No ano 1992 publicouse en Ediciós do Castro o Diccionario crítico de dúbidas e erros da lingua galega da autoría de Manuel Rodríguez Alonso e Rafael Chacón. Reproducimos aquí parte do prólogo do devandito dicionario talvez porque axude a aclarar o estado da lingua escrita do momento e da actuación que sobre ela impoñían institucións cono o ILG (Instituto da Lingua Galega) e a RAG (Real Academia da da Lingua), que eran as autoridades lingüísticas recoñecidas como tales, á hora de poñerse a escribir usando a devandita normativa.
Prólogo
1.-Como todos os diccionarios de erros e dúbidas, este noso diccionario é un diccionario normativo. A normativa á que nos sometemos é a «oficial», a elaborada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e pola Real Academai Galega (RAG), do ano 1982 e sancionada polo decreto da Xunta de Galicia de novembro de 1982.
Para ben ou para mal, as normativas son en última instancia efectos dun poder que as poida impoñer. Son tamén efectos da súa aceptación social, e no caso do galego, malia a súa precariedade, o feito de que os libros Gallego 1, Galego 2 e Galego 3 se vendesen moitos máis de 60.000 exemplares, o feito de que as editoriais con máis producción efectiva acepten esta normativa, o feito de que os libros de texto obrigadamente teñan que estar feitos nesta normativa, o feito de que os diccionarios máis vendidos, por unha razón ou por outra, sexan os que difunden esta normativa, faina aparecer a todas luces, insistimos en que para ben ou para mal, como a máis estendida. No noso diccionario, en moitos casos, xunto as solucións que esta normativa propón, poñemos as solucións que dá a chamada «normativa de mínimos», representada neste diccionario pola Nova Gramática para a aprendizaxe da lingua. (A Coruña, Ed. Vía Láctea 1988).
2.- O presente diccionario nace da incomodidade sentida por nós, e advertida en moitos escritores, á hora de poñerse a escribir ou a traducir usando a devandita Normativa ILG-RAG. En efecto, quixemos facer, en principio, un diccionario de dúbidas e erros apoiándonos en citas de escritores actuais para darlles máis forza ás explicacións das dúbidas ou erros posibles. Para iso, papeleteamos as novelas publicadas a partir do ano 1982, ensaios, revistas… Pero así como podiamos atopar o exemplo correcto, podiamos atopar nas mesmas obras o exemplo incorrecto. Pero non foi só iso, nos mesmos diccionarios consultados podiamos tamén, en moitas ocasións, atopar o exemplo correcto e o contraexemplo incorrecto. E isto agravábase se comparabamos distintos diccionarios ou glosarios, gramáticas e ata obras de lingúística. E o problema era maior co paso do tempo. Se a Normativa ILG-RAG daba no ano 1982 extraño, extranxeiro, excavar… a Gramática Galega de Galaxia (Álvarez Blanco et alii, Vigo, 1986) dá nuns lugares estraño e noutros extraño. E agora o diccionario ILG-RAD de 1990 impón sen ninguha explicación estraño, estranxeiro, escavar… aínda que logo define rego como Excavación profunda. E non´son exemplos illados, pois dentro deste diccionario pódense atopar moitos deles, todos parecidos e contradictorios. O mesmo diccionario ILG-RAG dá como entrada extravagante pero define rechamante con estravagante. O que na Normativa ILG-RAG era xuicio,xusticia, precio, pode ser no diccionario de Galaxia (Diaccionario normativo galego-castelán. Monteagudo et alii, Vigo, 1988) xuicio ou xuizo, xusticia ou xustiza, precio ou prezo… O diccionario ILG-RAG de 1990 dá xa xuizo, xustiza, prezo.. e outra vez sen ningunha explicación.
3.- Sinalamos outras vacilacións nestes diccionarios que poden producir dúbidas nos usuarios. O diccionario de Galaxia (Vigo,1988) non dá o ll como letra independente nin dentro do l. Máis tarde debéronse de dar de conta e xa en moitos exemplares aparece o ll como grafía independente e tamén sen ningunha explicación ou reparación ós compradores dos exemplares sen ll, entre os que nos atopamos. Son capaces de repoñer o ll sen dicir se se trata dunha reimpresión ou unha nova edición, pero non de rectificar definicións como a de día: Espacio de tiempo que tarda el sol (sic) en dar una vuelta completa alrededor de la Tierra. E isto pásalle por copiar mal o María Moliner que realmente di vuelta aparente. Claro que este diccionario tampouco dá como entradas cousas como beber, enteirar… Dá frenar, pero logo da enfrear e refrear; rexeita beleño como incorrecto, pero logo dáo como sinónimo de veleno e veleño; rexeita encendido como incorrecto, pero dá encendido como sinónimo de afervoado, apaixoado, ardente e así moitos máis casos a pesar de que este diccionario chámase a sí mesmo «normativo». O propio Diccionario da Lingua Galega doILG-RAG do 90 exclúe o w por ser letra allea ao galego, pero logo na definición de cinema dá Licor espeso. Crema de whisky. E así non sabemos por estes diccionarios como é o símbolo do volframio ou a abreviatura de vatio ou como se abrevia internacionalmente o Leste e derivados para os que hai que empregar esta letra. Ou como debemos transrcibir Waterloo, Wenbley…. O mellor exemplo destas incongruencias é o diccionario publicado por Xerais (Ares Vázquez et alii: Diccionario Xerais da lingua. Vigo, 1986). Dá como entrada omoplata (s.f.) e na ilustración que vén ao lado dá omoplato (s.m.). Define urraca como variedade de pera, pero na ilustración aparece unha pega co nome de urraca debaixo. Isto pasa por copiar mal o Anaya de castelán e non distinguir as peras das pegas. Este diccionario serve el só para facer un diccionario de erros (non de dúbidas). Emprega coción por cocción na definición de tisana; ventana por ventá na definición de triforio, trillar e troneira. Adxetivo por adxectivo na entrada trixésimo; hinchazón por inchazón cando define tumefacto; en merar di que están nas árboles. Ata define mesianismo con feixismo. Cando define anestesia usa Perda da sensiblilidade conscente por consciente; impón asemblea, cerimonia, pero logo dá nas definicións de mesa e aula usa asamblea e ceremonia. Rexeita interés e da interese, pero cústalle manter o interese por interese, xa que dá como entrada desinterés que define como falta de interés.
4.- Sinalamos o descoido dos diccionarios que dan como correctas formas que non son de acordo coa Normativa ILG-RAG. Esta normativa non admite pra en lugar de para nin pro en lugar de pero, pero tanto o citado diccionario de Xerais (1986) como o de Galaxia (1988) dan como entradas correctas pra, pro e mesmo prá e pró como contracción da preposición co artigo determinado e noutro dislate o diccionario de Galaxia (1988) chega dicir que pro é a forma apocopada de pero, confundindo síncopa con apócope. A mesma Normativa ILG-RAG dicía que os derivados de dicir, maldicir, bendicir, etc., conxugábanse como dicir, erro grave por copiar do portugués, onde naldizer e bendizer conxúganse como dizer, pero son da segunda conxugación, que é algo bastante distinto da terceira. O Manual de galego urxente (Pena, Rosales, Xerais, Vigo 1990 e a Gramática Galega (Galaxia 1988) dicían o mesmo por copiar a normativa. O diccionario ILF-RAG de 1990 di, rectificando a súa propia normativa, que bendicir conxúgase como dicir, salvo o perfecto e pluscuamperfecto de indicativo, o imperfecto de subxuntivo e o futuro de subxuntivo que son regulares: bendicín (non bendixen); bendicira (non bendixera), bendicise (non bendixese), bendicir (non bendixer). Esquece o futuro de indicativo, e o imperativo, que tamén son regulares e non sinala que ten dous participios: bendito e bendicido. Así que hai que dicir bendicirei e non bendirei; bendiciría e non bendiría; bendice ti, non bendí e bendicide vos .Pero en maldicir o ILG-RAG de 1990 volver a recoller a Normativa ILG-RAg de 1982 e di nas observacións que maldicir se conxuga como dicir. En contradicir di tamén que se conxuga como dicir e así o fai (Contradixéronse nas súas declaracións). Non rexistra desdicir e en predicir non di nada. Estas inconguencias nas conxugacións fan que algúns conxuguen sós e pola súa conta, e así EDIGAL (Método audiovisual, Monteagudo et alii, Santiago 1985) dea un extrouxen como forma de extraer. Claro que este método tamén adovía o polbo e dá bandeixa por bandexa e di que as ameixas ó natural son as ameixas ó vapor.
5.- Parece advertirse nestes diccionarios informados polo ILG un cambio de criterio á hora de fixar o léxico normativo. O Dicionario (sic) básico da lingua galega do ILG (Xerais, Vigo 1980) consideraba que bombilla, servilleta, carretilla ou acera eran castelanismos de necesidade que se importaron cando se importou a cousa que nomeaban (p.9) e na mesma páxina engade: […] e mesmos outros (castelanismos) que, aínda sendo préstamos de luxo, non moi antigos, teñen xa desprazada a forma patrimonial de maneira dubidosamente recuperable (reló, albañil, frente, aire, silla). Isto coincide co que se expresaba tamén en Galego 3 (ILG. Universidade de Santiago, 1974): […] o abuso do arcaísmo (ás veces mesmo hiperarcaísmo) convirte (sic) a lingua nun ridículo producto artificial […]
En canto ó lusismo, este mesmo manual di que nunca o portugués pode ser o estrato culto do galego actual pois […] desde hai 600 anos […] tanto a lingua portuguesa como a galega, tiveron a súa propia deriva […] non convén esquecer que en Galicia síntese desde hai moito a influencia do adstrato castelán […] Pra sermos consecuentes co noso principio de non xebrar escesivamente o galego culto do galego popular (de xeito que aquel non sexa letra morta prós galegos), témonos que pronunciar en contra da portuguesización do galego. Se queremos unha norma operante temos que extraela do uso. (p. 81-2). Así este manual rexeita xornal (por periódico), ar (por aire), termo (por término), garavata (por corbata), etc. , xa que os considera lusismos innecesarios e artificiais. Reparemos ademais que, segundo afirma C. García en Tradición, actualidade e futuro do galego (Actas do coloquio de Tréveris. Xunta de Galicia. Santiago 1982) só do método de Gallego 1 ían vendidos astra mediados dete ano uns 60.000 exemplares (p.25). Nas mesmas Actas de Tréveris C. García afirma que para o citado Dicionario Básico da Lingua Galega […] tivemos que escoller unhas dúas mil palabras, que non foron escolleitas ó azar, senón que foron resultado de moitísimas horas de traballo buscando as palabras e os conceptos que máis se achegan ó que entendemos como desideratum léxico básico nunha lingua […] Por iso estraña, e moito, que o seguinte diccionario do ILG publicado en 1990 en colaboración coa RAG xa desbote bombilla (por lámpada), servilleta (por pano), silla (cadeira)… sen dar ningún tipo de explicación. Sen embargo, a lingua coloquial cobra o seu tributo, pois cando este mesmo diccionario define escrupuloso, pon como exemplo É tan escrupuloso que sempre limpa po prato cunha servilleta. Desbota silla por cadeira, pero en cachaperna dá: Estaba sentado á cachaperna na silla.E tamén na entrada lado dá silla: As sillas estaban colocadas polos lados da sala. Noutros ámbitos moi alongados do ILG e nunha persoa tan vixiante sobre a propia producción coma Carballo Calero, adail do reintegracionismo suceden cousas semellantes. En Conversas con Carballo Calero (Sotelo Blanco. 1985) usa piso (non andar), desenrolar (non desenvolver), cine (non cinema), periódico (non xornal), pasillo (non corredor), encarcelado (non encarcerado), ventaxa (non vantaxe), Axuntamento (non Concello), aterrizar (non aterrar), firma e firmar (non asinatura e asinar), ascensor (non elevador) facía varios anos (non había varios anos), desinterés (non desinterese), disminuído (non diminuído), ceremonialmente (non cerimonialmente)… Isto amosa ata onde chega o castelanismo e a separación que se está a dar entre normativa e lingua coloquial mesmo nos filólogos defensores do lusismo e do medievalismo.
6.- Pretendemos que nos entenda o falante do común, o que non é filólogo e que non teña complexo de non saber falar galego-galego ou que o galego normativo queda lonxe das súas posiblidades. Que pense que o léxico normativo está a facerse e non sempre co mesmo criterio. Nas Bases pra unificación das normas lingüísticas do galego (1976) aparecía o adxectivo rentable que no Galego coloquial (ILG, La Voz de Galicia,1986) pasa ase rendable e que agora no diccionario ILG-RAG de 1990 é xa rendible (como derivado de render). De acordo co Galego 3 non poderiamos poñer garavata ou gravata por lusismo. O citado Diccionario Básico do ILG impoñíanos corbata, pero o diccionario ILG-RAG do 90 xa obriga gravata, como en Portugal. O mesmo pasa con albañil, forma dos Galego 1,2 e 3 e do Diccionario Básico do ILG. CHOCA (Xove, X. CHOCA, Vocabulario elemental galego. Vigo 1881) xa fala de albañil e alvanel (con v por lusismo). EDIGAL (1985) dá albañil ou albanel, o mesmo fai o Galego Coloquial para terminar sendo só albanel, que non albañil, no diccionario ILG-RAG de 1990.
No presente diccionario imos ofrecendo e comentando eses cambios normativos e damos a carón da forma normativizada a forma coloquial para maior entendemento, pois o mesmo que a Xunta de Galicia que en moitos dos anuncios que publica na prensa diaria non fai caso da Normativa ILG-RAG e ás veces nin sequera do diccionario ILG-RAG que ela mesma subvenciona. Así vemos que a Xunta fala nos seus anuncios de albañil e albañiles, de oficiales albañiles, de presuposto, de muelle, de reló e non de albanel, oficiais, orzamento, peirao, reloxo… posiblemente por castelanismo, e polo tanto por descoido, ou por facerse entender pola xente do común, que fala galego pero non son filólogos.
7.- Queremos sinalar tamén un certo complexo destes diccionarios que non recollen como entradas algunhas formas por parecerlles castelanismos, pero que despois empregan nas definicións ou nos exemplos.. No diccionario ILG-RAG do 90 non aparece baloncesto como entrada. Pero en encestar dá: En balocesto, mete-lo balón pola canastra. Non admite silla, pero logo nos exemplos dá silla; non admite vela por candea, pero en candelabro dá vela. Non admitde quiste e dá ciste, pero en encistar dá como exemplo: Formarse un quiste e así moitas máis ocasións como se poderá comprobar no presente diccionario. Xerais na súa primeira edición (1886) descoñece acera e beirarrúa pero segue definindo paseo con acera.
8.- Intentamos poñer orde no uso das maiúsculas, do guión, da coma… O diccionario ILG-RAG de 1990 é, neste sentido, caótico Na entrada estado dá nos exemplos Industrias do Estado. e Escola do estado. Na entrada administración di na observación que esta palabra vai con maiúscula inicial cando se refire ó conxunto de ministerios e demais órganos de goberno que se encargan de xestionar os intereses públicos, pero na entrada chantaxe di: Facía chantaxe a altos cargos da administración.
O mesmo poderiamos dicir do uso da coma. O Diccionario ILG-RAG do 90, na mesma definición de coma dá como exemplo: Cando se escribe hai que pó-los puntos e as comas onde corresponda, onde falta unha coma despois de escribe. Dá virgula como sinónimo de coma e pon como exemplo: Ó escribires non esqueza-los puntos nin as vígulas, onde tamén falta unha coma despois de escribires. E así ducias e ducias e dicimos ben ducias e ducias de casos de mal emprego da coma ou vírgula.
Co uso do acento gráfico, que xa non til segundo este mesmo diccionario, pasa o mesmo. ILG-RAG da circuito sen acento gráfico na entrada e nos catro exemplos que pon, pero en conectar corrixe e xa dá correctamente circuíto. Dá como entrada curtocircuito, pero no exemplo desta mesma entrada dá xá curtocircuíto.
9.- Aínda que os diccionarios publicados son duros cos castelanismos de uso como bombilla, silla, etc. non teñen a mesma dureza cos castelanismo latentes, non manifestos, ou mesmo con anglicismos ou galicismos latentes que nos entran desde o castelán, especialmente desde a lingua da política ou do periodismo. Cesar é un verbo intransitivo e non se debe dicir O presidente cesou ó adestrador. Sen embargo, o diccionario ILG-RAG de 1990 admite esta acepción castelanizante de cesar: v.tr. Facer que alguén deixe de ocupar un cargo ou posto. Cesárono por incompatibilidades. García Cancela nun artigo titulado Algunhas consideracións sobre o galego como lingua da Administración publicado nun boletín da propia RAG (Cadernos da Lingua nº1. 1990) critica duramente ese uso transitivo do verbo cesar e sinálao como un bo exemplo de calcofilia do mal castelán. Máis exemplos deste tipo pódense atopar no corpo do presente diccionario.
ADDENDA
Cando xa este diccionario noso estaba en curso de impresión, apareceu un Diccionario de Dúbidas da Lingua Galega (DDLG) de Benigno Salgado met alii (Vigo. Galaxia,1991). Obra meritoria por ser o primeiro diccionario de dúbidas da nosa lingua, pero que nace, desde o noso particular punto de vista, cunha eiva notable xa que non toma en conta nin comenta o noso principal «corpus» normativo: o Diccionario da Lingua Galega do ILG-RAG de 1990. No seu lugar cita un mecanografado e non publicado Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG) do mesmo ILG-RAG e do ano 1889. Moitas das solucións normativizadoras que propoñía este Vocabulario deberon de ser modificadas cando o ILG e a RAG publicaron o seu citado diccionario que parece descoñecer o Diccionario de Dúbidas de Galaxia. Así rexeita cesar como verbo transitivo que ILG-RAG admite como tal e o mesmo pasa con demitir. O anglicismo latente contemplar no senso de prever, ter en conta é rexeitado polo DDLG, pero admitido polo ILG-RAG. Do mesmo xeito rexeita altavoz cando ILG-RAG o admite a carón de altofalante (e como sinónimos e sen preferencias). Cando todos os diccionarios desde GAL esc. poñen futbol, solución sancionada como boa polo ILG-RAG, o DDLG sen dar ningunha explicación volve a fútbol, forma do GAL de 1898 (Así: GAL. fútbol, GAL esc. 89 futbol, ILG-RAG 90 futbol; DDLG fútbol nas entradas balompé e futebol. Rexeita o DDLG camilla por padiola, pero segue sen resolver o problema de mesa camilla. Di que ILG admite carretilla cando no ILG-RAG, cambiando o que o que parece que di ese non publicado VOLG, dá só carreta con este sentido. Dá cualidade como correcta, cando o ILG-RAG dá só calidade. Grafa gavia (sicc) cando ILG-RAG impón gabia (gabia é tamén a forma do GAL e do GAL easc). Rexeita demitir como transitivo sen sinalar que con tal valor é admitido polo ILG-RAG (O presidente demitiu ó adestrador). Di que faldra é forma recomendada polo VOLG sen dicir que é rexeitada pola Normativa ILG-RAG de 1982 e que logo desaparece en ILG-RAG, que só dá saia. Rexeita fastidiar, sen explicar que é admitido polo ILG-RAG.
Rexeita firma e firmar, sen resaltar que o ILG-RAG admite estas formas como sinónimas de asinatura e sinar. que tamén admiten GAl e GAL esc. Di que entre ganar e gañar a preferencia é por gañar, apoiándose no citado e non publicado VOG cando o ILG.RAG do 90 prefire ganar. Admite gomitar (vulgarismo que tamén admitía GAL) cando ILG-RAG dá só vomitar. Rexeita gostar e gosto agpra admitidos polo ILG-RAG como variantes de gustar e gusto. Acepta grasa que non figura nin enGAL nin en GAL. esc., nin no ILG-RAG, que só rexistran graxa. Di en grilanda que o VOLG recomenda grinalda, cando agora ILG-RAG propón a forma máis etimolóxica grilanda.
Rexeita formas como guarida ou guarecer sen sinalar que son admitidas pola Normativa ILG-RAG do 1982 e polo ILG-RAG de 1990, aínda que prefirenin gorida e gorecer. Polo contrario, non sinala que tu por ti ou guardar por gardar son dialectalismos incorrectos. Grafa, segundo o misterioso e non publicado VOLG, haxíx cando ILG-RAG adopta haxix e ata dá como entrada *haxix con asterisco de incorrección. O GAL de 1988 daba haxíx con acento gráfico. Rexeita hostelería por hostalería, sendo hostelería a forma do ILG-RAG e non explica nada (a forma do GAL dee 1988 era tamén hostelería). Di que interese aparece no VOLG coa acepción de ·cartos que cobra ou dá a Banca polos cartos prestados, cando o ILG-RAG dá nesa acpeción xuros. Rexeita maiordomo e impón mordomo, sen dicir que o ILG-RAg daba só maiodormo.*Manzanilla é rexeitada con asterisco de incorrección polo IL-RAG, pero este Diccionario de Dúbidas dá manzanilla como forma correcta e como sinónimo de macela ou camomila. No ILG-RAG só figura macela. Non comenta os mcambios –cio > –zo (precio > prezo; xusticia > xustiza…)do ILG-RAG que xa só admite prezo, menspoprezo, xustiza,… e sinala con asterisco de incorrección *precio.
Grafa noiteboa cando o ILG-RAG considera este termo como nome propio e dá Noiteboa. Dá como incorrecto olfato e di que debe ser olfacto, cando a Normativa ILG-RAG do 82 e ILG-RAG do 90 impoñen olfato. GAL 88 daba olfacto tamén pero GAL. esc. 89 xa dá só olfato.
Non comenta en pazo/palacio que agora o ILG-RAG impón para todas as acepcións pazo.
Di que, segundo o mecanografado e non publicado VOLG, personaxe é faminino, pero ILG-RAG xa o dá como masculino. Admite píldora sen sinalar que o ILG-RAG rexistra pilula. Por certo, o GAL 88 non rexistra nin pilula nin píldora e o GAL esc. só rexistra pilula.
Non sinala que o ILG-RAG rexeita prancha e impón ferro de pasar. Non sinala tampouco que o ILG-RAG xa non rexistra preceuto e que impón precepto para todas as acepcións. Dá como válido quiñentos sen sinalar que a Normativa ILG-RAG e o diccionario ILG-RAG só rexistran cincocentos, –as. Dá rádar como incorrecto e propón radar sen dicir que rádar e a forma do ILG-RAG.
Rexeita respaldo, sen sinalar que figura en ILG-RAG. O mesmo fai con ronda, cando ILG-RAG prefire rolda, pero admite ronda. Rexeita o etimolóxico sacritán como incorrecto e propón a forma con etimoloxía popular sancristán, cando ILG-RAg dá como única forma sacristán.
Rexeita champú,que é a forma do ILG-RAG, e propón agora xampú.
Casos deste tipo poderiamos angadir moitos máis. ¿Que diriamos dun diccionario de dúbidas castelán que non fixera caso das solucións propostas polo Diccionario de la Real Academia Española? Inevitablemente o noso «corpus normativo» está formado e conformado polas Normas ILG-RAG do 82 e polo diccionario ILG-RAG do 90. Pódese estar ou non en desacordo coas súas solucións, pero deben ser comentadas sempre e ata aceptadas por máis que manifestemos ese desacordo.
Como remate, digamos que este diccionario de dúbidas publicado por Galaxia non trata practicamente os aspectos gramaticais nin mesmo ortolóxicos: non se fala da conxugación regular nin da irregular, nin da formación do xénero e do número, nin da colocación do pronome átono, nin do uso do infinitivo conxugado, nin do xerundio…. e tantos aspectos gramaticais que poden presenta dúbidas. A «gheada» e o seseo nin se citan. Tampouco se fala do emprego da coma, do punto, do guión, do acento gráfico, do uso das maiúsculas… aspectos que parecen parentes pobres da Gramática Galega en todos os diccionarios.
NOTA: Manuel Rodríguez Alonso, coautor do Dicionario de dúbidas, faleceu en septembro de 2015. Sirvan estas liñas como memoria de quen tanto foi entre nós.