Maruja Mallo, artista rebelde, innovadora

Maruja Mallo
Maruja Mallo

A pintora Maruja Mallo, aínda non moi coñecida, foi unha das grandes figuras da arte en España e compañeira de tantas e tantos da Xeración do 27. Nos últimos anos estase a reivindicar a súa creatividade. Neste senso, agora chega ao Museo Reina Sofía unha magnífica antolóxica desta artista, de quen a súa amiga e filósofa María Zambrano afirmou, de volta do exilio: Maruja Mallo es el ser más libre que he conocido.

 

 

M. Mallo, La verbena, 1927

M. Mallo, La verbena, 1927

 

MARUJA MALLO: Máscara y compás. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

La función del arte abstracto es apoderarse de la nueva realidad, descubrir la naturaleza, todas las conquistas técnicas deben encauzarse hacia un orden universal. (…) El destino de la pintura está en el muro, en la cerámica, en la escenografía, y no en el cuadro particular de caballete. La misión de las artes plásticas está en su integridad. (…) El arte revolucionario es un arma que emplea una sociedad consciente en contra de una sociedad descompuesta. (Maruja Mallo, Unidad por la defensa de la cultura, Buenos Aires, 1937.

Maruja Mallo foi unha das grandes artistas da chamada Xeración do 27. É un caso máis da lexión de mulleres creadoras que tiveron recoñecemento en vida (ou nunha parte da súa vida), pero logo o patriarcado fixo todo o posible para que caesen no esquecemento. Maruja Mallo chegou a Madrid desde o seu Viveiro natal para vivir a efervescencia cultural daqueles anos da ditadura de Primo de Rivera e mais a plenitude da Segunda República. Viviu e compartiu, por tanto, os anos máis frutíferos da Residencia de Estudantes e de outras institucións innovadoras. Foi compañeira de inquedanzas e creatividades de mulleres como Rosa Chacel, María Zambrano ou a deportista e poeta Concha Méndez. O agocho intencionado destas mulleres atopou outra circunstancia que o favoreceu: que eran republicanas, e o franquismo fascista fixo o posible (como en tantas e tantas outras biografías) por negar as súas existencias.

Maruja Mallo (Ana María Gómez González) foi unha artista innovadora, rachadora -tanto nas abas artísticas como nos planos vitais-, libre, independente e intelixente, como acreditan as súas pinturas e debuxos así como os seus escritos teóricos sobre as prácticas artísticas. Compartiu tempos, vivencias e preferencias estéticas cos homes daquela Xeración do 27 que eles si que de sempre recibiron recoñecementos e loas ás súas magníficas creacións. En masculino si, en feminino, non. Foi amiga e compañeira de Federico García Lora, de Salvador Dalí, de Rafael Alberti, de Miguel Hernández, de Luís Buñuel, por citar os casos máis sobranceiros. Como proba de recoñecemento da valía de Mallo, García Lorca escribiu por aqueles anos sobre as obras da creadora de Sorpresa del Trigo: Estos son los cuadros que vi pintados con más imaginación, con más gracia, con más ternura y con más sensualidad. Y estas imágenes de maniquí, que están pintadas con ausencia de color, son notícias necrológicas.

Mallo. Sorpresa del trigo, 1936
Mallo. Sorpresa del trigo, 1936

MARUJA MALLO: Máscara y compás. Muller rebelde.

Tú, / tú que bajas a las cloacas donde las flores más flores son ya unos tristes salivazos sin sueños / y mueres por las alcantarillas que desembocan a las verbenas desiertas / para resucitar al filo de una piedra mordida por un hongo estancado, / dime por qué las lluvias pudren las horas y las maderas. / Aclárame esta duda que tengo sobre los paisajes. / Despiértame. / Hace ya 100.000 siglos que pienso en que tú eres más tú cuando te acuerdas del barro / y una teja aturdida se deshace contra tus pies para predecir otra muerte. (Rafael Alberti, La primera ascensión de Maruja Mallo al subsuelo –Fragmento-1929).

M. Mallo. Maruja Mallo no estudo de Madrid, 1936
M. Mallo. Maruja Mallo no estudo de Madrid, 1936

Nestes meses de finais de 2025 -ano marcado polas políticas do Gran Irmán do Norte (EEUU)- o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía presenta nas súas salas de Atocha a magnífica exposición: MARUJA MALLO. Máscara y compás. Un conxunto dunhas 200 obras, entre pinturas,  debuxos e fotografías da prolífica e polifacética artista. En conxunto, a revisión duns 60 anos de fervente creatividade. Esta amplitude cronolóxica e, por tanto, de períodos creadores da autora de Verbena vén sendo un dos grandes acertos da comisaria, Patricia Molins, membro do equipo de exposicións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, xa que a ollada a tan extensa mostra antolóxica permite coñecer as diversas etapas creadoras da artista. Pódese afirmar tamén que nesta exposición están presentes as máis importantes e representativas creacións de Mallo, xa sexan series, xa se trate de pezas illadas. Sobre esta peza citada (Verbena, 1927) no xornal El País, ao tempo que se inauguraba a exposición no Museo Reina Sofía, a comisaria da mesma Patricia Molíns analizaba polo miúdo os significados desta obra, unha visión particular da España de finais dos anos 20.

Na presentación desta mostra Manuel Segade, director do museo Reina Sofía, afirmou con rotundidade que Maruja Mallo é a artista máis importante de España de todo o século XX. MARUJA MALLO: Máscara y compás, xa que logo, non é unha exposición máis dentro dunha programación museística, non; trátase de todo un acontecemento cultural e social. Dar a coñecer esa “metade da Historia da Arte oculta” (as creacións das mulleres artistas) representa un acto de xustiza, de actualización dos contidos culturais que precisa unha sociedade se pretende aspirar a ser minimamente igualitaria.

A calidade das pezas vén avalada, tamén, pola diversidade de institucións que prestaron obra: o Art Institute of Chicago, o Centre Georges Pompidou, o Museo Provincial de Lugo e entidades museísticas de América Latina, onde residiu moitos anos (Museo Nacional de Artes Visuales de Montevideo, Museo de Arte Latinoamericano -Bos Aires-, entre outros moitos). A mostra está organizada polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e mais pola Fundación Botín.

MARUJA MALLO: Máscara y compás. En galego o substantivo “compás” ten moitos significados. Non só define un instrumento apropiado para riscar arcos e mais círculos. Na lingua galega compás tamén ten a acepción do instrumento axeitado para dirixir a vida. Os mariñeiros déixanse guiar -nos seus traballos sobre as augas salgadas- por esa agulla imantada que lles marca as rotas, os ronseis: a agulla do compás. Algo ten esta antolóxica diso: de ser o referente das inquedanzas que, perante décadas, ocuparon e preocuparon a Mallo no continente europeo e logo no exilio en terras americanas.

A creatividade de Maruja Mallo, (Viveiro, Lugo 1902 – Madrid, 1995)  sorprendeu a quen a coñeceu entre os anos 20 e 30. Foi Salvador Dalí o que a definiu como metade marisco, metade anxo. Que xeito tan poético e luminoso de catalogar a aquela muller libre que se atrevía a andar en bicicleta polas rúas de Madrid (en compañía da súa amiga Concha Méndez) e ás que os varóns guindaban pedras como maneira de mostrar o seu rexeitamento a tan “escandalosas” novidades. Maruja Mallo, espírito libre. As ansias de liberdade daquelas mulleres que querían unha vida plana tamén se coñece por outras accións simbólicas, como negarse a levar sombreiro. De aí que se coñecesen como Las Sinsombrero, as rebeldes e loitadoras (Maruja Mallo, Ernestina de Champourcín, María Teresa León, Concha Méndez, María Zambrano, Rosa Chacel, Josefina de la Torre, Margarita Gil Roësset, Margarita Manso). Na creación de Mallo sobresae o esforzo feminista que aplica aos temas escollidos; un imaxinario feminino que se anticipa ao que farán outras artistas feministas nos anos setenta. Boa parte das súas obras teñen por protagonista mulleres. Retratos, estudos anatómicos de corpos femininos, escenografías onde predominan as mulleres, exercicios ximnásticos executados por mulleres espidas.

Maruja Mallo es el ser más libre que he conocido (María Zambrano).

A produción artística de Mallo é moi diversa, e ao tempo, unificadora. A súa intelixencia permítelle adiviñar que o universo é un, no que calquera aspecto do mesmo acaba afectando todas as outras. Tiña a visión globalizadora de que o mundo é un sistema ecolóxico no que caben toas as cousas, que cómpre preservar. A autora de Canto de las Espigas non desprezaba as cloacas, nin os restos orgánicos. Unha das súas series máis coñecida é a que titulou Cloacas y campanarios (1930-32). Para Mallo nonhabía diferencias entre o popular e aquilo que se puidese denominar “vangardista”. Todo é digno de estimación estética. É habitual que nas súas pinturas aparezan restos orgánicos como caveiras de animais, osos, cardos e outros elementos non valorados esteticamente pola meirande parte de artista de todos os tempos. Esas pezas de restos orgánicos veñen sendo vanitas contemporáneas? Coñecendo a súa rebeldía non estraña que esas pezas de restos orgánicos, a artista as titule Naturalezas Vivas, e non Naturalezas Muertas como se levaba facendo desde o Barroco.

Os vieiros plásticos de Mallo son tan persoais que se fai difícil a clasificación. Cara o final dos anos 20 encarreirouse nas liñas do surrealismo. Cando chegou a París e presentou as súas creacións alí, os surrealistas quedaron sorprendidos, e o pope André Breton mercoulle unha das súas pezas titulada El Espantapájaros (1930).

O seu pensamento progresista de Mallo fai que unha das súas constantes a pintar -sempre que hai figura humana- sexa sempre a figura feminina. Son moitas, moitas, as obras onde, sexa cal sexa o tema que representa, aparece a figura feminina. Na devandita obra La Sorpresa del Trigo algúns críticos e estudosos consideran que a cabeza feminina alí presentada é a deusa da agricultura -Demeter-. A nai terra a fornecer de alimentos  aos humanos. Sobre a importancia que a artista lle concedía a esa obra tan explícita e definidora dos traballos e da vida, cómpre salientar que cando en 1936 tivo que fuxir ao exilio por Lisboa, a única obra que levou consigo ao exilio americano foi La Sorpresa del Trigo, esa obra que de tan sintética, de puro emblema fornecedor das mágoas humanas, emociona.

 

MARUJA MALLO: Máscara y compás. Creacións novidosas.

Maruja Mallo tendría un lugar garantizado en la historia por ser la artista capaz de dotar de imaginario visual a la Generación del 27, pero además ha sido una personalidad muy avanzada a su tiempo, por su preocupación por la dignidad del trabajo de la mujer, por sus teorías sobre la importancia de la creación popular, por su capacidad para performar su propia imagen y por su innovadora invención de una cultura visual para la ciencia ficción. (Manuel Segade, 2025).

M. Mallo. Naturaleza Viva XII, 1943
M. Mallo. Naturaleza Viva XII, 1943

A arte é alimento para a humanidade. A Arte, a Cultura son bens máis precisos ca nunca. Son democracia, son diversidade e ameaza para autócratas e fascistas. Máis ou menos isto foi o que veu dicir Robert de Niro este ano no festival de cine de Cannes.

A rachadora e innovadora obra de Mallo tamén fixo vieiros novos de rebeldía, de inconformismo social e político. Non lle ían os límites e foi quen de mesturar o popular coa vangarda, a diversidade con raíces de proximidade. Mallo, pintora que sempre tivo preferencias pola figura feminina, tamén é certo que se fixou en figura que remiten a espazos tropicais. Unha pintura como La isleña o Mujer con cabra (1927) remite a outras xeografías. A diversidade. Por outra banda, a súa serie Las verbenas (1927-1928) presenta tal heteroxeneidade de personaxes que mesmo convida a reflexionar sobre a longa tradición ao tempo que o fai sobre arte popular e vangardas. Nestas composicións xeométricas do espazo fai choscadelas á arte popular, aos escenarios desa arte escénica e tamén ao guiñol, que tanto lle agradaba. Persoas de clases e etnias distintas mulleres revestidas con irreverencia, intelectuais montados sobre porcos que levan un carrusel como entrada a mundos exóticos.

Hai pouco que pechou a mostra temporal 1924. Otros surrealismos nas salas da Fundación Mapfre Madrid. Alí o traballo de curadora de Estrella de Diego percíbese moi ben ao pasar polas salas e ir constatando a presenza de tantas e tantas creadoras que non é habitual atopar nestas celebracións internacionais. Estrella de Diego fai que Maruja Mallo sexa a artista que encabece a derradeira seccións de 1924 Otros Surrealismos, titulada “Piedras, árboles y otras criaturas”. Nesa sección varias obras de Mallo (dos anos 30) exhiben a súa querenza por esqueletos e tantos outros restos orgánicos.

Nas obras figurativas (aínda que non realistas) semella estar presente unha liña de traballo que tamén se pode apreciar na artista brasileira Tarsila do Amaral, que acaba de ser homenaxeada no Museo Guggenheim Bilbao cunha potente antolóxica. Coñecéronse estas dúas artistas? En París estiveron as dúas a comezos dos anos 30. Logo Mallo viaxou por América Latina nos longos anos de exilio. Nas súas figuras e composicións hai algo similar. Tal vez a súa querenza polo cubismo, matizado logo por outras tendencias como o surrealismo, levounas a facer composicións que fagan que aparezan como similares. Sería interesante saber ben a orixe desta afinidades.

Maruja Mallo es el ser más libre que he conocido.

  • EXPOSICIÓN:  MARUJA MALLO: Máscara y compás.
  • Museo Reina Sofía
  • ata o 16 de marzo de 2025.
M. Mallo. Mascaras
M. Mallo. Mascaras

Deja una respuesta