
Richard Avedon é unha das grandes figuras da fotografía. A Fundación Mapfre recupera por primeira vez en España a famosa e icónica serie de fotografías que Avedon efectuou a comezos dos anos 80 da pasada centuria nos estados do oeste dos EEUU. Toda unha lección de fotografía e mais de humanidade. A longa serie In the American West vén sendo un clásico na historia da arte.
Richard Avedon. In the American West, 1979-1984. Fundación Mapfre Madrid.

En 1979 o director do Amon Carter Museum of American Art (Fort Worth. Texas) pídelle ao fotógrafo Richard Avedon que retrate persoas do Oeste e centro dos EEUU para ampliar a colección do museo. Pediulle que retratase persoas correntes (non persoeiros); traballadores e traballadoras e xentes correntes. Avedon era daquela un fotógrafo ben coñecido polos seus traballos para revistas de moda (Harper’s Bazaar, Vogue) e mais por ter xa retratado a moitas persoas famosas do seu tempo: Andy Warhol, Marilyn Monroe, Pablo Picasso, Humphrey Bogart, o casal Reagan, … O encargo, por tanto, representaba unha novidade nos seus traballos.
Agora a Fundación Mapfre presenta o resultado dese traballo: Richard Avedon. In the American West, 1979-1984. Un total de 110 fotografías orixinais, de gran formato e as mesmas que Avedon revelou para a exposición homónima que se presentou en 1985 no Amon Carter Museum. O encargo do Amon Carter Museum representaba un xiro radical nos traballos dun fotógrafo ben coñecido nas revistas de moda. Trátase agora de mirar o reverso das realidades americanas; non vai de triunfadores, de quen inza a prensa con informacións sobre as súas vidas. Agora han ser figuras descoñecidas, ignoradas, persoas que nunca lograrán o “Soño Americano”, que non foron nin son beneficiarios da America Way of Life.
Para efectuar o encargo, Averdon -con axudantes e unha cámara grande- visitou 189 poboacións de 17 estados diferentes en cinco anos; fotografara a 752 persoas e tirara máis de 17.000 imaxes. Ao final, para a exposición e mais o catálogo editado, escolleu 123, das que agora nas salas da Fundación Mapfre Madrid pódense admirar a case totalidade. In the American West, 1979-1984 é unha mostra espectacular, e a primeira vez que se exhiben en España esas fotografías de grandes dimensións e positivadas polo propio Avedon. Todo un luxo.
O encargo fíxose nun contexto político moi concreto. Era a época do salvaxe neoliberalismo promovido polo presidente Ronald Reagan (981-1989), quen por riba participara en varios western, dando unha imaxe tópica daquela sociedade dos estados do oeste estadounidense. Cómpre salientar, tamén, que a visión que, por aqueles anos, se estaba vendendo daquela sociedade era a que transmitían polas televisións dúas series de grande éxito: Dallas e Dinastía.

Avedon comeza a retratar por feiras e mercados a vagabundos, mineiros, traballadoras, granxeiros, camareiras, vaqueiros de rodeo, amas de casa, coas vestimentas de traballo e/ou as que levaban postas. Sen preparar. Comeza a disparar ao aire libre, con luz do día, de fronte. Pero algo acontece que ao fotógrafo non lle satisfai: as imaxes non teñen a forza que el pretendía. Entón recorre a unha nova constante: retratar a esas persoas “populares” cun fondo branco; sen referente ningún. Así as imaxes ganan moita forza, toda a enerxía concentrada nos ollares, nas faces dos protagonistas. Esa foi unha das novidades que impuxo Avedon. A galería de tipos pódese ver nesta ligazón.
O proxecto In the American West acaba por ser unha aposta do propio Avedon, por efectuar, con eses duros retratos, unha fonda reflexión crítica sobre a sociedade na que el mesmo vive, sobre os sectores máis desfavorecidos, aqueles que o neoliberalismo e a loita de clases levou aos niveis máis baixos e pobres. In the American West, 1979-1984 vai máis aló do encargo, e remata por ser unha panorámica sobre a condición humana, sobrepasando os límites xeográficos e temporais. Este traballo faise un clásico, unha obra intemporal, a carón de obras literarias, pictóricas ou musicais. Por riba, nada hai nesas imaxes tiradas por espazos remotos das vidas dos gañadores, dos triunfadores; máis ben é a esfera dos perdedores. Por esa banda chegáronlle a Avedon moitas das críticas que se formularon a eses duros retratos: ninguén sorrí nas imaxes, In the American West non vende realidades amables.
Salvando as distancias, e mirando só os aspectos técnicos, os retratos de Avedon para a serie In the American West teñen semellanzas co que fixeron antes del -e seguiron facendo despois- os chamados Fotógrafos de Minuto. Coas súas grandes cámaras ofrecían (e agora en sitios turísticos volven ofrecer) a posibilidade de obter unha imaxe en pouco tempo, en xardíns e lugares públicos; e tamén pechaban por tras a imaxe con pano branco que centraba toda atención no personaxe captado en solitario.
Richard Avedon. In the American West, 1979-1984. Fundación Mapfre Madrid.

A Fundación Mapfre nas súas salas de Recoletos de Madrid presenta estes meses de verán de 2026 a magna exposición Richard Avedon. In the American West, 1979-1984, unha extraordinaria oferta ao público que consolida á Fundación Mapfre como a gran referencia española nos campos da fotografía. A mostra In the American West vén organizada pola Fondation Henri Cartier -Bresson de París xunto coa colaboración da Fundación Mapfre; mentres que as imaxes de Avedon son préstamos da The Richard Avedon Foundation, institución radicada en New York e creada polo propio Avedon en vida (nos apartados do portal web desta fundación aprécianse a variedade e calidade dos traballos do fotógrafo.
Richard Avedon traballou ao longo de máis de vinte anos para a revista Vogue y a partir de 1992 converteuse no primeiro fotógrafo fixo do The New Yorker. No seu estudo, por conta propia ía traballando nas cousas que lle agradaban e dirixindo campañas publicitarias que remataron por ser das máis coñecidas dos Estados Unidos. Deste xeito foi logrando o prestixio que lle permitiu traballar noutras campañas afíns aos seus intereses culturais ou políticos. Así puido traballar en campañas en favor dos dereitos civís nos Estados Unidos ou en contra da guerra de Vietnam. Nese contexto chega o encargo de traballar no que sería a serie que rematou por darlle máis prestixio: In the American West.
Alá polo ano 1936, en plena crise económica provocada polo crac do 29, Walker Evans -o fotógrafo pioneiro en tantas cousas- publica as súas imaxes no libro Let us now praise famous men, imaxes de pobres arrendatarios rurais nos estados do sur dos EEUU, e texto de James Agee, un escritor incendiario e moi crítico. A ironía e crítica mordaz do título é ben patente. As persoas que aparecen nas súas páxinas dese libro non son precisamente homes e mulleres famosas, pero para os autores do libro si que o son. Nese libro aparecen algunhas das imaxes máis icónicas de cantas tirou Evans ao longo da súa vida. Vidas cotiás, pobreza e dignidade. As fotografías de Evans puideron ser inspiración para Avedon?
Nos traballos de moda, ou de retratos de xente famosa, Avedon empregou unha técnica especial que lle permitía facer a fotografía que el quería, e non a pose ou imaxe que a marca de roupa, ou directores de arte persoais esixían para os seus contratadores. O método que lle deu resultado consistía en levar ás persoas (modelos ou personalidades) a sesións de fotografía esgotadoras. Sesións de tres, catro ou máis horas seguidas. Ao final aquelas persoas que estaban diante da cámara acababan por perder a pose, por perder os aires de dominio ou doutro xeito e caían no cansazo, na desesperación. Ese era o intre que Avedon agardaba: pillar desprevida, por sorpresa, á persoa e disparar a cámara. Así saían imaxes de como eran as persoas realmente, non cando tiñan posta a máscara que lles esixía o seu traballo, responsabilidade, posto social, etc.

Moitos outros fotógrafos e fotógrafos tiveron (e teñen) os seus trucos para conseguir imaxes únicas, e non as que se ven en alfombras vermellas, nos fotocall. Un dos casos máis rechamantes foi o empregado polo fotógrafo Halsman. Procurando as psicoloxías, ao acabar as sesións, pediulle a algúns personaxes que saltasen. Si, que saltasen; o que el denominou Jumpology. Ao saltar as persoas mudan de face e de actitude, perden a rixidez, cáelles a máscara, desinhíbense. Perante dez anos pasaron polo jumping mulleres e homes tan coñecidos como Richard Nixon, Brigitte Bardot, Dean Martin, Ava Gardner. Un caso á parte foi o de Marilyn Monroe que tamén saltou. “Saltas como unha nena pequena”, espetoulle o fotógrafo cando viu a foto. Noutra sesión Marilyn deu máis saltos, e un dese saltos foi portada de Life, despois de que o seu home, Arthur Miller, a autorizase. Hai cousas que non mudan!!
A nova proposta da Fundación Mapfre, Richard Avedon. In the American West, 1979-1984 é unha celebración da arte. É unha oportunidade única de disfrutar dos logros que algúns artistas -Avedon neste caso concreto- conseguen para aproximar máis a realidade da condición humana.
- EXPOSICIÓN: Richard Avedon. In the American West, 1979-1984
- Fundación Mapfre Madrid
- ata o 20 de agosto de 2026