Hilma Af Klint pioneira en pintura abstracta

Af Kliunt. De tio största, Barnaåldern, 1907
Grupp IV, nr 1. De tio största,Barnaåldern, 1907

A artista sueca Af Klint é un caso paradigmático de creadora que foi ignorada e silenciada perante décadas. Agora pouco a pouco vaise recoñecendo que as súas pinturas abstractas son ben anteriores ás dos homes artistas que sempre se tiveron polos grandes revolucionarios do xénero (Malévich, Kandinsky). Hilma Af Klint sabía o peso que, nos seus tempos, tiña a súa condición de muller: deixou como derradeira vontade que as súas pinturas non se mostrasen ao público ata 20 anos despois do seu pasamento. As persoas coetáneas a ela non entendían o seu arte. E agora?, xa se acepta que outra muller sexa pioneira?

 

 

 

 

Hilma Af Klint. Guggenheim Bilbao Museoa. Teosofía, espiritismo

Serie W,
Nr 1. Kunskapens träd, 1913
Akvarell, gouache, blyerts,
metallfärg och bläck på papper
45,7 × 29,5 cm
HAK133

A Sociedade Teosófica fundouse en 1875 en Nova York impulsada pola aristócrata rusa Helena Petrovna Blavatsky e o coronel estadounidense Henry Steele Olcott, que elaboraron unha doutrina sincrética baseada no diálogo das culturas de occidente e oriente, aceptando todas as relixións. Fronte ao materialismo ateo, propuña unha doutrina de fraternidade mundial, co lema “Non hai máis relixión ca verdade”.

Estes meses de finais do ano 2024 -ano convulso, que semella non querer rematar sen alimentar aínda máis as desesperanzas- o emblemático Guggenheim Bilbao Museoa programa unha extensa e sobresaínte exposición sobre a pintora sueca Hilma Af Klint (1862-1944).  Desde hai unhas décadas (poucas) Af Klint está considerada como a primeira (ou unha das primeiras) persoas que dedicou anos da súa vida a crear pinturas abstractas. Moito antes que o fixesen homes tan coñecidos como Malévich ou Kandinsky, ou Kupka, ou Delaunay. Cómpre aceptar que na actualidade está totalmente recoñecido que Hilma Af Klint foi pioneira nas prácticas da arte abstracta, que dun xeito decidido en 1906 abandonou o realismo figurativo que lle aprenderan na Real Academia de Estocolmo e soamente se inclinou por procurar estruturas abstractas, xa no mundo visible, xa nas escalas espirituais.

As súas pinturas abstractas comezaton a saír do esquecemento total no ano 1986 cando  Maurice Tuchman presentou en Las Ángeles County Museum of Art a mostra The Spiritual in Art: Abstract Painting 1890-1985. Naquelas salas as súas pinturas, algunhas de grandes dimensións, campaban en igualdade con obras de Mondrian e mais de Kandinsky (o título obriga a pensar no estudo que publicou Kandinsky en 1912 Über das Gesitige in der Kunst). A partires deste evento as pezas da artista sueca foron véndose nalgúns lugares. Concretamente, cómpre suliñar a importancia que tivo a exposición Mujeres de la Abstracción que o Guggenheim Bilbao Museoa programou no ano 2021, e na que xas estaban presentes varias pinturas de Af Klint.

As obras de pura abstracción de Af Klint pódense ver con total claridade na serie El Cisne que elaborou perante o ano 1915. Na longa serie de pezas, a pintora comeza por concibir o animal con xeitos realistas, para logo ir derivando cara formas simétricas, simplificadas, e rematar por centrarse na xeometría pura: círculos, cadrados, triángulos, onde as cores primordiais van definindo os valores de semicírculos ou espazos de simboloxía fundamental e arcana.

Á hora de aproximarse ás creacións de Hilma Af Klint, logo de asimilar que esta muller -no seu Estocolmo natal, sen contactos coa arte que se andaba revolucionando por Europa adiante-  apostou pola arte abstracta antes que “grandes artistas masculinos”, en moitos casos vánselle buscando as voltas para concluír que Af Klint -desde aqueles anos- foi teósofa, que practicou, xunto con amigas, o espiritismo e mesmo que se impuxo unha tarefa de grande percorrido como foron as xa famosas Mâlningarna till Templet (Pinturas para o Templo). É doado ler en diversos lugares, escrito por mans profesionais, o argumento “exculpatorio”(?) de que Af Klint foi artista abstracta pioneira, innovadora, pero, pero, coa finalidade de afondar nos seus coñecementos e prácticas espiritistas. Que non o fixo como un proceso natural que xurdise da propia práctica artística.

Ante tales valoracións (que semellan que só pretenden desvirtuar a transcendencia dos achados da autora das pinturas Os Dez Maiores), é xusto facerse unha pregunta: esa análise que se acaba facendo da produción artística de Af Klint, faise doutros artistas?, de pintores abstractos? Esas argumentacións fanse diante da espiritual arte de Kandinsky?, ou ante as abstraccións de Kupka?, ou do matrimonio Delaunay? Pois é ben coñecido que estes artistas agora citados tiveron os seus amoríos coa teosofía; sábese que Kupka fixo de medium en bastantes sesións espiritistas, que o orfismo dos Delaunay é unha aproximación máis á vida espiritual. Por suposto, pódese ir máis lonxe: acaso Marc Rothko -aínda que se o encadre dentro da Escola de New York, do expresionismo abstracto- non bebeu do espiritualismo? Véxase, senón, a súa Rothko Chapel, hogano centro de meditación e de pescudas espirituais.

Serie WUS/Sjustjärnan,
Grupp VI, nr 16. Evolutionen,
1908
Olja på duk
102 × 133 cm
HAK084

Hilma Af Klint. Guggenheim Bilbao Museoa. Surrealismo, Tarot

Tiñan que executarse dez pinturas dunha beleza paradisíaca. Habían ter cores que resultasen instrutivos e que me revelasen as miñas propias emocións de xeito contido (…) O significado ditado polos guías permitiría ao mundo albiscar o sistema da vida humana, dividido en catro partes, nenez, xuventude, madurez e senectude. (Hilma Af Klint, caderno, 1907).

Serie SUW/UW, Grupp IX/UW, nr 25.Duvan, nr 1, 1915Olja på duk151 × 114,5 cmHAK173© Stiftelsen Hilma af Klints Verk

O parágrafo anterior, escrito por Af Klint nun dos seus cadernos, fai referencia á confección da serie De tio Största (Os Dez Maiores) que lle foi encargado a ela por un dos Mestres Elevados (De Hoga), en concreto por Amaliel. Os outros Hoga eran (son): Ananda, Clemens, Esther, Georg e Gregor. (Algún destes espíritos-guía seica é identificado con monxes medievais). Lendo o texto e vendo os resultados é evidente a influencia decisiva que o espiritismo (sexa Teosofía, Antroposofía ou outra liña de meditación) tivo na vida de Hilma Af Klint. De aí a facer a lectura de que a abstracción practicada pola artista sueca é unha “excepción” (excepción para que determine o seu traballo creativo), e non facelo no caso de moitas e moitos outros artistas, semella tendencioso.

Hilma Af Klint formou parte en Estocolmo, a comezos do século XX, do grupo chamado As Cinco, cinco mulleres amigas (algunhas artistas) que practicaban o espiritismo. Nese grupo, unha das actividades que realizaban (e que se conservan) era a práctica da escrita e máis o debuxo automáticos. Moitos destes debuxos -tamén se poden ver agora no Guggenheim- gravitaban entre a abstracción e as formas vexetais. Prácticas que, pouco tempo despois, executaron, e moito, as persoas que conformaron o movemento artístico do Surrealismo. O azar, o automatismo, foron circunstancias que acadaban moi ben coa aceptación de que o subconsciente pesa moito nas vidas das persoas. O cadavre exquis era case obrigado nas xuntanzas de surrealistas. Algúns deses deseños automáticos tendían ben cara a abstracción… culpa de tales prácticas. Nas filas do surrealismo tamén foi habitual a práctica do espiritismo, do emprego do Tarot como elemento no que o azar e posibles forzas espirituais foxen do control racional.

No ano 2023 a Fundación Mapfre, nas súas salas de Madrid presentou a antolóxica -exhaustiva e excelente Leonora Carrington. Revelación, un percorrido polas creacións desa artista surrealista tan condicionada polo espiritismo. O éxito da mostra foi tal que os responsables da fundación valoran como un dos factores que favoreceu as masivas visitas foi precisamente a asistencia de grupos de espiritistas e tarotistas. E Leonora Carrington non foi a única persoa do surrealismo que se deixou influenciar polas prácticas do espiritismo. Estará a pasar algo similar agora nas salas do Guggenheim?, as pinturas abstractas de Af Klint estarán sendo vistas por milleiros de ollos? Casualmente, agora en Madrid, na Casa Encendida, é doado contemplar a mostra La Torre Invertida. El Tarot como forma y símbolo. E a nómina de artistas que perante o século XX botaron man do Tarot, xa como auxiliar creativo, xa como vieiro de pescudas e meditacións non ten conto. O que vale para unha ha valer para todos.

Recapitulando: desde Kandinsky ou Kupka a calquera outro/a artista afamado que se achegue a prácticas espirituais (teosóficas ou non) é un feito habitual, un elemento máis nos seus procesos creativos. Cómpre, logo, concluír que as súas creacións (abstractas ou non) son debidas á comunicación con Mestres Elevados?, cos Espíritos superiores?

Hilma Af Klint. Espiritismo liberador?

Dices que el espiritismo / será secta o religión; / tan solo el oscurantismo / le da esa definición. / Nosotros no pretendemos / formar religión ninguna / tan solo enlazar queremos / el sepulcro con la cuna. / Queremos unificar / los átomos disgregados; / queremos analizar / todos los hechos pasados. / Queremos ver la razón / la causa que efecto da; / y en la regeneración / miramos el más allá. (Amalia Domingo Soler, A un materialista, fragmento).

Serie II,
Nr 3a. Budhas ståndpunkt
i jordelifvet, 1920
Olja på duk
37 × 28 cm
HAK471

O fragmento anterior dun dos poemas de Amalia Domingo Soler vén ao pelo para insistir nas prácticas espiritistas e as súas finalidades. Na segunda metade do século XIX e a comezos do XX os avances científicos foron moitos, sorprendentes e abriron portas ata entón insospeitadas. Apareceron os micromundos: os elementos máis básicos (e invisibles) da materia; atopáronse estruturas complexas e xeométricas na natureza: nas plantas, nos minerais, … Ante tal avalancha de trunfos da ciencia, as relixións foron perdendo forza e razón de ser. En tales circunstancias xorden propostas que miran de combinar o materialismo que emitía a ciencia coa espiritualidade da existencia humana: a teosofía (Non hai máis relixión ca verdade) e outras escolas similares. No seu poema, Domingo Soler rexeita relixións, e fala de átomos, de causa e efecto… harmonizar ciencia e espiritualidade. Amalia Domingo Soler é unha das máis significadas espiritistas españolas, escritora, defensora do librepensamento e dos dereitos das mulleres.

A práctica do espiritismo foi para as mulleres un modo de rebeldía; de liberación? En sociedades patriarcais e tan machistas, para algunhas mulleres (tal vez con forte personalidade ou un ambiente permisivo) calquera fenda pola que fuxir dunha existencia programada (casar, ter fillos, …) era atractiva. Se na Idade Media e mais na Moderna os mosteiros e logo os conventos foron espazos onde mulleres se refuxiaron, pois podían dedicarse a ler, estudar, escribir (e por tanto fuxir da programada existencia), na Idade Contemporánea o espiritismo foi outro dos vieiros polos que mirar de ter unha vida rica e liberadora. Con certeza esa foi unhas das razóns que animou a Hilma Af Klint a seguir as liñas de pensamento de Blavatsky ou do filósofo Steiner.

Cómpre suliñar que Af Klint foi unha grande observadora da natureza, das formas xeométricas que se cumprían en flores, follas, caracois. Elaborou moitos cadernos sobre estes temas, por exemplo Blumen, Moose und Flechten, 1919), e chegou a ser ilustradora de publicacións científicas sobre estes temas. Estas observacións e estudos van introducindo á artista e ás súas amizades neses círculos nos que asisten con interese ás novidades científicas, xa dos micromundos, xa das macrodimensións. Paralelamente aos progresos nas ciencias, Af Klint e amizades tamén reclaman igualdade de dereitos para as mulleres.

Moitos destes aspectos dos que aquí se expoñen vanse vendo reflectidos no filme Hilma (L. Hallström, 2002). Este biopic permite coñecer as evolucións da artista, das súas preferencias ao longo dos anos. E tamén está presente (aínda que non coa rotundidade que debería ter) a súa percepción da realidade social na que vive. Hilma Af Klint chega á conclusión de que a sociedade na que vive aínda non comprende as súas creacións. E, por tanto, deixa como última vontade que a súa obra (todas as súas pinturas) non se dean a coñecer ata 20 anos despois da súa morte. Que fortaleza espiritual, e que conciencia social a súa!

A exposición Hilma Af Klint no Guggenheim Bilbao é unha proposta atrevida, valente, historicamente transcendente.