
Sempre é prometedor que as entidades públicas dediquen esforzos para dar a coñecer artistas que non están en primeira liña. O Museo Thyssen, neste caso, leva uns anos programando exposicións de mulleres artistas, ese medio museo que ata agora se ocultou intencionadamente polos dotados das sociedades patriarcais. Agora tocoulle a Hammershøi un pintor danés que non se afiliou a ningunha das vangardas do século XX. Unha mostra moi interesante.
Hammershøi. El ojo que escucha. Museo Thyssen. Austeridades.
O extraordinario deste pintor só se mostra coa nosa visión actual da historia da arte. Anticipou tanto a atmosfera dos enigmáticos interiores de René Magritte como as ciceladas vistas traseiras de Oskar Schlemmer. Mesmo a maxia da soidade nos cadros de Edward Hopper parece derivar das obras de Hammershøi, aínda que é pouco probable que o coñecesen. (Florian Illies, historiador da arte, 2025).

Para quen procura estruturar e sistematizar a historia da arte é moi tentador encadrar a cada artista dentro de algún dos movementos artísticos que coetáneos a el se foron dando (ou foron clasificados así) ao longo dos tempos. O Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid vén de abrir unha nova exposición temporal. Unha verdadeira alfaia. A importancia de Hammershøi. El ojo que escucha non se queda na calidade das pezas exhibidas; presentar amplamente a obra deste pintor danés -pintor que pasa por ser un rara avis– convida tamén a reflexionar sobre a creación artística. Que leva a Hammershøi elaborar os cadros espidos?, que espiritualidade “nórdica” se mestura coa pintura nos lenzos de interiores, de paisaxes típicos, de arquitecturas pousonas?
O Museo Nacional Thyssen presenta a primeira retrospectiva extensa sobre Vilhelm Hammershøi (1864-1916) que se efectúa en España. A mostra discorre por máis de noventa óleos e tamén de debuxos do artista -e de algúns dos seus coetáneos, esforzo importante pata poder situar nas épocas a creatividade deste mestre do silencio e da austeridade. Tendo en conta que parece ser que o autor de Interior. Muller de costas non pintou máis de 400 obras nos seus 50 anos de vida, a proporción de obra presente agora en Madrid é moi significativa e representa ben os quefaceres do pintor de Copenhague. Como tantos outros artistas de finais do século XIX e comezos do XX, a irrupción das vangardas artísticas en Europa eclipsou totalmente a aqueles que non seguiron un vieiro bendicido como canónico. Esa é unha das razóns polas que Hammershøi é hoxe pouco coñecido, o prezo de seguir os vieiros que a propia coherencia lle ditaba.
De tu ojo de pintor la trémula música / lo profundiza todo, lo convierte en mística. (Sophus Michaëlis).
A atractiva mostra Hammershøi. El ojo que escucha está organizada polo propio Museo Nacional Thyssen-Bornemisza xunto coa Kunsthaus de Zürich. Esta exposición, unha vez rematada a súa exhibición en Madrid, viaxará a Zurich. Como comisarias da mesma constan Clara Marcellán, conservadora de Pintura Moderna do Museo Thyssen, e para Zurich, Jonas Beyer e mais Sandra Gianfreda, conservadores da Kunsthaus Zürich. Da importancia desta exposición dan boa razón a longa lista de prestadores de obras, entidades e particulares de Dinamarca (por suposto), Suecia, Noruega, España (Colección Carmen Thyssen e MNAC), Francia, Austria, Alemania, Bélxica, Estados Unidos, entre outros.
Vilhelm Hammershøi pinta en Copenhague e pinta iso mesmo, a paisaxe exterior desa cidade, dese país chan, sen montañas. Pinta os seus interiores figurativos, con luces moi matizadas, cores secundarios, mesturados, case luxados pola sombra. A sombra. A sombra física e a sombra espiritual.

Hammershøi. El ojo que escucha. Pintor adiantado no tempo.
Manejas el pincel como un arco de chelo / —y la música vibra de la sala en silencio. / Evitas los chillidos de los altos colores / y tocas tan profundo y suave, con sordina. / Tarareas canciones que se funden puras, / en los matices grises que callan entre plata, / con dulces transiciones de colores suaves, / cuando el sol queda preso en las paredes blancas. / De tu ojo de pintor la trémula música / lo profundiza todo, lo convierte en mística. ((Fragmentos do poema Vilhelm Hammershøi, 1918, de Sophus Michaëlis).

Vilhelm Hammershøi caso único? No ano 1808, cando Napoleón andaba a dominar toda Europa, o pintor romántico alemán Caspar David Friedrich pintou unha estarrecedora paisaxe: Monxe fronte ao mar. O baleiro inmenso nunha pintura absolutamente chea, de materia pictórica e mais de significado. En que se diferencia esa famosa pintura da peza de Hammershøi, Lluvia con sol (1903) que se reproduce acompañando estas liñas? A distancia cronolóxica son cen anos, un século; a distancia estética?
Como afirma o historiador, e especialista en pintura dos países nórdicos, Florian Illies, Hammershøi foi precursor das atmosferas densas e sonoras de René Magritte, ese artista tamén tan autodidacta e dono dos seus simbolismos e surrealismos. Nunha ocasión Magritte declarou que xa levaba feitos máis de 1.000 cadros, pero que os temas neles presentados eran poucos, mirando de facelos aflorar de maneiras diversas, sempre afondando no misterio, sempre á procura do que está máis aló da combinación de figuras e obxectos. O mesmo se pode dicir de Hammershøi. Na exposición que se comenta, Hammershøi. El ojo que escucha, é fácil observar que nas 90 pinturas os temas son recorrentes: a súa muller Ida Ilsted, interiores poboados do ar espeso e voluminoso, interiores moi similares aos que fixera séculos antes o seu admirado Vermeer, paisaxes daneses, arquitecturas frías, baleiras e rectiliñas.

A pintura de Hammershøi será, acaso, pintura metafísica? As súas arquitecturas espidas, xeometría pura implicada en xogos de luces, en cores adurmiñados. O autor de Rayos de sol é quen de pintar un cadro (ese por exemplo) con tonalidades da mesma cor: pintar gris sobre gris, algo que só on mestres se atreven a facer. Giorgio de Chirico dedicou toda unha etapa da súa produción pictórica ao que el e mais Carrá denominaron Pittura Metafísica, elaboración de arquitecturas oníricas. Coñecería de Chirico as pinturas de Hammershøi? Por outra banda, esa capacidade tan excelente de saber pintar todo un cadro monocromo e -por contra- cheo de matices fai lembrara Giorgio Morandi, o mestre de Ferrara, dos bodegóns xeométricos e monocromos. Igual Morandi tamén coñecía as pinturas de Hammershøi. O que vén demostrar a exposición Hammershøi. El ojo que escucha é que ese pintor danés non foi unha rara avis, illado de tendencias, de correntes estéticas. O que fixo foi seguir aqueles vieiros que el mesmo se impuxo por pura coherencia.
De tu ojo de pintor la trémula música / lo profundiza todo, lo convierte en mística.
- EXPOSICIÓN: Hammershøi. El ojo que escucha
- Museo Thyssen, Madrid
- ata o 31 de maio de 2026
Lito Caramés