A quimérica historia de Xan Quinto

A noiva de Xan Quinto secuestrada polo oidor. «Don Amaro, o oidor da Real Audiencia de Galicia —escribe don Fermín, quen sería maxistrado máis adiante— tiña sona de conquistador de raparigas novas. Era arriscado porque o cargo o tiña a salvo das leis e da xustiza. Vivía cun vello criado que facía todas os trafegos da casa sen outra compañía»».

Bouza Brey conta despois que «Xan Quinto era noivo dunha rapaza orfa, caseira do oidor e de cómo este o perseguía con procesos e sentencias, e gardaba a moza que había preto dun ano non se vira en moitas légoas á redonda, falábase moito na parroquia de se estaba morta ou viva».

A xente deducía que a noiva de Xan Quinto ficaba presa na adega do oidor, sen ollar a luz do sol. O bandoleiro estaba namorado perdido da rapaza que semellaba unha rosadelfa pola cor. Cando Xan Quinto coñeceu ó señor da Pantrigueira xunto á Ponte das Partidas, o bandoleiro narroulle a historia da súa vida e dos seus amores, e o fidalgo prometía axudarlle no rescate da súa moza. E así o fixo o señor da Pantrigueira ao narrador da Cabalgada en Salnés, aproveitando que tiña que xantar co oidor, para falar sobre o choio dun piñeiral. «Tomaba don Amaro fungueiradas de rapé na solaina cando o fidalgo entrou no seu pazo, rodeado xa pola gaida de Xan Quinto».

O señor da Pantrigueira burla ó oidor, que vai cear co cura de Fiolledo, e tras ameazar ó seu vello criado, consegue atopar coa trampa da cova onde don Amaro tiña secuestrada a noiva de Xan Quinto. «Un esqueleto que mellor semellaba, todo ollos, cabeceira e ventre, movéndose nun leito de pallas esporecidas coma un verme inxente, colosal».

Anque don Amaro chegou nese momento, coitelo en man, o fidalgo, amartelando a súa pistola, fíxoo claudicar. «Xan Quinto baixaba no intre pola escada coma un deus vingador».

Xan Quinto por Pepe Comoxo
Xan Quinto por Pepe Comoxo

Namentres atrás «o deus vingador» agañotaba a don Amaro no escurento encerro, a súa noiva, avergoñada polo seu triste aspecto ante os ollos do seu namorado bandoleiro «fuxiu entolecida na noite pecha, e sería enguedellada nos xuncos do esteiro de Rial de Corvos, levada pola corrente río abaixo.

A infeliz noiva de Xan Quinto sufriu pois o hidráulico destino da Ofelia Shakesperiana. Non tivo a sorte de »Sabelita», a barragana de don Juan Manuel Montenegro, salvada das augas polo barqueiro ¿de Isorna?

Neste episodio truculento de abondo, no que Xan Quinto ten un papel máis ben pasivo, cabe advertir certa semellanza co que se relata no conto La princesa moura, orixinal de Carlos del Valle-Inclán, o irmán maior de don Ramón María.

«É un relato histórico (resumo Francisco Charlin e Gonzalo Allegue, no prólogo as »Escenas Gallegas» do seu coterráneo, editadas polo Servicio de Publicacións dos Amigos de Valle-Inclán. Vilanova de Arousa, 2002) de ton romántico onde ó pé das ruínas do vello castelo de Lobeira lembra a historia do cativerio e liberación de Ildaura, motivado polo enfrontamento entre o arcebispo Alfonso II de Fonseca, seu irmán e o mariscal Sueiro Gómez de Sotomaior, señor das fortalezas de Lobeira e Lantaño, no turbulento final do século XV en Galicia.

No conto do tolo notario Carlos del Valle-Inclán, o arcebispo disponse a rescatar a súa irmá, asaltando a fortaleza de don Sueiro. Polo que o mariscal lle ordenou a un saión que executara a princesa Ildaura. Cando ía realizalo, penetra no alxube un cabaleiro, armado de punta en branco, cun facho na destra e na sinestra unha espada.

O cabaleiro era don Juan de Sotomaior, fillo do Mariscal, namorado, polo que se adiviña, de Ildaura. Mais o conto acaba prendéndolle lume a aquel facho de don Juan «ao castelo entre as ruínas do cal apareceu carbonizado o corpo de don Sueiro.

Fermín Bouza Brey, se cadra, leu este conto do irmán de don Ramón, e converteu a Ildaura na noiva de Xan Quinto, dándolle un fin máis romántico e menos ardente a tal historia do Salnés. Na que tamén don Fermín puido cambiar o Mariscal no oidor.

A fantasía popular transformou a irmá do gran Fonseca, III dos Alonso de tal estirpe eclesiástica, na »princesa moura» que lle dá título ao conto do irmán notario do gran fablistán das Españas.