Mey Rahola, fotógrafa da vida moderna

M. Rahola, Cops de mar amb mal temps, 1936
M. Rahola, Cops de mar amb mal temps, 1936

Agora a comezos do século XXI sae do escurantismo de décadas a produción da fotógrafa Mey Rahola: mulleres deportistas, mariñas, persoas humildes. Fotografías con técnicas e formatos innovadores para os anos 30, 40 e 50 da pasada centuria. O seu esquecemento foi fortuíto ou é parte da secular campaña de invisibilidade das mulleres e dos seus traballos?

 

 

 

Mey Rahola

María del R. Rahola de Xirau reproduce en su prueba nº 127 (“Golpes de mar con mal tiempo”) un expresivo momento de lucha de un balandro con mar gruesa, de gran realismo, bien cortada la prueba para librarla acertadamente de todo detalle superfluo que pudiera distraer la atención del motivo fundamental de la obra; por lo demás muy bien ejecutada (Claudi Carbonell, na revista Galería, xullo, 1936).

M. Rahola, Xogadoras de pelota, 1936
M. Rahola, Xogadoras de pelota, 1936

Mey Rahola (Remei Rahola) -1897-1959- foi unha muller moi activa. Segundo persoas que a coñeceron representaba bastante ben as características do que se chamaba a Muller Moderna, aquela que, de xeito tan controvertido, comezaron a empregar en carteis e debuxos os artistas do Modernismo; entre eles e de xeito sobranceiro, Ramon Casas. Un exemplo evidente deste apunte sobre os xeitos de vida desta muller son os comentarios que se verten no texto anterior de Claudi Carbonell, daquela presidente Agrupación Fotográfica de Catalunya, que falan dunha muller que practica a vela, que forma parte desa Agrupación de fotografía e que participa no Salón Internacional de Arte Fotográfico; e que o fai con destreza e con rigor, recibindo as loas do presidente pola forza expresiva das súas imaxes e mais pola austeridade utilizada na execución da instantánea.

Nos anos 30, Rahola é unha das fotógrafas que viven en Cataluña á quen a Asociación Fotográfica de Catalunya, entidade clave neses eidos laborais, gaba os seus traballos. Hai unha fotografía importante para reflectir a consideración que se lle tiña a esta fotógrafa que nos anos 30 é amateur. A instantánea é un autorretrato de Rahola, na súa casa, lendo a revista D’Ací i d’Allà, en 1934. A revista D’Ací i d’Allà era unha publicación que miraba de asemellarse ás revistas europeas máis prestixiosas (Vogue, Vanity Fair), que ía destinada á burguesía, e onde se coidaba moito a imaxe, as fotografías, como recoñece nun dos seus escritos o fotógrafo e crítico Pere Català i Pic. Ata hai dous meses púidose ver en Barcelona unha interesante e extensa antolóxica da produción desa familia de fotógrafos: Els Català. Fotògrafs d’un segle. Na devandita revista (D’Ací i d’Allà) publican estes fotógrafos, e tamén o fai, nos anos 30, Mey Rahola.

Nestes meses de finais de 2022 e primeiros de 2023, o MNAC (Museu Nacional d’Art de Catalunya) presenta a retrospectiva Mey Rahola-1897-1959-La Nova Fotografa, a primeira exposición que se fai das pezas desta fotógrafa. Complementariamente, en Girona, o Museu de l’Empordà tamén presenta outra mostra da mesma creadora: Mey Rahola. Desig d’Horitzons, que se centra exclusivamente nas imaxes que a autora de Cua del pa destinou ás mariñas e que recollen boa parte do mundo de Rahola, verdadeira yachtwoman do momento. O texto de  Claudi Carbonell que abre esta apartado da reseña refírese á calidade e boa práctica que ten Rahola nunha das fotos que presenta ao Salón Internacional. A exposición que agora está nas salas de Arte Moderno do MNAC ofrece ao público un bo mangado de imaxes de Rahola; unha escolma aínda máis importante se sabe que ata hai poucos anos esta fotógrafa era totalmente descoñecida, tanto para profesionais como para afeccionados.

Mey Rahola comeza a fotografar a partires do ano 1932, cando xa levaba unha década casada con político republicano Josep Xirau. Mey Rahola naceu en León, viviu moito en Madrid e, logo de casada, en cidades como Roma, pero cada verán pasaba algún tempo en Cadaqués. Logo comezou a presentar instantáneas a concursos nos que foi premiada en varias ocasións, e tamén publicou imaxes en revistas. Aínda que ela mesma se consideraba afeccionada. Neses anos 30, as mulleres representaban un 5% ou 7% de participantes aos concursos de fotografía.

 

Mey Rahola, fotógrafa moderna

A fotografía moderna, quizais guiada polos vieiros do cubismo, atopa un gusto especial en en decubrir e acusar a xeometría das cousas cotiás. Así o reflexo dunha verxa sobre unhas modestas baldosas logra unha belixerancia inesperada (Valoración expresada na revista D’Ací i d’Allà, 1935).

M. Rahola. Vista des de la terrassa de Can Xirau, Cadaqués. 1932-36
M. Rahola. Vista des de la terrassa de Can Xirau, Cadaqués. 1932-36

Remei Rahola de Falgàs naceu nunha familia acomodada, que veraneaba en Cadaqués (o pai enxeñeiro ferroviario dispuña dun vagón especial para que a súa familia viaxase ata Figueres, para logo seguir ata Cadaqués en tartana). Resultado da conxunción de elementos, Remei medrou cunha grande afección á vela, unha das súas grandes paixóns. O seu veleiro Alai é obxecto de moitas das instantáneas de mariñas que executou ao longo dos anos, que presentou a concursos e coas que gañou premios. Era unha muller deportista que formaba parte diso que, daquela, se chamaba a Muller Moderna: activa, cultivada intelectualmente, vestía pantalóns, …

Mey Rahola, aínda sendo persoa de altos niveis económicos e sociais, tiña unha predilección especial polos temas “miúdos”. As súas instantáneas recollen en moitos casos escenas domésticas, onde os utensilios que daquela eran elementos de traballo feminino teñen protagonismo; un xeito tamén de reivindicación feminista. Cando non eran os “cacharros” eran escenas de interiores cos seus fillos. E, se se trataba de persoas e tipos, prefería retratar a individuos de clases ben populares. Tal é o caso da fotografía Mujer en Guarromán (1936). O plano medio da muller co seu burro é unha de tantas que insisten en presentar persoas traballadoras. Non faltan tampouco entre a súa produción as imaxes de xitanas, como anos máis tarde faría tamén Colita, a fotógrafa que tanto se achegaba á Gauche Divine barcelonesa como se ía a Montjuïc a retratar familias xitanas.

Outro exemplo do mesmo, captado no ano 1937 -en plena guerra civil- é o da imaxe que ela mesma titula Cua del pa. Nun picado total, Rahola mostra unha inacabable ringleira de persoas que agardan tempo e tempo para que o racionamento republicano lles dea as súas racións de pan. Rahola, republicana. É en moitos casos unha testemuña das necesidades que padece a poboación, sen entrar se iso pode ser aproveitado polos fascistas e inimigos da República. A fotógrafa é notaria das realidades.

M. Rahola, Cua del pa. 1937
M. Rahola, Cua del pa. 1937

Rahola, aínda que muller casada e nai de varios fillos, non se conformaba con permanecer no domicilio conxugal. Na primavera de 1936, precisamente, realizou unha viaxe por toda España en compañía de Antoni Campañá, daquela o fotógrafo catalán con máis proxección internacional. Esa viaxe colectiva tiña por obxectivo a posterior presentación dos fotógrafos de cadanseu álbum fotográfico: Viaje por España. As fotografías de Rahola diríxense a persoas traballadoras, captadas nos seus lugares, en plenas faenas artesanais ou labregas, espontáneas, tímidas ante a cámara. Son imaxes que nada teñen que ver coas que, por aqueles tempos, captaba un dos fotógrafos que se considera máis formalista: Ortiz Echagüe, un fotógrafo pictorialista, que procuraba o retrato estático, convencional (con todo, cómpre salientar que Echagüe -xa fotógrafo franquista- foi o que axudou a Campañá a sobrevivir nos duros anos sa posguerra).

Que Campañá fixese unha viaxe de traballo por toda España en compañía de Rahola xa é un certificado da valía que lle atribuía a esa fotógrafa que xa tiña premios pese a non ser profesional.

O pasado ano tamén o MNAC presentou a antolóxica La guerra infinita. Antoni Campañà. Tensions d’una mirada (1906-1989), unha enorme presentación mormente das instantáneas que este fotógrafo fixo dos anos de guerra civil.

Que non se soubese nada desta fotógrafa (ou que se agochase á mantenta o seu nome e obra ata agora) é un claro exemplo da campaña secular de invisibilidade das mulleres, dos seus traballos e da súa transcendencia histórica.

 

Mey Rahola. Fotografía moderna. Profesionalidade

Teño moito traballo, por io non escribo moito, xa que case nunca teño un cuarto de hora libre. Póñome a traballar en canto me ergo e acaba ás veces ás 2 ou 3 da madrugada. Todos os días de diversos sitios danme películas e copias para facer e hai que entregalas ao día seguinte (M. Rahola, carta á súa nai desde Francia, 1941).

M. Rahola. Lión, enterradores municipais, 1939-1945
M. Rahola. Lión, enterradores municipais, 1939-1945

O final da guerra civil obrigou á familia Xirau-Rahola a exiliarse en Francia, establecéndose en Lión. Alí Rahola convértese en fotógrafa profesional e é ela a que mantén co seu traballo a toda a familia. En Francia segue a facer fotografía coas características que viña empregando (non convencionais), e vese influenciada polas orientacións que daquela tiña a fotografía francesa, unhas imaxes humanistas, nas que se reflectían os traballos e os días da poboación. Como ela mesma informa na carta antes citada á súa nai e irmás que quedaran en Barcelona, ten que traballar moitas, moitas horas ao día. Traballa máis en accións de laboratorio para outras persoas que en traballos propios. Aínda así Rahola é a autora dos derradeiros retratos feitos ao presidente da República, Manuel Azaña, en 1940, pouco antes do seu pasamento. E aínda así tivo tempo de facer algunhas viaxes a España ao longo dos anos 40 para visitar á familia. Desas viaxes quedan tamén testemuñas de campesiños traballando por Aragón adiante. Sempre a súa fasquía humanista e achegada ás persoas menos favorecidas economicamente.

Mey Rahola non deixou de retratar ata o seu pasamento, en 1959. E sempre que utilizou a máquina de retratar, fíxoo para captar imaxes que se caracterizan pola súa modernidade. Nada de estudos pechados e ben preparados. Rahola se podía, xa fose nas súas mariñas, xa en fotos de persoas traballadoras, xa de mulleres deportistas, procuraba as composicións en diagonal, esa pegada que se pode dicir que vén de Ródchenko e mais do Construtivismo soviético, e tamén -quizais- do cubismo tal e como insinua o texto aparecido na revista D’Ací i d’Allà. Todo sexa polo dinamismo da imaxe, concorde coas intencións de que as persoas sexan inquietas, modernas. Por suposto (e isto Rahola usouno moito nas mariñas) as tomas en picado e contrapicados, o que insinúa que esta muller andaba polos altos, e tamén tirada por terra con tal de lograr a imaxe qu ela quería. Noutros casos busca a fotógrafa motivos pouco nítidos, descentrados, borrosos.

Mey Rahola-1897-1959-La Nova Fotografa, unha mostra atractiva, importante. Como dixo unha das comisarias da mesma, Roser Cambray, na presentación: “Como pode ser que unha figura así, con tanta proxección pública, vise o seu nome totalmente borrado don relato da fotografía en España ata o de agora?»

M. Rahola. Sin título(esportistes) 1932-1936
M. Rahola. Sin título(esportistes) 1932-1936

 

Lito Caramés

  • EXPOSICIÓN: Mey Rahola-1897-1959-La Nova Fotografa
  • MNAC (Museu Nacional d’Art de Catalunya)
  • ata o 29 de maio de 2023