
Hugo Fontela vive a pintura. Vén sendo un feiticeiro que sae da natureza para transmitir o engado estético por medio das xestualidades, do ritual creador. A natureza astur, que leva prendida nos miolos, apórtalle as formas, as cores, as texturas coas que pintar con liberdade. A pintura como medio e como meta. Que universos suxire Fontela?
Hugo Fontela. El lirio y la siega. Galería Espacio Valverde, Madrid.
En este juego entre la abstracción y la figuración (de Hugo Fontela) diría que el peso queda fuera de la balanza, en otro lugar más allá de esa dicotomía. Si lo figurativo conlleva siempre narración y la abstracción sugerencia, aquí podríamos estar ante un decir que no es ni una cosa ni la otra. El objeto no se narra ni se sugiere sino que se dice en sí mismo, llegando con estos papeles a un vértice del asombro y del hecho pictórico en el que es difícil ahondar más. (Constantino Molina, escritor, 2024).

O pintor Hugo Fontela (Grao, 1986) ten un algo de artesán que o libera. Artesán nos métodos de traballo, artesán na materialidade da creación. Os seus dedos parecen coñecer as liñas polas que vai circular a pintura xa sobre un lenzo, xa sobre papeis. Dedos que manipulan pinceis ou que directamente distribúen os pigmentos sobre as superficies. Cores, matices sobre planos. O gran pintor Marc Rothko (nado en Letonia a comezos do século XX, e co que Fontela ten afinidades) confesou en 1958 nunha carta á súa amiga Katherine Kuh -a primeira comisaria de arte do Art Intitute Chicago-: Se tivese que pór a miña confianza nalgún sitio, faríao na psique do observador sensible, aquel que se atopa libre de toda convención. Velaí a liberdade.
Para Fontela, o pintor que -malia a súa xuventude- conviviu con Niemeyer en Río de Janeiro, a pintura é a súa linguaxe. Os trazos son sílabas que cosen os tecidos, o discurso creativo. O autor da serie River toma como referente a Natureza. Non quere, non precisa recrear figuras, imaxes delimitadas no espazo. E, por suposto, non é un paisaxista dos que se poden ver nas historias da pintura dos Países Baixos, Gran Bretaña ou Francia. O seu proceder non ten fronteiras, mesmo se diría que non cabe nas marxes convencionais dunha pintura. Fóra debuxo, fóra planificacións; só a pureza pictórica.
Con 18 anos Fontela foise aprender o oficio a New York. Desde entón a sinceridade dos seus traballos lévano de éxito en éxito. Co novo milenio comeza a recibir o recoñecemento ao seu saber facer: recibe o premio BMW de Pintura en 2005 e o Museo da Abadía de Montserrat (2011) organízalle unha ampla escolma do que creara na cidade do Hudson. En 2009 e 2011 morou en Rio de Janeiro, xunto ao gran arquitecto Oscar Niemeyer, o que lle permitiu presentar unha mostra no Centro Niemeyer de Aviles sobre as súas relacións co xestor da cidade de Brasilia. En 2014 acada o Premio Príncesa de Girona das Artes.
As xestualidades, eses trazos libres que se atreve a ceibar sobre superficies brancas, xunto coa natureza verde que de cativo se lle quedou fixa nos miolos, garanten o acerto expresivo, a rebeldía e a abstracción. As súas creacións xa foron expostas en galerías de Chicago, New York, Madrid, Colonia ou no Museo Esteban Vicente de Segovia, e outras na súa Asturias natal. As obras de Fontela transcenden, xa saben ir da inspiración local e concreta (que parece ditarlle a proximidade coas bases surrealistas) cara o xeral, cara a universalidade.
La pintura es como el hambre, te llega y no tiene remedio. Me dejo llevar por impulsos. (Hugo Fontela).
O estudoso John Fisher recolleu unhas declaracións de Marc Rothko, o artista antes citado, nas que manifesta: Odio e desconfío de todos os historiadores da arte, dos expertos e dos críticos. Son un fato de parasitos, o seu traballo non só inútil, confunde. A partir deste punto cadaquén é libre de seguir lendo, … ou non.
Hugo Fontela. El lirio y la siega. Forza expresiva.
(As obras de Fontela) Non sono foglie, ma sciabole e spade e scimitarre e alabarde di una moltitudine di guerrieri convenuti in questo pezzo di terra. Sono vessilli di clan di ragazzi coi denti di lupo. Stendardi di giovani predicatori febbricitanti. Flabelli di streghe neoplatoniche vestite di sete nasridi accompagnate dai loro amanti bambini. (Umberto Pesci, escritor e paisaxista, 2026).

Agora, nestes primeiros pasos de 2026 -se non se remedia o Segundo Ano da Barbarie- Fontela presenta as súas últimas pezas sobre papel e sobre lenzo que pintou con óleo. O título El Lirio y la Siega, escollido para a mostra que presenta na galería Espacio Valverde, é moi suxestivo. A sega da herba neses quentes meses de xullo e os lirios que, coas súas tonalidades azuis, tinguen os espazos dunha mínima policromía ofrécense a visitantes e “observadores sensibles” coa limpeza da creación sincera. El Lirio y la Siega dous substantivos só: dicir pouco para expresar moito. Mostrar con poucos recursos, basicamente unha cor, para expresar toda a natureza da infancia.
Hugo Fontela, malia non ter corenta anos, leva máis de vinte pintando. A súa paixón é a pintura. E agora, nesta nova serie, El Lirio y la Siega abandona a pintura acrílica e volve aos vieiros do óleo. Sobre este particular o pintor comunicou ao que subscribe esta reseña que “de repente necesitaba tiempo frente al cuadro, y una serie de registros plásticos que el óleo sí me ofrecía. Y fue una experiencia dura, porque me costó volver a comprender su cuerpo, pero muy bella a la vez porque fue como empezar a pintar de nuevo, como cuando aprendí siendo adolescente”.
Os cambios nas creacións actuais de Fontela non só son materiais (tipo de pintura). En moitas das pezas, mormente aquelas que referencian flores, é doado observar máis soltura, liberdade, deixar que as composicións respiren ceibes. En verbas do pintor: hay un camino hacia un despojamiento de la pintura. Claro que esta es una cuestión muy compleja, pues el despojar, entendido como eliminar aquello innecesario o llevarlo a una desnudez, depende de cual sea su objeto. A mi me interesa la pureza de la pintura, su forma, su cuerpo, más allá de lo que representa.
Xa vai alá un século des que Rainer Maria Rilke afirmara que a infancia é a verdadeira patria. A infancia verdescente en Grao inspira tanta xestualidade, tanta action painting como se colixe nas obras de Fontela. Os seus traballos con pinceis e coas súas propias mans, o contacto directo cos dous materiais que conforman as súas obras: pigmentos e texturas sobre as que esparexelos. Cómpre lembrar que nas covas asturianas e cántabras hai extensas galerías inzadas de mans pintadas en negativo, de mans facedoras. Mans como as do autor da serie Green? As covas de Candamo, como proba, están preto de Grao.
Fontela: liberdade, automatismo. Explica o pintor: cuando me pongo a trabajar, aún
no sé exactamente que es lo que me impulsa a ello. Es una necesidad vital. E menos aínda saber o resultado final. Cando Fontela traballa sobre unha superficie, con pinceis e mais cos dedos, o prioritario é o proceso creativo en si mesmo: entusiasmarse coa reiteración de pinceladas, de pegadas dos seus dedos, os miolos ceibes para que flúan as imaxes, sensacións e mais emocións. Pintar mundos, pintar a pintura.
Malia a espontaneidade que se percibe nas verbas do artista -e que augura un proceso creador apaixonado e xestual- as súas telas e papeis certamente ofrecen resultados pousóns, froito dun proceso comedido e tamén reflexivo. Semella un oxímoro, pero esa é a realidade da produción de Fontela. O resultado final que se pode ver nas súas amplas creacións, e agora en El Lirio y la Siega, é unha musicalidade como a de moitos outros expresionistas. Notas vibrantes adestradas para rebelar un allegro dono de espazos e tempos, de tradición e innovación.
Nesta serie que agora se presenta El Lirio y la Siega hai expresividades moi libres, vense pezas con poucos trazos, onde o baleiro ten a forza que permite subliñar xestualidades, action painting en liberdade.
Lito Caramés
- EXPOSICIÓN: Hugo Fontela. El Lirio y la Siega.
- Espacio Valverde, Madrid
- ata o 15 de marzo de 2026
