Lucian Freud, o pintor da provocación

Freud. O cuarto do pintor, 1944
Freud. O cuarto do pintor, 1944

Lucian Freud está considerado un dos pintores máis singulares da segunda metade do século XX. Nestes meses o Museo Thyssen presenta nas súas salas de Madrid unha mostra temporal atractiva, e cunha presentación de obras extensa e diversa, que a fai case imprescindible para coñecer os estilos plásticos deste artista tan significado na súa vida privada e nas súas creacións. Por que Freud elabora os retratos desde a frontalidade? E por que procura presentar as persoas retratadas nun primeiro plano? Provocación?

 

Lucian Freud. Nuevas perspectivas. Museo Thyssen. Retratos realistas

Thyssen. Imaxe de sala
Thyssen. Imaxe de sala

A personalidade de Lucian Freud sempre foi motivo de comentarios, críticas e mesmo ataques aos seus comportamentos. É dicir, foi un artista que nunca pasou desapercibido. Quizais o feito de formar parte da familia que lle tocou encamiñouno a certos comportamentos? Lucian Freud naceu en Berlín en 1922, xusto na posguerra e nos intres en que Alemaña quere recuperarse a través da atractiva República de Weimar. Son anos de efervescencia cultural, de novas propostas vangardistas en todos os eidos da cultura. Recibiu unha boa educación, o seu avó era Sigmund Freud, o creador da psicanálise. Cando o artista contaba só 11 anos a súa familia emigrou a Londres polo feito de que Hitler chegase ao poder en Alemaña. O pai de Lucian será o que prepare a fuxida de Sigmund e a súa muller, Martha, tamén a Londres.

Tendo a formación que tivo e o seu alto coñecemento de toda a cultura do seu tempo, sorprende que, de sempre apostase pola pintura realista. Non lle tentaron todas as variantes da abstracción, que tanto fervían por Europa nos tempos que comeza a súa carreira como pintor. Ben é certo que, na mocidade, veuse moi tentado polo surrealismo (influenzas do avó?). E así, por exemplo, en 1944 pinta a peza que se fixo famosa: O cuarto do pintor. Esta peza podería ser firmada por algún dos popes do surrealismo europeo (Miró, Tanguy, mesmo Dalí). O emprego do realismo é evidente, aínda que, neste caso, vén ao servizo da súa visión persoal, da mestura de representación da realidade con aqueles elementos que son froito da súa imaxinación, da súa visión das realidades. A que vén o chapeu de copa e o pano vermello no medio do cuarto?, quizais é unha referencia aos xogos de maxia? A maxia como unha das fendas por onde se atopan a “diversas” realidades. E a xirafa no seu cuarto? Podería ser unha choscadela a algunhas pezas ben coñecidas de Salvador Dalí?

Cómpre afirmar, tamén, que Freud non era (nin é artisticamente falando) ningunha rara avis. Alí en Londres falouse nos anos 70 e 80 da pasada centuria dunha “Escola de Londres”, que non era tan escola, senón un grupo de pintores figurativos que estaban radicados na capital británica. Entre eles estaba o seu amigo e compañeiro Francis Bacon, o gran pintor das emocións e das visións persoais do mundo, así como Frank Auerbach ou Michael Andrews.

Nunha ocasión Lucian Freud declarou: Que lle pido a unha pintura? Que asombre, que perturbe, que seduza, que convenza. Todo un programa iconolóxico que non parece casar moito coas súas prácticas de pintura realista.

Freud. Varon von Thyssen, 1985
Freud. Varon von Thyssen, 1985

A súa pintura realista (como ben se pode apreciar nesta visión da exposición que agora presenta o Museo Thyssen) é o denominador común da mostra Lucian Freud. Nuevas perspectivas agora xenerosamente ofertada ao público. Non deixa de ser curioso que pintores, que de entrada, semellan tan rachadores co pasado artístico, que todo parece indicar que son pioneiros en creacións nunca antes elaboradas, teñan -por contra- como grandes referencias a mestres ben clásicos. Tanto Freud como Bacon (por pór un caso ben próximo ao neto de Sigmund) botaron man de artistas do Renacemento e do Barroco, amén de outros posteriores. Estes dous amigos coñecían, e admiraban, as creacións de mestres como Durero, Rembrandt, Tiziano, Velázquez, Courbet, etc., e nas súas obras é doado atopar elementos alusivos ás obras de tales pintores. O caso máis paradigmático -e espectacular- é a serie que Bacon acabou elaborando coas súas reinterpretacións do retrato (sempre o retrato!) que Velázquez xa fixera do papa Inocencio X. É certo que o retrato de Velázquez é soberbio, a psicoloxía que rezuma é do mellor que se ten creado. Esa serie si que asombra, perturba, seduce …

Hai máis casos de xogos, desde o realismo e desde a contemporaneidade, de elaboración a partires de creacións clásicas. En España está o caso ben coñecido de Manolo Valdés, que visitou pinturas ben coñecidas de séculos pasados como o retrato que El Greco fixo do cardeal Fernando de Guevara, outra visión da calidade da que xa fixera Bacon do citado papa. Pero Valdés vai máis aló. A súa admiración polas creacións de Velázquez levouno a pintar e repintar moitas das súas pezas, fundamentalmente o inmortal cadro de Las Meninas. Manolo Valdés pasou as Meninas das dúas dimensións da pintura barroca á escultura e, hogano, a imaxe en tres dimensións das Meninas é unha icona que se reproduce en espazos pechados e por calquera parque público. A Menina, icona pop. E non rematan aquí esas tomas en consideración de obras tan afastadas no tempo e nos modos de vida de cando foron creadas coa coetaneidade actual. Os irmáns Santilari levan anos traballando o realismo (ou o neorrealismo), e crearon unha extraordinaria serie de vanitas -ao modo barroco- que ligan perfectamente coa realidade actual, coas cuitas que a humanidade ten na actualidade. Mudou algo ao longo dos séculos?, cómpre aseverar que a humanidade continúa a ter os mesmos e fundamentais interrogantes?, as mesmas angustias vitais?

Lucian Freud. Nuevas perspectivas. Museo Thyssen

Freud, Dobre retrato, 1985
Freud, Dobre retrato, 1985

O ano pasado celebrouse o centenario do nacemento de Lucian Freud. Con tal motivo a National Gallery de Londres e mais o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza decidiron organizar a magnífica retrospectiva Lucian Freud. Nuevas perspectivas. Xa estivo, por tanto, na capital británica, e agora aterriza en Madrid esta cincuentena de obras mestras que agora se poden ver no Paseo del Prado e que están tan ben seleccionadas que brindan unha perfecta síntese do traballo artístico de Freud, ao longo de sete décadas nada menos; a produción dun dos artistas máis significativos de Europa no século XX.

Lucian Freud. Nuevas perspectivas é realmente unha antolóxica deseñada e lograda con altas cotas de perfección. Recolle pezas moi coñecidas, obras que van desde os anos 40 da pasada centuria ata o ano 2011, o mesmo ano do seu pasamento. En tanta obra vaise vendo con evidencia como Freud sempre preferiu a pintura realista (desbotando as vangardas informalistas, abstractas), e como -dentro de tal técnica- dedicou os seus esforzos e traballo artístico a mirar de representar aos seres humanos. Non é paisaxista, non se prodiga nas naturezas mortas. Agora no Thyssen todo son retratos, autorretratos e nus. O traballo de Freud é unha incesante pescuda das reaccións dos humanos ante a vida, ante as emocións, diante das cuestións existenciais. Outra das características da súa produción artística é que sempre traballou devagar; moitas das súas modelos -como esposas e fillas- queixábanse das extenuantes sesións de oito e máis horas de posado para algún dos retratos. Quen se aproxime a esta exposición pode comprobar se as obras alí exhibidas asombran, perturban, seducen. Poida que o Museo Thyssen non teña decidido preguntar ás persoas (ou algunhas) que saen de Lucian Freud. Nuevas perspectivas se sentiron esas emocións que o autor perseguía. E convencen ou non?

O gran historiador da arte, e crítico, británico Herbert Read definiu a Lucian Freud como “o Ingres do existencialismo”. Poida que esta apelación dea orientacións sobre os xeitos de crear do pintor. É un artista da segunda metade do século XX pero -como moitos outros- non abandona a historia da pintura, non se entrega ás vangardas sen máis. Hai aí unha fidelidade aos referentes de séculos pasados nos que se basea e apoia (Habería algunha muller artista que lle servise de referente a este provocador vitalista?). Quizais ao neto do fundador da psicanálise non lle agradase o comparativo co pintor neoclásico francés; entre outras cousas porque Ingres non partía da realidade, mentres que Freud é o pintor da crúa e descarnada corporeidade dos/das modelos. En todas as súas pinturas que o fixeron famoso, Ingres, non sabe, non veu nunca unha odalisca, non visitou haréns no norte de África ou en Oriente. Freud ten as persoas que retrata a escasos metros. Mesmo cando se trata de autorretratos.

 

Lucian Freud. Nuevas perspectivas. A carne dos nus, primeiros planos

Freud. Retrato con lebrel. 2011
Freud. Retrato con lebrel. 2011

O gran artista dos espazos de cores uniformes, e desas combinacións de varias franxas de cores que non se mesturan dentro do mesmo lenzo, Mark Rothko, creador da mística e impactante Rothko Chapel en Houston, afirmou en declaracións recollidas por estudosos, ao falar da frontalidade na pintura, que as formas planas ‘revelan a verdade e destrúen a ilusión’. Por iso Rothko que sempre se asocia a artistas do coñecido movemento norteamericano, o expresionismo abstracto, presenta as súas cores sen gradacións cromáticas; con uniformidade que revela as formas planas. A súa pintura, por suposto, é modelo de veracidade nos seus traballos.

Terán algo que ver as manifestacións de Rothko cos xeitos de crear de Freud? Evidentemente as obras do pintor nacionalizado británico bota man continuamente da frontalidade. Retratos e autorretratos que vai elaborando ao longo das décadas son concibidos na meirande serie dos mesmos con ese estudo que arrinca da toma dos modelos desde o seu fronte. A frontalidade tamén revela verdades? Ou mellor, axuda a que unha peza que asombre, perturbe, seduza? A visión de fronte de persoas tamén aposta por desbotar sobre os modelos certo aire digno, e mesmo dignidade sobrenatural. A arte exipcia, a bizantina, a pintura e escultura ditas románicas (cando afectan a seren sagrados) son representados con toda autoridade, con total frontalidade. Procurará iso Freud?

Terán algo que ver os modos de elaborar retratos de Freud cos que facía, por exemplo, o fotógrafo Avedon? O gran retratista Avedon puña ás persoas diante dunha tela branca (fondo claro, neutro) e a imaxe saínte tamén era un primeiro plano. Freud facía algo similar?

Lucian Freud non só bota man da frontalidade -como actitude concreta (retadora, perturbadora?) da persoa reproducida, senón que esas figuras aparecen moi preto do pintor, en primeiro plano. Se a isto se suman as pinceladas gordas, matéricas, que empregaba, o resultado veñen sendo imaxes fortes, duras, expresionistas. Son moitos os retratos que se poden ver en Lucian Freud. Nuevas perspectivas que participan destas características. Os trazos grosos que Freud fai pola carne das persoas retratadas aportan a imaxe resultante tons vibrantes, máis ben escuros, que non convidan á serenidade. Máis ben falan de dinamismos. Freud será un Kokoschka en Gran Bretaña? O gran pintor austríaco Oskar Kokoschka -autor de Autorretrato dun artista dexenerado (un verdadeiro desafío ás represións e censuras que o nazismo andaba a facer contra a arte das vangardas), é coetáneo de Freud e vai por similares carreiros plásticos. Kokoschka deixa de empregar nas súas pezas os fondos definidos así os modelos sobresaen moito nas telas e concentran toda a atención. Tanto en pinturas como en debuxos fai gala dunha grande habilidade para mirar de dar coa psicoloxía da persoa retratada. Freud -como o pintor vienés- realizou moitos autorretratos ao longo da súa dilatada vida. Que esencia procuraban neles? Tamén nestes meses o Museo Guggenheim de Bilbao presenta a antolóxica Oskar Kokoschka. Un rebelde en Viena   Atractiva visita.

A mostra temporal Lucian Freud. Nuevas perspectivas que agora ofrece o Museo Thyssen é unha magnífica oportunidade de achegarse aos traballos do pintor nacionalizado británico por culpa dos nazis. Unha ocasión perfecta para captar iso que o artista se propuña: asombrar, perturbar, seducir, convencer.

 

  • EXPOSICIÓN: Lucian Freud. Nuevas perspectivas
  • Museo Thyssen. Madrid
  • ata o 18 de xuño de 2023