
As fronteiras, eses lugares conflitivos, tamén son atractivos humanos. E tamén para fotógrafos e outros artistas. O fotógrafo Alejandro Cartagena que non naceu en México, séntese atraído por esa barreira dramática entre ese país e mais o que está ao seu norte. Por ese e por outros temas sociais que ben se poden apreciar na exposición que agora ofrece a Fundación Mapfre en Madrid. Verdadeiras leccións de humanismo.
Alejandro Cartagena. Ground Roules. Fundación Mapfre Madrid

Alejandro Cartagena (1977), nado en República Dominicana, logo se trasladou a Monterrey. norte de Mexico por razóns familiares. E segue a residir aí desde entón. A comezo dos eus pasos pola fotografía, os intereses de Cartagena xiraron arredor das súas identidades, para logo preocuparse por temas sociais que puido ver e ve nas contornas polas que se move. As autoidentdades ou o regreso ao lugar de nacemento e infancia.
Residir nunha zona preto da raia entre México e os EEUU de América do norte sempre implica tensión. Esa fronteira, ese border, esa ruptura violenta da paisaxe comporta conflito. Conflito que pode ser aproveitado en calquera dos comportamentos humanos. Para Alejandro Cartagena é un campo para coñecer e denunciar coas súas imaxes as desigualdades sociais, a xenofobia, a explotación humana e ambiental. Cartagena presenta escenarios, ofrece imaxes sen, por iso, facer unha denuncia explícita. O seu é provocar preguntar: Por que acontece isto? Quen edifica así, para quen?
Sorprendentemente non é o único caso, nin moito menos, de persoa que se achega a eses escenarios tensos para “expor” publicamente aqueles aspectos da vida cotiá que acotío non venden nos xornais. A vida de lugares, barrios pouco coñecidos, as vidas de tantas e tantos seres que non saen para nada nos noticiarios. A vida do común. O colombiano Felipe Romero Beltrán (Bogotá, 1992), outro fotógrafo non mexicano tamén se aproximou a ese precipicio social que é o border. Para os seus proxectos sempre procura lugares onde hai ou houbo tensión, conflito; lugares con alto valor político. E aí mira de atopar o que non é usual, o que non é obvio; os usos inesperados das cousas ou dos lugares. Para lograr os seus obxectivos -e como moi ben expón a comisaria, Victoria del Val- ata o cotiá aló onde se atope, a realidade prosaica; nada de interesarse por situacións ou personaxes singulares, non: a vida das persoas que nunca son protagonistas nin aparecen nas cabeceiras dos telexornais. Sobre eses eixos de conflito e “normalidade social” a súa máquina vai elaborando un discurso con valor estético. É sorprendente que, tendo estado en situación tensas, en escenarios de xenofobia extrema, de morte, Romero aposte pola vida, polas persoas que nesas condicións crea niños de normalidade. Hai un ano, nese centro de referencia para a fotografía que é KBr Barcelona Photo Center presentouse o proxecto Felipe Romero. Bravo, un ensaio iconográfico particular sobre un anaco da fronteira entre México e os EEUU; unha ollada crítica sobre paisaxes e fronteiras. Bravo naceu da estancia que o artista fixo na cidade de Monterrey (México) e arredores. Alí comezou a sentir acentos e músicas como aquelas que sentira na súa Colombia natal. E de aí o seu achegamento á fronteira, ao río Bravo, tan de actualidade nestes tempos de deportacións masivas que usa USA. Unha mostra moi interesante, e aínda máis a reflexión que provoca Romero. Cantos xeitos distintos de ollar para os mesmos lugares, as mesmas vidas.
Cómpre ter uns valores humanistas ben cimentados para, en lugares nos que é doado e fácil deixarse levar polo sensacionalismo, por retratar aquilo que “vende” (a violencia, o drama migratorio), procurar outras olladas, realidades ocultas ás grandes axencias de noticias. Non lonxe de alí, desa fronteira entre dous mundos, está a vila de Matamoros, tamén fronteiriza. E en Matamoros, nunha escola pública con poucos recursos, produciuse o “milagre” que recolle o filme Radical, a dedicación dun mestre consigue os mellores resultados académicos de toda a República mexicana. Unha marabilla. No filme o director e guionista, Cristopher Zalla, vai presentando as duras, durísimas realidades sociais en que viven rapaces e familias e mais os métodos empregados por aquel mestre tan especial. Tampouco se procuran aquí escenas de narcotráfico nin outras violencias; a vida nunha escola e as contornas que a definen.

Alejandro Cartagena. Ground Roules. Fundación Mapfre Madrid. Serialidade.

E un ano despois a Fundación Mapfre volve acertar; desta volta en Madrid. A mostra Alejandro Cartagena. Ground Roules é un perfecto reflexo do que é o traballo deste fotógrafo tan interesado por temas sociais, e mais pola serialidade. Unha ampla escolma de obras vai percorrendo os traballos, as series que foi elaborando e refacendo Cartagena. No paseo Recoletos vanse ver, entre outras, Masks (2004), Invisible Line (2009) ou Suburbia Mexicana (2005-2010). A primeira delas é todo un xogo de autorretratos nos que se mostra con diferentes identidades. Detrás dos retratos, nunha lousa escolar vanse lendo nomes como alejandro, mexicano, ¡mentiroso!, ¡papa pitufo!, … Na segunda, Invisible Line, que en realidade acolle tres series sobre o mesmo tema, aparece a fronteira con toda dureza e diversidade. Nunha delas, Border Camera (2008), Cartagena estivo seguindo perante un ano enteiro o control dunha das cámaras de vixilancia da fronteira e mais dos parques nacionais dos EEUU, e a serie é iso fotografar o que sae na pantalla, a foto doutra imaxe, cada día. O que se pode ver son imaxes da parte mexicana, a serra del Carmen. A terceira das series, Suburbia Mexicana, son fotos das novas urbanizacións que se están a facer polos arredores de Monterrey. Novas arquitecturas, casas apegadas, uniformes, novos xeitos de propostas para vivir que nada teñen que ver con aquela xeografía. As preguntas saltan ante semellante “colonización” habitacional.
As series de Cartagena son moitas máis, e sempre con enfoques especiais, diferentes. Unha delas, Carpoolers (2011) tamén é demostrativa das preocupacións do fotógrafo. Perante moitos días subiuse a unha ponte peonil sobre unha autoestrada nas aforas de Monterrey e foi disparando a cámara sobre as furgonetas que pasaban e que levaban atrás aos xornaleiros que ían traballar. Son imaxes cenitais, como de dron, onde a explotación non se ve, pero síntese. Noutros casos é o medio ambiente e a sucidade que afecta ríos e terreos o que o leva a empregar a súa arma.
Alejandro Cartagena segue a traballar do mesmo xeito. Presentou e presenta as súas series en moitos lugares, e case sempre as retoca. Ou muda o orde das imaxes, ou varía o número das mesmas, como querendo atopar ou propor novas olladas, novas perspectivas do mesmo captado. Para Cartagena as series fotográficas veñen sendo o cinema en fotogramas fixos.
- EXPOSICIÓN: Alejandro Cartagena. Ground Roules
- Fundación Mapfre Madrid
- ata o 30 de agosto de 2026