As relacións entre o expresionismo abstracto e mais a Pop Art

POLLOCK, Jackson_Marrón y plata I, c.1951_713 (1963.1)
Pollock. Marron y plata I, 1951

Revisar e revisitar vangardas da pasada centuria e as súas relacións sempre mellora as visións que delas se poden ter. Agora o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid presente unha mostra temporal onde se resaltan as coincidencias entre os traballos de Jackson Pollock e mais de Andy Warhol. Artistas que, de entrada, semella que poboaron planetas distintos. A carón deles mulleres que crearon coa mesma intensidade.

 

 

 

 

Warhol, Pollock y otros espacios americanos. Museo Thyssen, Madrid.

En el caso del primero (Pollock) y para expandir un discurso sin fisuras sobre su arte, se han tratado de cancelar las huellas figurativas. El segundo (Warhol) pasó a la historia como un pintor de temas insignificantes, de la cultura popular, sin conflictos espaciales, pura superficie: figuración fútil sin más. (Estrella de Diego, no catálogo da exposición, 2025).

Andy Warhol;Coca-Cola [2];1961;casein and crayon on linen;Stretched: 69 1/2 × 52 1/4 in. (176.5 × 132.7 cm.)
Warhol. Cocacola2, 1961
Estes meses de finais de 2025 -ano e xenocidios e de prácticas políticas aberrantes- o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza ten a ben presentar a mostra temporal Warhol, Pollock y otros espacios americanos, exercicio comandado pola comisaria e profesora Estrella de Diego, na que se pretende indagar e tratar de esclarecer as relacións entre os traballos artísticos de Jackson Pollock e mais Andy Warhol, dúas das figuras máis sobranceiras das prácticas plásticas dos EEUU na segunda metade do século XX. Estes dous artistas, se se quere a medio camiño entre a arte figurativa e a pura abstracción, miraron de interrogarse e solucionar novas posicións sobre o espazo; espazos que reviraron e refixeron ao xogar coas tradicionais concepcións de figura e fondos, de perspectivas e de orixinalidade da obra de arte. Ámbolos dous polémicos en tanto que innovadores e creadores de vieiros non transitados nas prácticas artísticas; xeradores de repeticións e serializacións, xeitos de traballo prohibidos no mundo artístico.

A exposición Warhol, Pollock y otros espacios americanos xunta nas salas do baixo do museo Thyssen máis de 100 pezas de gran valor. Tales obras proceden dunhas trinta institucións de Norteamérica e Europa; entidades ben coñecidas, como o Andy Warhol Museum, de Pittsburg, onde se gardan e estudan gran cantidade das creacións de Warhol, no formato que sexa, tamén figura entre os prestamistas a Peggy Guggenheim Collection, de Venecia, que deixou varias obras sobranceiras de Pollock; e o mesmo Museo Thyssen de Madrid. Entre os artistas presentes -máis aló de Warhol e Pollock, pódense contar mulleres artistas que foron protagonistas (igual ca eses dous) do expresionismo abstracto (Lee Krasner, Helen Frankenthaler) e mais da Pop Art (a pouco colecida artista venezolana Marisol Escobar). Á marxe van Marc Rothko ou Sol LeWitt.

É habitual atopar a explicación de que a Pop Art foi unha reacción contra os chamados expresionistas abstractos (Pollock, de Kooning, Rothko, Gorky, Tobey) e as súas técnicas de action painting ou dripping, onde o lenzo é un espazo, un teatro, onde representar unha función, unha performance que nace, que se fai ao tempo que é executada. Estes artistas maduraron á raxeira de tantas e tantos surrealistas europeos que se refuxiaron en EEUU antes e durante a II Guerra Mundial (Miró, Tanguy, Breton, Dalí). Por tanto para eles (como para os citados europeos surrealistas) o inconsciente e o subconsciente son guieiro para os seus traballos.  Independentemente das calidades técnicas (revolucionarias ou non) dos e das artistas do expresionismo abstracto, o que hogano está máis ca demostrado é que a CIA e os gobernos ianquis estiveron por tras deses creadores, foron os seus mecenas: formar unha escuadra de artistas que se puidesen opoñer aos europeos, progresistas e tamén comunistas (Picasso, Matisse, etc.) nos duros tempos da Guerra Fría. A temida CIA organizoulles exposicións e presentacións en todos os foros europeos e asiáticos posibles; así o “realismo social” soviético quedaba relegado ante o pulo fresco e rachador dos Pollock’s boys.

En verbas de Jackson Pollock: Cando estou a pintar non son consciente do que fago. Só despois dun período de reflexión vexo o que fixen. Non teño medo de facer cambios, de destruír a imaxe, porque o cadro ten vida propia. Este artista, poida que en principio o máis radical do grupo, acaba usando a técnica do dripping: deixar que a pintura gotee sobre o lenzo, que permanece deitado no chan. Ese automatismo no que semella mandar o subconsciente é a carta de presentación das pezas de Krasner ou de Frankenthaler, e non só de Pollock ou de Gorky. (O Museo Guggenheim Bilbao leva organizado importantes mostras, entre outras moitas unha dedicada a Lee Krasner así como a Helen Frankenthaler).

Unha das lecturas que propón Estrella de Diego en Warhol, Pollock y otros espacios americanos consiste en procurar nas pezas (mormente de formato grande) das/dos expresionistas abstractos elementos formais que se relacionen coa arte figurativa: mirar e remirar un lenzo de Krasner ou de Pollock no que -entre tanto trazo e goteo aleatorio- se atopen formas que asociar a unha face, un corpo. A proposta, que non é nova, vén sendo que, no deixarse levar do automatismo que reivindicaron os surrealistas, os miolos de cadaquén conducen o brazo, a brocha, o pincel, as manchas de cor cara formas coñecidas. Deste xeito na action painting non todo é aleatorio.

 

Warhol, Pollock y otros espacios americanos. Publicidade e serialización.

What’s great about this country is that America started the tradition where the richest consumers buy essentially the same things as the poorest. You can be watching TV and see Coca-Cola, and you know that the President drinks Coke, Liz Taylor drinks Coke, and just think, you can drink Coke, too. A Coke is a Coke and no amount of money can get you a better Coke than the one the bum on the corner is drinking. All the Cokes are the same and all the Cokes are good. Liz Taylor knows it, the President knows it, the bum knows it, and you know it. (Andy Warhol, recollido no portal web The Zeray Gazette – A Blog of Geek Eccentricities).

Warhol. Choque óptico de automóviles, 1962
Warhol. Choque óptico de automóviles, 1962

Este escrito de Warhol vai moi na consonancia con boa parte do seu traballo: a publicidade. Se “case todo” o que se consume é tan democrático que toda a poboación dos EEUU pode mercalo e desfrutalo, a publicidade deses produtos teno que ter en conta. Tal vez por iso Warhol o único que parecía facer era mudar as cores dos produtos de consumo: refrescos, sopas, cereais, … É posible que tamén hogano the richest consumers buy essentially the same things as the poorest, pero as súas vidas en pouco máis aló dun refresco de cola se asemellan. Donald Trump e inmigrantes hispanos poden beber coca-colas ao mesmo tempo e na mesma cidade, o resto é o día e a noite.

A importancia de Warhol vai máis aló de ser un artista plástico. É toda unha icona do mundo artístico, da cultura underground. Desde o seu estudo The Factory era un xamán social: intermediario entre artistas, políticos; entre homosexuais e xente do mundo cinematográfico. Xa a finais do século pasado (1996) a directora Mary Harron dirixiu o filme I Shot Andy Warhol,un canto á creatividade desta personalidade múltiple, e David Bowie, moi influenciado polo magnetismo deste creador, dedicoulle (1971) a canción Andy Warhol.

Cando Warhol era mormente deseñador gráfico para casas de moda cada vez máis prestixiosas, usou unha técnica denominada blotted line. En inglés o termo blot pode significar mancha ou manchar, mentres que blotter vén sendo o papel secante usado para a técnica da Blotted line. A técnica de reprodución consiste en copiar nun papel transparente e non absorbente e con tinta chinesa as liñas básicas dun deseño orixinal. Logo esa copia das liñas lévase a outro papel -neste caso ben poroso, para que queden así reproducidos os perfís principais. Warhol, con tal técnica que usou de estudante e ata os anos 50, desprezaba o concepto da obra orixinal, da obra única, e remitindo ao que na vida artística de Warhol será unha constante: a reprodución en serie con cores que nada teñen que ver co orixinal.

Frankenthaler. Arcada de bosque lácteo, 1963
Frankenthaler. Arcada de bosque lácteo, 1963

En moitos traballos de Warhol (así como noutros artistas da Pop art) o formalismo e figurativismo que a primeira vista hai nas súas obras, vai esmorecendo e dando paso a outras propostas que van máis nas liñas que executaran anos antes os creadores da Escola de New York (expresionistas abstractos). Agora no museo Thyssen en na mostra Warhol, Pollock y otros espacios americanos é doado atopar sinais de tales métodos de elaboración. Por exemplo, na obra Coca-Cola 2, de 1961, Warhol presenta todo o lateral dereito esborranchado, traballado como se unha man levada por pulos automáticos fose riscando tales pinceladas. Outro tanto se pode afirmar ante a visión dalgunhas das series que o dono de The Factory vai elaborando co tempo. Nas series Warhol repite e repite espazos, manchas de cores, espazos abstractos. A seie é un xeito de serializar o tempo, de eternizar unha face, un acontecemento. A serie na que repite e repite unha fotografía sobre un accidente de tráfico (Choque óptico de automóviles, 1962) acaba por ser unha peza abstracta, onde as cores empregadas están ao servizo da estrutura reiterativa. Outro tanto se pode dicir das que fixo coa  Electric Chair. Ese mortal instrumento, tan empregado naqueles anos nos EEUU acaba por facerse abstracción.

As relación de Warhol co mundo da morte estiveron presentes na súa vida e obra. As series de moitas mulleres ao pouco de morrer (Marilyn) ou nos transos de moita dor (Jackie Kennedy) son rituais, exorcismos para non temer á morte. Quizais por iso tamén nos anos 60 comeza unha longa serie sobre a cadeira eléctrica, serie que a The Silver Factory se encargará de reproducir e reproducir. A cadeira eléctrica que Warhol reproducirá en diversos formatos e cores, vén sendo unha cadeira eléctrica que era usada nos anos 60 e 70 no penal de Sin Sin (N. York). Na prensa neoiorquina saíron fotografías da cadeira onde serían executados, o día 13 de xaneiro de 1963, dous cidadáns norteamericanos, Julius e Ethel Rosenberg, baixo a acusación de ter pasado información sobre a bomba atómica a Rusia perante a II Guerra Mundial. Logo da execución, Warhol comeza a súa serie. Tema macabro? Como o mesmo Warhol di, sorprende que esta ampla serie teña compradores. A pop art é quen de banalizar calquera tema.

Na presente exposición temporal do Museo Thyssen (Warhol, Pollock y otros espacios americanos) están presentes obras de varias mulleres; mulleres relegadas e esquecidas que, pouco a pouco, van emerxendo dos almacéns. Esta presenza débese aos intereses persoais da comisaria, Estrella de Diego, que xa noutras mostras da que foi comisaria fixo o mesmo (Otros surrealismos, 1924. Mapfre). Para quen opine o contrario dicir que actualmente en España máis dun 70% dos estudantes nas Facultades de Belas Artes e Historia da Arte son mulleres, e só un 6,17% das artistas presentes na edición de ARCO Madrid de 2019 foron mulleres españolas. E por exemplo, a presencia de mulleres nas exposicións realizadas polos grandes centros de arte de Barcelona entre 2010 e 2015 confirma que só o 14% das exposicións foron dedicadas a mulleres artistas.

Marisol E. Untitled. 1960
Marisol E. Untitled. 1960

 

 

 

 

Deja una respuesta