Comentando Libros: MÉNDEZ FERRÍN E A SÚA INTERPRETACIÓN MÍTICO-POÉTICA DA HISTORIA DE GALICIA Enviado el Monday, 20 February a las 06:13:06 Tópico: Texto y fotografía
Comentando Libros: Conversas con Méndez Ferrín. Historia, Literatura, Nación
Notas de lectura de Conversas con Méndez Ferrín Historia, literatura, nación
Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2005
O xornalista ourensán Xosé Manuel del Caño publica este libro de conversas cun dos nosos escritores máis célebres e podemos dicir que, nestes momentos, grande escritor clásico Méndez Ferrín. Lembremos que moitos galegos piden hoxe que Méndez Ferrín sexa candidato ao premio Nobel de literatura. Pero Ferrín é non só un escritor, senón tamén un intelectual que, na mellor liña dos membros da xeración Nós, tenta dar a súa interpretación de Galicia e da súa historia. Mesmo proxecta o seu futuro. E por se fose pouco, Ferrín tamén ten unha face de político en activo, aínda que, hoxe por hoxe, nun partido extraparlamentario.
Ferrín, neste libro de conversas, realiza, máis ca unha
interpretación científica da historia de Galicia, unha
interpretación poética e mítica, que engaiola axiña os lectores,
aínda que poida ser discutible dende un punto de vista
científico. Así Ferrín fixa a identidade de Galicia como pobo ou
comunidade diferenciada nos tempos da cultura castrexa. Segundo
el, moi na liña de Vicetto, Murguía ou Cuevillas, a cultura
castrexa constitúe o cerne da nacionalidade galega. Así o
recoñeceron os romanos, que designaron esta realidade co nome
Gallaecia. Expresión material desta cultura castrexa, aínda viva
hoxe, son os petroglifos. Pero Ferrín considera a cultura
castrexa non como celta, senón como unha mestizaxe de razas
prehistóricas e protohistóricas. Así pois Ferrín instálase,
consciente ou inconscientemente, na liña mítica castrexa e
celtista de Vicetto, Murguía, Pondal, Risco, Cuevillas...
Posiblemente isto non sexa verdade desde o punto de vista da
historia científica, pero funciona como tópico mítico e
literario. De aí o engado destas teorías, á marxe da súa posible
valía científica ou verdade.
O esfarelamento
do Imperio romano é para Ferrín un ben porque permite a entrada
dos suevos en Galicia e que rexurda a cultura castrexa,
asoballada polo Imperio romano. Os suevos non son unha
superestrutura militar en Galicia, senón unha poboación que se
asimila aos castrexos, libres do xugo romano, e contribúen a que
Galicia se identifique como nación. Aínda que Ferrín fale de
mestizaxe méteselle a idea do celtismo, do xermanismo e do
atlantismo de pensadores como Murguía-Risco, fronte ao
mediterraneísmo ou espírito latino-musulmán da cultura
mediterránea ou ibera de Castela. Por máis que Ferrín diga máis
adiante que pouco ten en común coas visións de Risco, aí seguen
a estar. Ferrín amosa así mesmo un certo orgullo porque en
Galicia nunca houbo musulmáns.
Considera
Ferrín que a gran figura da rexión galega é san Rosendo e a súa
familia nobre. Característico da nobreza galega, representada
por san Rosendo, é a ausencia de ambición conquistadora. Chegan
coas súas conquistas a Coimbra e non queren máis terras nin
poder, porque o galego non é ambicioso nin imperialista. Fermosa
e poética interpretación de novo da nobreza medieval galega,
pero o malo é que esquece os moitos nobres galegos que
participaron na reconquista castelá (lembremos por exemplo a de
Sevilla) ou o labor do propio Xelmírez, verdadeiro creador da
mariña do reino de Castela. Por outra parte, suxíresenos unha
visión da nobreza feudal da época de san Rosendo como a dunha
clase social bondadosa só preocupada polo benestar dos galegos
medievais. É a pegada da literatura profidalguía de Otero
Pedrayo, aínda que Méndez Ferrín non se decate diso.
Polos camiños
do mito histórico-poético Ferrín, ao xeito de Cabanillas ou
Antón Villar Ponte, considera a Pero Pardo de Cela primeiro gran
representante da independencia de Galicia fronte ao asimilismo
dos Reis Católicos.
Noutros casos
Ferrín desbota tópicos como o de que Galicia é unha sociedade
rural e defende unha Galicia, xa na Idade Media, de artesáns,
comerciantes e burgueses, que poñían en cuestión o poder
eclesiástico-señorial dos bispos. Nesa liña interpreta a revolta
dos Irmandiños.
Ferrín sinala
que o galeguismo xurdido no século XIX foi un movemento
eminentemente liberal e progresista. Moitos porán apoñerlle a
Ferrín que Brañas ou Losada procedían do carlismo, que Otero se
opuxo no parlamento republicano ao laicismo da escola ou que
Risco ten unha ideoloxía ultraconservadora... Pero xa dicimos
que estamos ante unha intepretación poética e mítica, non ante a
científica dun historiador profesional.
Asisadas son as
reflexións sobre o estado da literatura galega entre 1916-1936,
desmitificando Ferrín un suposto esplendor, que certamente non
se apoiaba nunha venda masiva de libros, pois a editorial Nós,
por termo medio, non pasaba de vender entre 200 e 300 exemplares...
Ferrín
desmitifica así mesmo o papel da editorial Galaxia no
renacemento cultural da literatura galega de posguerra. Sinala
que antes existiron outras editoriais tan meritorias como
Bibliófilos Gallegos, Benito Soto, Monterrei ou Xistral.
Ferrín tamén realiza unha dura crítica contra o grupo Galaxia e
o propio Ramón Piñeiro. Pola contra exalta o labor do exilio,
especialmente de revistas como Vieiros.
Na análise da
oposición ao franquismo Ferrín minimiza a función de grupos como
o PCE e gaba a importancia da UPG.
No referente á
literatura galega contemporánea, avoga pola importancia que tivo
a propia xeración súa (as chamada xeración das Festas Minervais)
ou do grupo Rompente, fronte aos defensores da poesía e
literatura do socialrealismo, auspiciada, segundo Ferrín, polo
PCE, pero castelanista e pobre, tanto temática como
técnicamente.
Interesantísima
é así mesmo a interpretación que Ferrín ofrece da transición ou
do momento actual da globalización, que, por suposto, non se
axustan aos canons aos que estamos afeitos. Do mesmo ton son as
súas reflexións sobre o ingreso na Unión Europea. Dun xeito
parecido examina o grupo Prisa ou figuras importantes do
empresariado galego actual, como Pescanova ou Sargadelos.
Como escritor e
historiador da literatura galega, Ferrín ofrece suxestións de
estudo para revisar a literatura galega, chea de tópicos sobre
Rosalía, Curros, Pondal... Reivindica, de novo, a Pondal como o
gran poeta galego. Sinala que cómpre unha crítica da
literatura galega emancipada e non burocrática.
Por fin, cara
ao remate do libro, Ferrín di que el avoga pola independencia
nacional de Galicia e a constitución dun Estado galego...
Xa que logo,
estamos ante un libro en que un dos nosos grandes escritores
actuais interpreta o pasado e presente de Galicia, ao xeito dos
literatos que tratan de fixar o chamado espírito dos pobos,
como fixeron os escritores do noventa e oito ou os membros da
xeración Nós. Non lles temos que pedir a estas intepretacións a
verdade da historia científica, pero é ben certo que nelas se
atopan intuicións que poden axudar a facer unha historia
científica ou a desbotar tópicos ou ideas que se repiten por
simple preguiza intelectual. Por outra banda, Ferrín dános a súa
testemuña da evolución política e intelectual dos últimos
cincuenta anos de Galicia. Claro que el foi un protagonista
privilexiado desta evolución, como escritor e como político,
polo que está tinguida de subxectividade, pero, por outra parte,
é enormemente sincera e manexa datos dalguén que viviu os feitos
e ata foi protagonista deles...
Por outra
banda, como xa dixemos, é común que todo grande escritor,
especialmente dunha literatura dun país sen Estado ou dun país
que por calquera feito histórico entra nunha crise de
identidade, tente ofrecer na súa obra unha interpretación da
historia, do espírito nacional ou mesmo do carácter da súa
nación ou país. Esta intepretación non ten porque ser científica
no cento por cento. O que si adoita ser é mítica, fermosa,
poética, aínda que isto non queira dicir que non teña elementos
verdadeiros e ata obxectivos, como xa vimos enriba.
Ferrín neste libro de conversas móvese nese terreo do creador
literario nacionalista que navega entre o mito e a historia, a
obxectividade e o subxectividade, pero sempre no terreo da
beleza e da sinceridade. Cómpre, xa que logo, ler con vagar
estas conversas de Ferrín con Del Caño.