Paolo Gasparini, para verte mejor…

Gasparini. La niña de la salina, 1958
Gasparini. La niña de la salina, 1958

Non deixa de ser paradoxo que o libro que mellor define os traballos do fotógrafo Paolo Gasparini sexa o que comeza así: Para verte mejor… O retratista entre Carapuchiña Vermella e a Caverna platónica: Para verte mejor, América Latina. Leva razón o fotógrafo ao avisar de que por tras desas instantáneas das sociedades americanas está o lobo? As imaxes que Gasparini captou por todo ese continente son espello certo dos contrastes sociais que se dan neses territorios?

 

 

 

Paolo Gasparini. Viaggio. Il senno di poi.

Gasparini. 26 de julio, La Habana, 1961
Gasparini. 26 de julio, La Habana, 1961

Testimoniar la dignidad del hombre, y su extraordinaria jornada en la historia debe ser la responsabilidad principal del trabajo de un fotógrafo honesto. El fotógrafo debe estar dispuesto a comprometerse con la realidad para poder representarla de la mejor manera posible, con toda la riqueza de sus detalles y tonalidades, con todos sus valores formales y con la mayor información posible. (P. Gasparini, en Andate e rotorno, 2019).

Con estas verbas -tan actuais- de Gasparini é doado coñecer os seus postulados ideolóxicos e pragmáticos sobre toda unha vida dedicada á fotografía. É, asemede, o que transmite a inmensa exposición Paolo Gasparini. Campo de imágenes, presentada como se dunha viaxe polos espazos e mais polos tempos se tratase.

No ano 1933 o fotógrafo húngaro Brassaï, exiliado en Francia e con troco de nome incluído, publica o seu primeiro e fundamental libro (fotolibro) París de Nuit. Neste libro había unha novidade: as fotografías ocupan totalmente as páxinas do libreto, sen deixar marxe algún. A sangue. Esa presentación, revolucionaria en 1930, viña sendo unha resposta de Brassaï contra o pictorialismo que tanto se dera e daba entre os fotógrafos (as fotografías presentadas cos seus marxes non deixaban de ser o remedo dos cadros pictóricos cos seus marcos).

Gasparini. Transparencia, Caracas, 1967-70
Gasparini. Transparencia, Caracas, 1967-70

Pola súa parte, o rebelde William Klein, editou en1956 o fotolibro: Life is Good & Good for You in New York que para Gasparini segue sendo “a obra mestra de todos os fotolibros”, e que, hogano, é considerado pola crítica internacional o libro de fotografía máis radical e rachador do século XX. Tanto, tanto é así que Klein tivo que publicar Life is Good en París, pois en New York non lle vían o interese a fotografías tan duras e mesmo salvaxes.  E o fotógrafo decide que (nese fotolibro) as instantáneas van enganchadas unhas nas outras -a sangue-, como se pasar os ollos polas páxinas fose un paseo polas rúas da cidade: New York nunca estivo aí para “verse bonito”, declara Klein daquela. Xa no ano 1951, e na revista Life (sorprendente), Eugene Smith publica a reportaxe Spanish Village: it lives in ancient poverty and faith, unha escolma de fotografías sobre a vida cotiá da vila estremeña Deleitosa. Son imaxes en branco e negro, tensas, de traballos, de vida e morte, imaxes de xentes que sobreviven ancoradas nos tempos; como reza o subtítulo na pobreza e fe seculares.

Todos estes fotolibros, fotoracconto como se lles chama en italiano, basean a súa esencia na presentación da realidade das persoas que non viven ben, que sobreviven. Os fotoracconti de Gasparini tamén. As imaxes van agarradas unhas nas outras, pegadas/contrapostas, sen deixar espazos en branco. Son fotos a sangue, maquetadas deste xeito para facer máis evidentes os contrastes entre maxestosas arquitecturas e o vivir dos humanos. Paolo Gasparini foi amigo de Paul Strand que lle recomendou, precisamente, facer ese tipo de reportaxes e presentacións das súas imaxes. Gasparini ten o don de saber viaxar polos espazos e mais polos tempos.

Gasparini. La mina de piedras, Bolivia, 1971
Gasparini. La mina de piedra

Un dos seus traballos máis significativos, para entender esas “viaxes” é Andata e ritorno, publicado hai moi pouco, no ano 2019. Case que se trata dun testamento artístico, pois aí van as súas teimas sociais e mais os seus presupostos estéticos. En cada páxina do libro de grandes dimensión hai dúas imaxes contrastadas -un díptico-, unha de Latinoamérica e outra de Italia ou outro lugar; contrastes entre a riqueza e a pobreza, entre unha sociedade rica e outra pobre; as viaxes, en definitiva, que fixo ao longo da súa vida. Pero aínda hai máis: as imaxes non sempre son coetáneas; a Gasparini  agrádalle xogar co Il senno di poi, a retrospectiva. Dito por el mesmo: Con la sabiduría del después. Asocié imágenes vinculándolas con temas, lugares y fechas diferentes, tratando de organizar un nuevo discurso que a través de la arquitectura y de algunos aspectos de la vida cotidiana de la ciudad (…) representando contradicciones sociales, políticas y culturales.

Importante reseñar que as máis de 300 imaxes que están na mostra Paolo Gasparini. Campo de imágenes, todas son propiedade da Fundación Mapfre. A Fundación Mapfre leva décadas facéndose cun fondo fotográfico magnífico, o que tamén se reflicte nas súas traxectorias expositivas, e máis aínda nun proxecto tan atractivo como a creación de KBr. Barcelona Photo Center, viveiro de iniciativas encol do mundo da fotografía. A exposición Campo de imágenes está comisariada por María Wills Londoño (Colombia), comisaria e estudosa do mundo da imaxe. É directora do programa Visionarios no Instituto de Visión (galería en Bogotá, dirixida por mulleres), ten publicado varios libros sobre eses temas e foi comisaria xefe de MOMENTA Biennale de l’Image (Montreal, 2019).

Gasparini. Para verte mejor, América Latina. Paul Strand.

Gasparini. Cuarto menguante contaminado, Ciudad de México. 1994
Gasparini. Cuarto menguante contaminado, Ciudad de México. 1994

“Para verte mejor, América Latina” (…) daba en el punto con el mensaje que queríamos difundir. Se trataba de una panorámica, desde México hasta la Patagonia, que abrazaba toda la iconografía del continente, desde los dioses solares indoamericanos, los generales embalsamados, la estrella tupamara, hasta la bañista rubia que anuncia una nueva crema para dorarse al sol; de Nuestra América, la de los años sesenta y setenta, la de la “hora de los hornos”, como decía José Martí. (P. Gasparini, 2019).

O fotolibro Para verte mejor, América Latina, publicado en México no ano 1972 e con textos de Edmundo Desnoes, é a publicación máis coñecida e celebrada do autor de Karakaracas. Nesta publicación decátanse con claridade as mestrías de Strand. No ano 1950, descontento coas políticas que practicaban os gobernos dos EEUU, Paul Strand decide irse vivir a Francia, e comeza a facer viaxes. E viaxa a Venezuela en 1960, estando varias semanas en Caracas como invitado de Paolo Gasparini. Alí o autor de Andata e ritorno recibiu decisivas leccións de realismo fotográfico por parte do autor de Un paese, e da importancia de elaborar relatos: unha fotografía illada non ten demasiado interese -veulle dicir Strand-, acumular imaxes sen máis, tampouco; cómpre procurar a narración, como se as imaxes fotográficas fosen palabras, frases da construción dun relato realista. A pegada de Stand en Gasparini vese ben reflectida no primeiro parágrafo que se cita nesta reseña. A ideoloxía progresista de Strand sempre o levou a interesarse polas clases traballadoras e menos favorecidas socialmente. Froito da curiosidade social e mais das viaxes de Strand é a inmensa galería de retratos que fixo en libros monográficos como: Living Egypt, Un Paese, Ghana, an African Portrait, La France de Profil. Entre finais do ano 2020 e comezos do 2021, o atractivo espazo KBr Barcelona Photo Center presentou a ampla mostra Paul Strand. Colecciones Fundación Mapfre, outra demostración da valía dos fondos fotográficos desa entidade.

Gasparini. La mirada sobre el mundo, Los angeles, 1997
Gasparini. La mirada sobre el mundo, Los angeles, 1997

O fotoraconto referenciado (Para verte mejor, América Latina) foi ideado mentres Gasparini estivo vivindo en Cuba, entre os anos 1961 e 1965. O escritor Edmundo Desnoes -autor dos textos que acompañan o relato fotográfico- foi un entusiasta intelectual a favor da revolución cubana, aínda que, desencantado, foise aos EEUU (1979), onde reside actualmente. Entre outras cousas, os seus textos no libro din: El hombre del siglo XXI que soño Ernesto Che Guevara tendrá su tierra de imágenes para la plenitud de todos, o no seremos; seremos devorados por el lobo del Norte revuelto y brutal que desea ver cómo nos consumimos consumiendo. Velaí o xogo! A portada do libro é unha imaxe tirada en São Paulo, típica deses contrastes que tanto procura Gasparini, na que se aprecia unha valla publicitaria anunciando unha cámara fotográfica Kodak, a punto de ser accionada contra quen mira por unha moza sorrinte. Un xogo digno dunha pintura barroca (As Meninas, quen mira, quen pinta?): o fotógrafo retratado? O consumo salvaxe que rematará por ver como nos consumimos consumiendo?

As contrastadas sociedades do continente americano son a esencia desa mirada a América Latina. Por non faltar non falta nin o lobo. Os grandes ollos dese lobo (o obxectivo impúdico da cámara Kodak?) están aí Para verte mejor!, e a seguir devorar, como reza o conto clásico. No proceso intelectual de concibir o fotoracconto, todo fai pensar que Gasparini andou á procura das esencias dese colosal continente (cousa nada fácil); por iso esas imaxes en branco e negro, presentadas a sangue e con todos os contrastes, lembran a Caverna platónica. Gasparini pasa anos na cova e descobre alí as definicións abstractas das realidades. Logo despois só precisa saír ás rúas e lembrar todo aquilo aprendido. Exemplo: unha das imaxes presenta unha rúa de Tegucigalpa, cun auto Peugeot en primeiro plano, mentres pola beirarrúa pasan dous indíxenas e no muro dun impoñente edificio pódese ler: SOMOS – COLONIA – ABAJO – IMPERIO.

A mostra que nestes meses presenta KBr: Paolo Gasparini. Campo de imágenes, ten unha amplitude pouco habitual, 300 imaxes; un viaggio polos espazos e polos tempos. Gasparini semella o demiúrgo capaz de conxurar as máis inaccesibles dimensións e empregalas ao seu servizo. Viaxeiro desde a súa saída de Italia con só 20 anos, curioso e retratista, remata por xogar nos seus fotolibros para mellor presentar as realidades. Ver, oír, devorar… Gasparini, leñador?

Acompañando esta rica mostra de Gasparini, a Fundación Mapfre ofrece un catálogo de alta calidade. Calidade nos textos, calidade na reprodución das imaxes, calidade no deseño e execución gráfica. Xa a fotografía escollida para a portada (La mirada sobre el mundo, Los Ángeles, 1997) fai estremecer: a mirada do lobo del Norte revuelto y brutal.

 

Paolo Gasparini. Campo de imágenes. Ver, mirar.

Gasparini. Juego de niños con grafitis, Sâo Paulo, 1997
Gasparini. Juego de niños con grafitis, Sâo Paulo, 1997

As fotografías son quizais os obxectos máis misteriosos que constitúen, e densifican, o ambiente que recoñecemos como moderno. As fotografías son en efecto experiencia capturada e a cámara é a arma ideal da conciencia no seu talante cobizoso (…) O surrealismo atópase na medula mesma da empresa fotográfica: na creación dun duplicado do mundo, dunha realidade de segundo grado, máis estreita pero dramática que a percibida pola visión natural. (Susan Sontag. On Photography, 1973).

A realidade que no século XX e XXI se percibe en todos e calquera dos estados e cidades de Latino América é mestiza, á forza trátase de realidades plurais e con substratos e substratos. Unha verdadeira torre de Babel conformada polos aluvións humanos e culturais que se foron dando cita naquelas terras ao longo dos séculos. E Gasparini isto percíbeo perfectamente (quizais por chegar con 20 anos de situacións diferentes?). Moitas das imaxes que captura o fotógrafo de Retromundo (e tamén dos murais que remata por facer) deveñen amalgama, sucesión de propostas visuais. A Gasparini agrádalle moito retratar paredes onde se amorean os reclamos publicitarios: actos reivindicativos, Coca-Cola, cosméticos, Che Guevara, … Todo en convivencia nos muros. Talmente igual ca nas sociedades.

Paolo Gasparini nace en Gorizia (1934), unha cidade italiana preto de Trieste, fronteira en moitos intres históricos entre imperios. Aos 20 anos o seu irmán, que xa vivía en Venezuela, invítao que vaia para fuxir do servizo militar. En 1995 representa a Venezuela, precisamente, na Biennale de Venezia, onde presenta uns murais longuísimos que veñen sendo mosaicos de imaxes tiradas por todas partes e nos que cada fotografía é unha tesela. Quere seguir, neste caso, Gasparini aos grandes muralistas mexicanos e latinoamericanos? Esa presentación nun centro de arte como é a capital do Véneto significou o seu recoñecemento internacional definitivo.

Como ben di Susan Sontag a fotografía é a creación dun duplicado do mundo, dunha realidade de segundo grado, dramática pero non por iso menos real. As fotografías son contidos reais paralizados no tempo. Para evitar esa detención temporal é polo que o autor de Cuba, de la utopía al desencanto inventa nos seus fotoracconti eses saltos no tempo, mesturando imaxes dos anos 60 ou 70 con outras no novo milenio. E, na presentación das mesmas, móstraas en parellas, dípticos, dúos de realidades, de presencias humanas. Iso mesmo escolleron a comisaria, María Wills Londoño, e mais o propio fotógrafo: presentar a meirande parte das imaxes en dípticos que non gardan nin os tempos nin os espazos. Pódense mesturar imaxes de América con outras de Italia e por suposto de diversas décadas. E o propio Gasparini comentou, na presentación da mostra Paolo Gasparini. Campo de imágenes que noutras ocasións -pasadas e futuras- as imaxes que conforman os dípticos poden perfectamente ser outros.

Gasparini, arrimado á realidade -como lle recomendou o amigo Strand- é quen de levantar voo como cóndor e observar desde lonxe as constantes da vida no continente americano. Ben é certo que desde a súa natal Gorizia o mozo xa traía a semente do neorrealismo italiano -tan forte xa naqueles primeiros anos 50-, propostas estéticas nas que Paolo xa iniciara as súas prácticas con aquela Leica que o seu irmán lle remitira desde Venezuela.

Ser fidel ás situacións sociais non está pelexado coa ironía, co xogo. De aí eses títulos tan emblemáticos e lúcidos: Para verte mejor… , Karakaracas, São Paulo, la muerte del aura, El Suplicante, El Ángel de la Historia, … As imaxes e os dípticos rotundos de Gasparini convidan a mirar … e ver. Ver con atención o que acontece. Ver as riadas humanas que foxen -en cruentas migracións- do sur cara o Norte, para que as consuma o lobo?

Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN:  Paolo Gasparini. Campo de imágenes
  • KBr Barcelona Photo Center, Fundación Mapfre ata o 16 de xaneiro de 2022