Adóitase presentar Arredor de sí de Otero Pedraio como unha novela de aprendizaxe ou de construcción. Nela nárrase a peripecia de Adrián Solovio, que, tras longas viaxes por España e por Europa, torna á Galicia transformado. Renuncia ao seu proxecto vital, ser catedrático de filosofía nalgunha capital de provincia, e regresa á terra, a Galicia, a nova e recén descuberta patria. Mais no só regresa á terra, senón tamén á lingua. Cambia de lingua, do castelán ao galego e nesa lingua vanse producir cambios que obedecen á necesidade de construír un novo léxico, palabras e significados novos cos que describir Galicia en todas as súas vertentes. Hai palabras que amplian o seu campo semántico, outras restrínxeno, recupéranse formas xenuinas, restáuranse formas esquecidas ou creanse neoloxismos que poidan expresar novas realidades. Vexamos algúns destes cambios.
Gallego/Galego
Ata a chegada das Irmandes da Fala a forma máis común na escritura era o xentilicio gallego, como castelanismo admitido e refrendado. Rosalía de Castro publica Cantares gallegos(1863), Curros, Aires da miña terra (1885) que leva como subtítulo Colección de poesías gallegas. Lamas Carvajal usa sempre, en poesía ou en prosa gallego. Pondal en Queixumes usa galego, mais noutras composición usa tamén gallego. O número 11 de ANT, o xornal das Irmandades da Fala, de marzo de 1917, publica un artigo titulado Falemos gallego. É a última vez, pois de aquí en diante usará só galego, aínda que ás veces se lle escapa algún desgalleguizados.
Patria
Unha das palabras importantes que axustan o seu signicado neste momento é patria. A finais do século XIX houbo dúas revistas que usaron a palabra patria na súa cabeceira. Unha foi La pequeña patria, revista de humor publicada por Labarta Posse en Pontevedra entre 1890 e 1991. Houbo outra, semanal entre 1891 e 1892, que levaba por cabeceira La Patria gallega. Boletín revista de la Asociación Regionalista, editada por Alfredo Brañas e na que colaboraba Murguía. A partir da revista de Brañas a forma pequeña patria como calco do castelán la patria chica xa non se volverá usar. O 30 de marzo de 1917 no nº 14 de ANT publícase na sección periódica Peneirando un solto no que se reprende ao Tío Marcos da Portela polo uso da frase pequena patria. Dinlle textualmente: ¡Por Deus, tío Marcos! Eso de pequena patria é un aldraxe. Non hai máis que unha patria. O outro é o Estado.
Mártir/ Irmandades
En 1914, por iniciativa da Liga Gallega da Coruña, erixiuse un monumento en forma de cruceiro, en Carral, lugar no que foron fusilados aqueles que se rebelaron contra dictadura de Narváez. Ocupando os brazos da cruz hai unha lenda que di: Mártires da liberdade. Mártir era un termo propio do ámbito relixioso e significaba testemuña, en especial, da fe critiá. Agora os que morren por Galicia, pola unidade de Galicia fronte á nova división provincial, son chamados mártires en sentido político. Son testemuñas doutra fe, a fe nacionalista.
Xunto con mártir, xurdiu outro termo, o de irmandade, no sintagma Irmandades da Fala, título dun importante movemento político e social nos primeiro tercio do século XX en Galicia. Irmandiños fai referencia, ademais, ás rebelións medievais do século XV contra os señores feudais. Agora, chámase á rebelión, cando menos intelectualmente, para se converter en testemuñas, mártires, da fala. O primeiro acto público da Irmandades da Fala da Coruña foi facer un recordatorio e homenaxe, celebrado o 36 de abril de 1916, aos mártires de Carral. Eses irmandiños recoñécense entre eles como comunidade que se reflicte na fala. A loita xa no é só individual, interior e íntima, senón colectiva. Hai que construir un nós e esa construcción é unha tarefa política.
Nós
Nós é un pronome persoal e un plural, pero non é un plural de eu, así como pedras é o plural de pedra. Eu é a persoa gramatical que fala. Se alguén fala ese é eu. Nós non fala, senón que leva dentro un eu que fala por nós, ou que nos representa. Para construír un nós fan falta acordos, pactos ou componendas que voluntariamente aceptamos. Polo tanto, ese nós ten que construírse de forma política, como unha instancia superior coa que se identifican os irmáns ou irmandiños. Co regreso de Adrián Solovio a Galicia acaba o relato de Otero Pedrayo, no que explicitamente se di que a partir dese momento a vida de Adrián xa non será só relato, novela, senón historia, é dicir, política e polo tanto colectiva. Aí está o paso do eu ao nós.
O uso do pronome persoal de primeira persoa do plural, nós, para designar a un grupo político tivera lugar xa antes, en Irlanda, coa creación do independentista Sinn Fein, literalmente «Nós mesmos«. Unha consigna deste grupo, a de Sinn Fein Amahain, que se traduciría como Nós mesmos sos ou Nos sos serviu como lema para o grupo catalán, totalitario e paramilitar, Nosaltres sols, que en 1936 se integrou no Estat Catalá.
En Galicia Nós como termo político, apareceu por vez primeira no xornal rexionalista El Noroeste, en 1916, titulado Nós, páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste. Nel comezou a publicar Castelao a súas estampas de tema galego, que titulou tamén Nós. Ante o éxito entre os lectores do xornal, as láminas de Castelao convertéronse en exposición itinerante. Así foi como se espallou ese Nós como nome non só dunha collección de debuxos senón tamén dun grupo, non representado nos debuxos mais si na intención última dos mesmos, que era a descrición e revelación dunha emprobrecida Galicia non urbana. A emigración, os trabucos, os foros e as obleas, o caciquismo, os cegos, os mendigos, os pobres… a Galicia enteira, a necesitada da redenzón como o incipiente himno galego proclamaba.
A exposición itinerante percorreu toda Galicia e tamén chegou a Madrid e a Barcelona. A primeira exposición tivo lugar n´A Coruña por iniciativa das Irmandades da Fala en 1916. Logo percorreu Vilagarcía, Monforte, Pontevedra, Vilalba, Betanzos, Ferrol, Vigo, Santiago de Compostela entre outras localidades.
No lugar en que se presentaba a exposición, dábanse ao tempo conferencias sobre os temas das estampas de Castelao e o galeguismo ou nacionalismo galego. Foron oradores destacados os irmáns Villar Ponte, Lugrís Freire, Vaamonde Lores, Uxío Carré, Porteiro Garea, Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedraio ou Cuevillas. Son asinaturas que moi logo veremos na Revista Nós, que comezará a publicarse en 1920 non moito tempo despois da exposición de Castelao. Ese ano publica Vicente Risco na editorial Nós a súa importantísima Teoria do nazonalismo galego.
O mapa de Fontán
Para rematar, hai un símbolo que conviría ter en conta non só na novela senón fóra dela, na biografía de cada un dos membros desa xeración que se autotitulou Xeración Nós. Ese símbolo é a Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán, realizada entre 1817 e 1834. Foi editado tardiamente en 1845 e en París. A súa publicación foi coetánea dos movementos provincialistas e o dos mártires de Carral O provincialismo defendía o mesmo que o mapa mostraba, a unidade de Galicia. A súa división en provincias significaba a ruptura desa unidade que mapa e terreo evidenciaban. O mapa foise convertendo, a partir da representación xeográfrica de Galicia, no símbolo da súa unidade política. Por primeira vez podíase ver Galicia enteira con tal verdade e exactitude. Na novela, o tío sacerdote de Adrián Solovio, don Bernaldo, tiña un orixinal do mapa de Fontán que llo traspasará en herdanza, mais tamén como unha manda ou promesa, ao seu sobriño. Ese mapa literario, creado dentro do espacio novelístico, é o trasunto dun mapa ben real e orixinal cuxo propietario foi Ramón Otero Pedrayo, o autor da novela, e que se garda na súa casa grande de Trasalba.