A práctica da arte ten moitos vieiros. O pintor Giorgio Morandi traballou sempre na súa vila natal, no seu obradoiro; e proxectou as súas visións do mundo en escasos temas. Coma un monxe zen a procurar a perfección no karesansui, o pequeno xardín de areas. Que misterio agochan as pezas dunha vaixela? A redución cromática limita a creatividade?
Giorgio Morandi
Sempre caro mi fu quest’ermo colle / E questa siepe, che da tanta parte / Dell’ultimo orizzonte il guardo esclude. / Ma sedento e mirando, interminati / Spazi di là da quella, e sovrumani / Silenzi, e profondissima quiette / Io nel pensier mi fingo; ove per poco/ Il cor non si spaura. E come il vento / Odo stormir tra queste piante, io quello / Infinito silenzio a questa voce / Vo comparando: e mi sovvien l’eterno, / E le morte stagioni, e la presente / E viva, e il suon di lei. Cosí tra questa / Inmensità s’annega il pensier mio: / E il naufragar m’è dolce in questo mare. (G. Leopardi. I Canti (1831), Canto XII).
Os avatares da vida e obra de Giorgio Morandi van parellos ao acontecer diario do século XX na vila de Bolonia, esa cidade do norte de Italia onde naceu e viviu. E alí, no seu monacal obradoiro, foi quen de elaborar unha das creacións artísticas máis únicas, ricas, do século pasado; aínda que apenas dedicou os seus abundantes traballos a dous temas. Agora, na casa onde viviu e traballou, instalouse o Museo Morandi, verdadeira homenaxe a ese home alto, de figura esvelta e face a medio camiño entre o actor Vittorio Gassman e o cantante Paolo Conte. Pero, iso si, traballando en silencio. Silencios volumétricos, luminosos.
Nestes meses a cabalo entre 2021 e 2022 é posible admirar as creacións do pintor boloñés nas salas da Fundación Mapfre, Madrid: Giorgio Morandi. Resistencia infinita.
Giorgio Morandi (1890-1964) é dono dunha produción pictórica especial. Nunca se deixou levar por ningún dos “ismos” tan habituais nas vangardas da pasada centuria. Influído sempre pola forte pegada de Cézanne, e logo polos cubistas, de contado soubo procurar e atopar vieiros propios polos que militar a arte. Nos anos vinte acompañou a Giorgio de Chirico e a Carlo Carrà na aventura da Pittura Metafísica, pero tamén destas sendas soubo apartarse. Como tamén o fixo das tendencias cara o strapaese, as loas á vida rural, fronte ás axitadas urbanidades.
Por iso mesmo, tamén camiñou fóra do moi influínte futurismo italiano e das súas derivacións cara as liñas do fascismo. Iso víase vir: a velocidade non foi precisamente un atractivo para o autor de tantas e tantas nature morte, elaboradas sen elementos vexetais nin animais. Dos compañeiros de Morandi, Carrà fora un dos impulsores do futurismo, pero logo virou costas cara interpretacións máis achegadas aos mundos oníricos. E de Chirico (houbo importante mostra en Caixaforum) é o gran creador de mundos arquitectónicos e arquetípicos que tantas bazas lle brindou aos dadaístas e mesmos ao surrealismo.
Giorgio Morandi, pintor pausado, eremita no silencio; tanto que se podería dicir (como o seu querido Leopardi no poema reproducido): Mais sentado e mirando interminables espazos por tras del, sobrehumanos silencios, e fondísima quietude a miña mente imaxina; tanto que por pouco o meu corazón se asusta. O pintor de vía Fondazza crea suxestivas imaxes, volumétricas, nas que se adiviñan rexistros inconscientes, e chegan ao público potentes, emerxidas das rexións nas que non hai defensas.
Moito se ten escrito sobre que este artista vivía fechado en si propio e afastado de contactos externos. Non é certo. Sabía moi ben por onde ían as trazas da arte, xa coa lectura de revistas, xa coa visita de mostras. As obras de Morandi, significativamente, foron participando en exposicións importantes; en Italia (Biennale de Venecia, varias veces) e fóra (Bienal de São Paulo e en New York entre outras cidades). As súas obras -sinxelas e esenciais- foron aparecendo nas filmografías de directores de culto como Federino Fellini (La Dolce Vita) e Antonioni (La Notte) alá polos anos 60.
Morandi é o pintor do volume e da luz. Da abstracción e da síntese. As súas pezas -xa fiori, xa nature morte– son haikus de pureza extrema. Haikus rotundos, saídos das masas aprendidas en Masaccio e en Ucello. A súa vida e obra corren en paralelo ás prácticas monacais; ás militancias eremitas. Acaso Morandi tiña algún tipo de ritual previo para comezar a pintar unha tela? Contan que investía moito máis tempo en preparar a composición de obxectos para unha Natura Morta (botellas, xerros, copas) ca na execución práctica da mesma. Antes de comezar, practicaba xexúns? Como se preparaba poeticamente e espiritualmente para lograr pintar brancos sobre branco? Os monxes da igrexa ortodoxa, antes de comezar a elaboración dunha icona, pasaban días de especial reclusión. Logo viña a confrontación coas figuras sacras… Ese longo ritual está moi ben recollido no filme Andrei Rublev (o mellor pintor de iconas, s. XV), de Andrei Tarkovsky.
Giorgio Morandi. Música do cotiá. Teatralidade atmosférica
Todo en Morandi é un misterio; o silencio fala e non deixa dubidas cun discurso claro e confuso. Todas as respostas son xustas, precisas e transparentes en Morandi, agora temos que atopar as preguntas. Sempre os mesmos obxectos, e sempre distintos. A primeira vez que tiven a Morandi fisicamente a metro e medio de min, ocupando o seu espazo en relación ao cadro, non entendín nada, non me gustou. Volvín atopar Morandi, noutro espazo, noutro tempo… non imaxinaba que o atoparía alí, con outros compañeiros, pegados á parede, calados. El faloume! Anos despois, volvín atopalo… non! Fun velo, e falamos, moito. Segue sendo un misterio, pero agora coido que entendo. (Anxo Baranga, artista, 2021).
Giorgio Morandi, nas súas pinturas (e mais nos seus gravados) non apostou pola figura humana, o tema principal da arte occidental. Tamén niso é orixinal. E tampouco pola representación de animais. Pintou moito. Que pintou, logo? Fundamentalmente Naturezas mortas (Nature Morte). Xunto a este reiterado, e case obsesivo motivo estético, pintou paisaxes (paesaggios) e flores (fiori). En toda unha vida dedicada á pintura e o gravado non saíu deses temas. As naturezas mortas, bodegóns, reduciunos a traballos con obxectos domésticos: botellas, copas, tarros, xerros, … Bodegóns frugais, de clara tradición barroca. Pero nada de encher espazos con arquitecturas, obxectos e animais, tan do gusto dos bodegóns que acugulaban artistas holandeses. Non. Morandi prefire a simplicidade que escolleron Zurbarán ou Sánchez Cotán; esa ascética que séculos despois empregan os irmáns Santilari.
Que veñen sendo as composicións de Morandi? Coloca obxectos, perspectiva, volume. A luz. A ordenación dos obxectos son haikus. Cada composición translúcese en palabras que conforman unha estrofa. Unha linguaxe propia, de seu, única. Moitas veces, no mesmo ano, estrutura os mesmos obxectos de xeitos diferentes: estrofas de rima consonante?, asonante? Ou son escenas de dramaturxia interior? Variacións cósmicas de universos insospeitados. Universos que -cual Baranga- non sempre se entenden, semellan un elemental xogo infantil. Mais non son tal. Acaso as pezas da vaixela son para Morandi monicreques? Ou polchinelle grandes e pesados, tan populares no sur de Italia e mais na illa de Sicilia?
Ou a estudada colocación de utensilios domésticos é a suma de notas musicais? Que vale unha botella, esvelta?, e unha copa? A musicalidade da vida cotiá? Por que, en moitas nature morte semella que Morandi alonga os pescozos dos cacharros da súa casa? Eses pescozos que invaden espazos, e provocan lecturas distintas sobre os fondos, na perspectiva, son acaso, claves musicais nas que comezar a ler unha partitura? Como afirma Anxo Baranga, artista polifacético, arredor de Morandi hai misterio. Hai misterio silencioso. Silencio que calla nesas dúas bandas cromáticas que emprega nos bodegóns como únicas referencias espaciais onde situar os útiles domésticos. Como se de pinturas relixiosas se tratase. Tal cal facía quen pintaba paredes de igrexas ou táboas na Alta Idade Media. É Morandi un pintor románico? A banda inferior (sobre a que descansan os elementos seleccionados) de cores ocres ou marróns: a terra; a de máis arriba de varias cores, ás veces azuis, como os ceos. Igual que se aprecia en calquera pintura románica, e nas iconas bizantinas. Para o pintor boloñés o proceso creativo consistiu en pasar do universo profano a outro de fasquías sacras?
Que pescudaba Giorgio Morandi coas variacións dos obxectos? Ir improvisando unha peza de jazz? Morandi é quen de deixar que sobre botellas, copas e xerros se pouse a inefable pátina do tempo. Logo, cando pinta a escena, o po está no aire, por riba das vaixelas da casa familiar. É a teatralidade doméstica.
Diríase que as paisaxes que pinta o artista boloñés, as vedute que se albiscan desde o seu obradoiro, viñeron percorrendo mundo desde as voltas de Aix-en-Provence, viaxaron desde as tamén reiteradas captacións que Cézanne fixo da montagne Saint Victoire. Morandi mira pola fiestra do seu obradoiro de sempre, en via Fondazza e ve os edificios da cidade. Pero unha parede tápalle parte da paisaxe… (ver Cortile di via Fondazza, 1954). Por que consinte o pintor que unha parede ocre tape a metade esquerda da veduta? Se quere reter os volumes dos edificios próximos, por que non saír á rúa, sen obstáculos? Acaso facía algo similar Canaletto coas prazas e canais venecianos, que logo vendía a quen se aventuraba na Grand Tour? A sintaxe estética e escénica de Morandi habita os mundos do misterio, dos silencios místicos. Igual que unha parede tapa boa parte da paisaxe, cos elementos domésticos fai o propio: coloca uns diante doutros non deixando así que se amosen os volumes dos obxectos domésticos. Por que?
Giorgio Morandi. Esencialidades. Estilo tardío?
Penso que nada pode ser máis abstracto, máis irreal, que aquelo que vemos. Sabemos que ningunha das percepcións que os humanos temos do mundo obxectivo se corresponden co que vemos e comprendemos. A materia existe, por suposto, mais non ten un significado intrínseco propio, como os significados que lle atribuímos. Só nós podemos saber que unha cunca é unha cunca, que unha árbore é unha árbore. (Giorgio Morandi, declaracións a Edoardo Roditi).
O autor da Natura Morta de 1963 (Museo Morandi), última obra do mestre da austeridade, a peza que quedou aínda no cabalete, sempre practicou a pintura figurativa; só aposta polos volumes primarios e mais polos xogos de luces sobre as superficies. Morandi pinta botellas, copas, xerros, pero tales pezas non son transparentes. As súas botellas teñen o volume, a contundencia presencial, que xa o estudoso da Sant Victoire lle deu en Les Joueurs de cartes. E sendo pintor figurativo, intérprete de volumes recoñecibles, é un artista metido de cheo nas abstraccións. Os volumes elementais, a luz definidora, falan de procesos de abstracción.
Como xa se dixo, Giorgio Morandi -como calquera outro artista- pasou por varias etapas creativas ao longo dos anos. A partir do final da II Guerra Mundial, aproximadamente, a súa pintura faise aínda máis esencialista; aínda renuncia a detalles que antes recollía. Un exemplo son as sombras. Nas nature morte que foi elaborando a partir dos cincuenta anos en bastantes ocasións a alongadas sombras dos cacharros non están. Non interesan agora? A evolución do pintor monacal vai por aí camiño da abstracción?
Aínda máis, se cadra, sorprende que na segunda metade do século XX, á hora de facer unha composición con xerros, tarros ou botellas, utilice menos elementos (austeridade? Vía de abstracción?) e os xunte no medio da composición que terá a pintura, amoreados, e deixe espazos baleiros a cada lado da tela pintada ao óleo. Para que? Para provocar que? Para afirmar que, agora, o haiku, a composición musical, aínda son máis reducidas, máis sinxelas? Para que respire o karesansui? Non acaban aquí as novidades. Perante décadas Morandi foi mesturando composicións verticais e tamén horizontais. Nesta última etapa predominan claramente as composicións horizontais. Son máis pausadas, reflexivas? Delatan un espírito sereno? E cada vez emprega menos cores. Morandi é dos poucos artistas que decide pintar brancos sobre branco, ocres sobre ocre. O artista achégase ás esencialidades? Alcanza a iluminación e chega ao silencioso misterio?
Todo parece indicar que Giorgio Morandi, alá polos anos 50 e 60 da pasada centuria saborea a sinxeleza creativa. Preocúpase polas mesmas emocións que envolvían a Giacometti e as súas figuras filiformes, esquemáticas?, polo sentir primario que ditou as notas das últimas composicións ao autor da novena sinfonía? Outro tanto se ten dito de Goya ou de Renoir.
A existencia, ou non, do chamado Estilo tardío ten levantado polémicas e facer correr ríos de tinta. O primeiro estudoso que reflexionou sobre este concepto foi Theodor W. Adorno, cando se refería ás últimas composicións de Beethoven e á simplificación de formas e propostas que denotaba no compositor. Logo, quen mirou de estruturar e dar forma a tal maneira de crear foi E. W. Said, atendendo á produción de escritores e músicos. Segundo os teóricos do Estilo tardío tal cousa pode darse só nos grandes creadores, nunha etapa final da súa vida, onde se mesturan a debilidade física, o cansazo e a actitude consciente do artista de que calquera cousa nova que faga pouco ou nada vai aportar á súa traxectoria artística. Esas últimas creacións caracterízanse por apostar por esencialismos e pola simplificación. O Estilo tardío prodúcese (no caso que se produza): nun intre no que o artista, a pesar de ser dono absoluto do seu medio, abandona a comunicación coa orde social establecida da que forma parte e alcanza unha relación contraditoria e alienada con el mesmo (Adorno). Algúns estudosos observan esas especificacións do Estilo tardío nas derradeiras creacións de Picasso, cando ataca con forza os seus temas esenciais, ou na queima de lenzos por Miró, xa con 80 anos, ou nas pinturas negras de Goya.
É o caso de Giorgio Morandi? As esencialidades nas derradeiras pezas do mestre de Bolonia semellan mostrar ese vieiro. Giorgio Morandi é un gran mestre.
Giorgio Morandi. Resistencia infinita. Fundación Mapfre. Escola morandiana.
Ejercemos un arte mínima, pobre, no vendible, salvo en contadas ocasiones, nunca públicas, igual que ésta, aquí, en la tarde, en la hora incierta de la absoluta desaparición. (José Ángel Valente, No Amanece el Cantor. 1992).
Unha vez máis a Fundación Mapfre sorprende coa oferta dunha magnífica exposición, neste caso de pintura: Giorgio Morandi. Resistencia infinita. Nas súas salas de Recoletos pódense contemplar e valorar nada menos que 109 obras do artista de vía Fondazza. E, para mellor deleite, engaden ao cento longo de pezas 26 obras doutros artistas actuais que recoñecen a mestría de Morandi. Morandi gran mestre. Entre os artistas hai algúns españois (Alfredo Alcaín, Juan José Aquerreta, Gerardo Rueda entre outros) e tamén de moitas latitudes; por exemplo: Rachel Whiteread, Ada Duker, Tony Cragg ou Alessandro Taiana.
A mostra Giorgio Morandi. Resistencia infinita está comisariada por Beatrice Avanzi, responsable di settore arte moderna, do Mart, Museo di arte moderna e contemporanea di Trento, e mais por Daniela Ferrari, comisaria. Estas dúas profesionais xa foron as comisarias doutra magnífica exposición organizada (coma esta) pola Fundación Mapfre: Retorno a la Belleza. Obras maestras del arte italiano de entreguerras. Na que xa se puideron ver creacións de Giorgio de Chirico e, como non! Unha paisaxe e varias naturezas mortas de Giorgio Morandi.
A procedencia das obras mostradas dá conta da importancia da mesma. Os prestadores son moitos, entre os que sobresaen o Museo Morandi (Bolonia), dos que máis obra ten en Madrid, a Fondazione Magnani-Rocca, a Pinacoteca di Brera (Milano); a Kunstsammlung Nordrhein-Westfalen (Düsseldorf) ou o Centre George Pompidou e o Museo Thyssen-Bornemisza.
- EXPOSICIÓN: Giorgio Morandi. Resistencia infinita. Fundación Mapfre, Madrid.
- Ata o 9 de xaneiro de 2022