Filgueira Valverde na clase e fora dela

I.- Cando a semana remata no 17 de maio.- O primeiro labor de Filgueira é o de profesor, sempre. Semper docuit. Na aula e fóra da aula, no Instituto e no Museo, nas clases maxistrais en tódolos foros: o de conferenciante, por milleiros.

Alto, para o seu tempo, pero non delgado, miope desde neno, traxe de chaqueta cruzada. (A gravata era necesaria aínda para os alumnos, sempre de uniforme, elas e eles). A cara, de caricatura fácil, aparecía en calquera recanto, nos pupitres, nas paredes do Centro, amplísimo, que máis parecía Facultade. As mans enormes: con libros, coa carteira, con papeis.

Vino, cada vez apurado, dun sitio para outro. Había que falarlle ó paso ata que o asunto se volvía importante e entón mirábate de fronte, parado, e respondía: si ou non ou xa veremos. Aconsellaba pero advertía. Eu mesmo teño pillado algunha bronca –sempre en castelán– (cando o noso trato desde a primeira vez que me examinou, por libre e en setembro, por escrito e por oral, foi en galego e a sabor, aínda algo veciños ambos de Salcedo, o que vai de san Brais á miña Ruibal).

A década dos cincuenta era aínda de guerra fría. No país, ditadura; no Instituto, disciplina. Os que vivimos o franquismo, aínda contra el, quedamos en certo modo inficcionados. Sorpréndome, pasados todos os anos que pasaron –ou que non pasaron–, sorpréndome, digo, ó constatar en min algún arrebato autoritario. Filgueira era home da situación, a miña familia, de esquerdas. Ben que mal os dous sabiámolo. Cadroume ser bo alumno. Todos somos bos profesores cos alumnos bos. Ensinar os malos é máis edificante, pero máis tedioso. O mestre nunca se aburriu comigo, nin eu con el. Tiñamos, no trato, algo de xesuítas, calzados.

Sempre amei o recordo dos meus profesores, que os tiven excelentes e, sobre todos eles, a figura sabia, memoriosa, cabal, intelixente de primeira orde, que convertía o arduo en algo de toda sinxeleza. Cultísimo, estratego, provisto Filgueira, dos ollos de Atenea –ollos de noitarega, de curuxa, para orientarse na noite máis escura–, ollos glaucos da deusa de Atenas, deusa do Logos e da Razón ilustrada.

 

II.– Fixo don Xosé Filgueira para a Enciclopedia Gallega, en castelán, 23 entradas, sub nomine ou sub voce (non se falaba aínda de ítens) ben a requerimento ben por iniciativa propia, membro do Consello consultivo, pensando en voces que non podían faltar no elenco enciclopédico desta petita patria (a formulación é de Salvador Espriu, cando fala da súa) que chamamos Galicia e mesmo Galiza (véxase sub verba, a nota de prodixiosa erudición de Isidoro Millán González-Pardo, tan esclarecedora, na colección), Galicia/Galiza de dupla lección dende o fondo das idades. Tales achegas, ó saber e entender de quen as asina, declaran unha escolla doada no bo facer do autor, na fasquía, na tonalidade, tamén da extensión acorde, no tino, na capacidade de síntese e de alta divulgación, que veñen aquí consontes, disciplinares, trivio e cuadrivio: semper docuit

Tense dito de Sarmiento, frade bieito a quen don Xosé (así era invocado polos seus alumnos, sen máis adherencia) tivo como guieiro, Padre Mestre na súa orde, Sarmiento, Filgueira foino, semper docuit, asemade, na que tivo de seu, no século, mestre insigne da paideia de noso, quimera docente que veu ser o máis alto timbre gratulatorio no seu labor de educador, sempre, e mais despois. Provén Filgueira da magna estirpe dos ilustrados do setecentos, da sabia erudición do XVIII, da xenia de Feijoo e Sarmiento: cartas, críticas, ditames debeladores ortodoxos, de erros comúns e supersticiosos, na diversa Hispania de Ambos Mundos (non en van, foi Sarmiento o derradeiro Cronista de Indias). Pódese inventariar, autorizar e prodigar, tan só así, os innúmeros saberes cos que o meu mestre ten estrado os nove libros de ADRAL, nova enciclopedia revisada, aumentada, posta ó día e corrixida, e en galego. ADRAL (os nove adrais, cada un co seu número ordinal, romano ou en letra) configura as nosas etimoloxías, como pobo que somos verdadeiramente (`étimo´ e `verdadeiro´ o mesmo ten). Está por estudar a faceta americanista de Filgueira, con innúmeras achegas de corte biográfico: tal a entrada SARMIENTO DE GAMBOA, neste mesmo libro. Quen asina estas 22 entradas (non vaian ser 23), ensinou moito e equivocouse pouco, na palabra e na escrita. Dito sexa na súa honra. Non terá que cantar a palinodia, que outros si que por aí se andan. Non. Sabía o que tiña que saber, competente, docto e capaz no plinto dos mellores, dotado dese plus carismático que, soamente en grandes educadores como el, que o foi a sabor, darse pode. Está por estudar a faceta americanista de JFV, innúmeras achegas de corte biográfico, as máis: como mostra, a entrada Sarmiento de Gamboa, Pedro.

As corrigenda non eran do seu gusto nin sentaban á súa mesa. Non estaba Filgueira afeito á critica contra el, e aínda á autocrítica. Por iso –coido que única mostra– (in gurgite vasto) no artigo admirable que envía para a homenaxe a Rodríguez-Moñino (outro príncipe das Letras, compañeiro de oposición) fai acordo de si propio e do seu amigo: “y [me] corregía constantemente las concesiones de mi eclecticismo galaico o la tendencia a la generalización. Era el rigor del bibliófilo frente a la improvisación [mía]”. “Confieso que ante su primera y seca admonición, me sentí confuso, aunque venía acostumbrado a las no menos tajantes de Sampedro [y Folgar] y de Sánchez Cantón” (1).

 

III.- E por riba explicou literatura, a más poética das literaturas: amaba, el, e comigo, a poesía, onde sempre nos xuntamos moi liberalmente. Nunca desafeitos.

Louvor e lembranza ó insigne polígrafo de obra pouco menos que inabarcable en tantos eidos que ten labrado: cantas caras terá, pois, ese poliedro mesurable –en todo caso– que se chamou Filgueira Valverde? Cantos os ámbitos nos que se moveu a súa curiosidade laboriosa?

 

IV.- FILGUEIRA: culpável!.- Non parez que Filgueira militara no eido reintegracionista, si no portugués que tiña como lingua de cultura. Foi a súa postura a favor do galego común a que incendiou a man do grafiteiro de ocasión para ser considerado culpável? Nada máis entrar en Pontevedra pola ponte do Burgo –a ponte da cidade–, no lateral da casa onde viviu, estucada de branco, a brocha inconforme pintou a sentenza: culpável. O señor da casa preferiu que a pintada permanecese alí vella de anos, para pasar a non dicir nada. Sabía Filgueira que tal inculpación non era para el. Como tantas outras.