa máis o feito de ser muller artista que as súas militancias políticas.

  • EXPOSICIÓN: Rosario de Velasco
  • Museo Thyssen, Madrid.
  • ata o 15 de setembro de 2024
Velasco. Carnaval. Antes de 1936
Velasco. Carnaval. Antes de 1936